Galicia en primeira rexional

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Día si e día tamén a política española xira arredor das expectativas, especulacións e resultados agardados da entrevista entre o presidente Pedro Sanchez e o president Quim Torra. O Lehendakari Urkullu xa pasou por Moncloa para falar de reforma do Estado, plurinacionalidade, política penitenciaría e 36 competencias máis que espera recibir. O Noso Alberto vai o seguinte, e xa sabemos de que quere falar: o traspaso da AP-9, a conclusión do AVE a finais do 2019 e, se queda algo de tempo, a ver se comentamos o da financiación autonómica.

Mentres os demais van falar de política, nós imos falar de infraestruturas. Vascos e cataláns queren falar de autogoberno e reformas constitucionais. Nós contentámonos con falar de cemento e asfalto. Se a alguén lle quedaba algunha dúbida sobre en que liga xoga agora Galicia na política do Estado, aquí ten a resposta: en primeira rexional.

Non é por facerlles spoiler, pero creo que non fai falla ser Esperanza Gracia ou o Mago Merlín para saber como vai ir a conversa entre o presidente do españois e O Noso presidente.

O Goberno de España recordaralle que o PP e O Noso Mariano tamén lle dixeron que non no seu día e que daquela ben lle valía. O Noso Alberto recuncaralle que si pero que o Goberno galego calaba por sentido de Estado

No da transferencia da autopista o presidente español vaille dicir que seguramente non. O Noso Alberto protestará indignado. O Goberno de España recordaralle que o PP e O Noso Mariano tamén lle dixeron que non no seu día e daquela ben que lle valía. O Noso Alberto recuncaralle que si, que vale, pero que o Goberno galego calaba por sentido de Estado e porque O Noso Mariano dicía sempre que non a todos; pero que agora Galicia só pide o que Pedro Sánchez está disposto a regalar aos nacionalistas que lle axudaron a asaltar a Moncloa. E volta a empezar.

No da financiación autonómica, Sánchez diralle que non vai poder ser nesta lexislatura porque non ten os votos. O Noso Alberto meteralle présa. O presidente español diralle que a que vén agora tanto apuro se nos seis anos de Goberno do PP, catro con maioría absoluta, nunca se acordou de reformar a financiación autonómica. O Noso Alberto diralle que si, que vale, pero que calaba porque na Moncloa estaba O Noso Mariano, que era un home de Estado, e non o que hai agora. Cando mandaba O Noso Mariano o debate non se abría por responsabilidade. Con Pedro Sanchez non se abre porque hai que pagarlles aos vascos e aos cataláns os favores. E volta a empezar.

Pero ningún tema levantará tanta paixón nin polémica como o AVE. O Noso Alberto reclamaralle que se acabe nos prazos que comprometera O Noso Mariano. Entón Pedro Sanchez diralle que si, que vale, pero que xa o Goberno do PP avisará de que ao mellor se retrasaban algo e que, daquela, a O Noso Alberto parecéralle un grande avance saber con tempo que ía haber retraso, para poder asimilalo con calma. O Noso Alberto diralle entón que aquel retraso era por dificultades técnicas e porque todo o mundo sabe que non se fixo o tramo de Zamora nunha hora. Agora o retraso será porque hai que pagar favores políticos a vascos e cataláns. E volta a empezar.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail