Europa na cultura

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«A cultura é o que, na morte, continúa sendo a vida».

André Malraux.

Hai uns días tiven a posibilidade de asistir, no hemiciclo do Parlamento Europeo en Bruxelas, a unha desas conferencias que na capital da Unión chaman de alto nivel: «Patrimonio cultural en Europa: unindo pasado e futuro». A invitación, cursada á revista Luzes desde a Oficina do Parlamento Europeo en España, resulta case tan curiosa como o contido deste evento que se celebra este 2018 coincidindo co Ano Europeo de Patrimonio Cultural.

E é que nesa xuntanza, inaugurada polos presidentes da Comisión e do Parlamento comunitarios, non se falou doutra cousa que da importancia da… cultura! Si, nin da economía, nin da moeda única, nin do mercado común, nin da financiación da UE. Non. Da cultura. E todas as persoas que actuaron de poñentes, desde as máximas autoridades das principais institucións europeas ata Jean Michel Jarre ou Daniel Baremboin pasando polas ministras de cultura de Alemaña, Grecia ou o reitor da Universidade de Salamanca, conviñeron na importancia determinante da cultura como elemento clave na configuración da identidade europea e como principal barreira contra o seu desmantelamento.

Vista xeral da Conferencia. Ao fondo, un cartel dos intérpretes do Parlamento actualmente en folga. © European Union 2018 – Source : EP. Didier BAUWERAERTS.

«O sentimento europeo non se crea só coa economía, a cultura é a base da nosa aventura común e clave para evitar a fin do soño desta unión que vive tempos complicados», manifestou o presidente do Parlamento, Antonio Tajani, fundador do partido de Silvio Berlusconi, Forza Italia, e ex-portavoz do catro veces primeiro ministro italiano. «A UE é máis que relacións comerciais, que un mercado e unha moeda únicos. Europa non é só diñeiro e comercio», engadiu o presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, ex-primeiro ministro de Luxemburgo, país que é un dos principais centros financeiros mundiais, cunha capitalización en bolsa superior á das Illas Caimán, Singapur ou Hong Kong, pero que non está recoñecido como paraíso fiscal pola UE.

Xunto a eles, o creador francés de música electrónica, Jarre, defendeu a conveniencia de apostar de maneira decidida polos dereitos de autor para protexer os artistas que «nunca antes recibiran tan pouco polo seu traballo», e animou a fixar os marcos lexislativos na directiva que sobre este asunto se debaterá proximamente na Cámara europea. «Non dar recursos aos artistas para expresarse, iso si que é censura, non a lei para protexelos», sentenzou. Na actualidade, segundo a Comisión Europea, unhas 300.000 persoas traballan directamente na UE en actividades relacionadas coa promoción e a protección do patrimonio cultural e outros 7,8 millóns fano de forma indirecta.

O compositor francés de música electrónica, Jean Michel Jarre, a carón do presidente do Parlamento, Antonio Tajani.© European Union 2018 – Source : EP.

O chef Thierry Marx, a fotógrafa Mathilde de l’Ecotais ou o director de cine Radu Mihaileanu foron outros dos participantes xunto a Ezio Bosso. O director de orquestra e compositor italiano asegurou que a música forxa a nosa identidade e recordou anécdotas de Mozart, Chopin, Bach e outros grandes compositores de música clásica: «É a diferenza o que temos que protexer, pero tamén o noso arraigamento europeo, a música fai que se veñan abaixo todas as fronteiras e se nos identifique en todo o mundo».

O valor diferencial da cultura, a súa capacidade para traspasar países e exercer de elemento de cohesión entre a cidadanía non se limita ás fronteiras da UE, nin sequera de Europa no seu conxunto, senón que a súa é unha aportación universal, perseguida ao longo da historia por réximes totalitarios e mesmo algúns supostamente democráticos. Con todo, si que é neste continente onde a sociedade civil lle outorga á cultura unha maior relevancia na configuración do sentimento de comunidade. Segundo o último Eurobarómetro, máis de oito de cada dez enquisados consideran que o patrimonio cultural é importante para eles e para a súa comunidade, e oito de cada dez opinan que o é para a UE. Protexer e achegarlle á cidadanía o rico patrimonio cultural, aumentar a súa participación en actividades culturais –un 36% non o fan-, promover a mobilidade dos artistas ou fomentar a arte e a cultura na educación son algúns dos obxectivos da Nova Axenda Europea da Cultura, adoptada en maio deste ano.

O reitor da Universidade de Salamanca, Ricardo Rivero, entregoulle ao Parlamento Europeo a medalla da institución académica. © European Union 2018 – Source : EP. Didier BAUWERAERTS.

Cando pensamos en Europa, hoxe en día, facémolo coa mente posta no Brexit, a crise migratoria e de refuxiados, o ascenso de populismos e partidos xenófobos, a crise do euro, os recortes en políticas sociais ou unha política exterior errática. Retos que desestabilizan a integración e a cooperación entre os países e que atentan contra os principios fundacionales da UE. Pero Europa segue sendo tamén os Camiños de Santiago, o gótico ou o barroco, o Pórtico da Gloria, a defensa das linguas minorizadas, a novena sinfonía de Beethoven, Leonardo da Vinci, Shakespeare e Cervantes, a pintura flamenca, Picasso, o impresionismo francés e un longo etcétera.

Fortalecer Europa requiriría, pois, nestes tempos de desilusión e euroescepticismo, enfocar os esforzos na cultura, non como un elemento máis de mercadotecnia, senón como mecanismo para axudar a superar diferenzas e a manter a esperanza no proxecto de comuñón levantado trala II Guerra Mundial. Nese caso, como en tantos outros, a cultura –a gran cultura europea- non serviron como escudo protector fronte á barbarie. E a guerra dos Balcáns volveu probar, máis recentemente, que a ignominia prende en Europa pese á cultura. Con todo, cabe preguntarse, como facía a europarlamentaria Silvia Costa: «Que outra cousa senón a arte, a filosofía, a arquitectura, a espiritualidade, o cine… que fan que se recoñeza Europa en todo o mundo, poden crear ese europeísmo, nos poden unir na diversidade?». Ou o que é o mesmo: E sen a cultura… ata onde teriamos chegado?

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail