Os cen mil fillos de don Manuel

«Marchemos francamente, e eu o primeiro, pola senda constitucional».

Fernando VII (1820).

Mirade onde temos hoxe o listón pero, aínda así, a frase que encabeza este artigo chega ata nós como un dos maiores exemplos nunca vistos de hipocrisía ou cinismo político. Pronunciouna o monarca absolutista despois de que o éxito do alzamento de Riego (o do himno que tocan na Copa Davis) o obrigase a xurar a Constitución de 1812, a Pepa, da que Marx dixera aquilo de que se redactara nunhas circunstancias que «non teñen paralelo na historia».

É entón cando aparece a Santa Alianza (S.A.). Baixo este nome de grupo pulp de superviláns atopamos a coalición formada por Austria, Rusia e Prusia para combater –sempre dende un punto de vista cristián–, calquera posibilidade de movemento revolucionario no mundo. Algo semellante a Hidra, Spectra ou, se queremos levalo á realidade, á OTAN.

Segundo onde se lea, a S.A. alentou –ou, polo menos, viu con bos ollos– o envío a España dos Cen Mil Fillos de San Luís para devolver a Fernando ao seu particular King’s Landing. «Cen mil franceses están dispostos a marchar invocando o nome de San Luís para conservar no trono de España un Borbón, preservar ese fermoso reino da súa ruína e reconcilialo con Europa», berraba, como un Lannister calquera, Luís XVIII de Francia. O peor foi que o conseguiron, poñéndolle fin ao chamado Trienio Liberal. Si, unha vez máis, as forzas do lado escuro gañaban a guerra entre españois.

Cantos eran eses Cen Mil Fillos? Aquí outra vez as fontes difiren. Parece case seguro que, en realidade, eran uns 95.000 e que, con bo criterio, optouse por redondear («Os 95.000 Fillos de San Luís» tiña moita menos pegada). Hai quen, sumando os lealistas españois eleva a cifra aos 130.000 e quen sintetiza «60.000 soldados e outros tantos mercenarios». Semella que esa «disposición a marchar» da que falaba O Desexado viña pagada polo ouro, non sei se de Versalles ou de San Petersburgo (Moscú non era aínda capital).

Quizais esa fórmula, a da subvención –que tan bo resultado lles dá noutras facetas, como esta do xornalismo– tería que ter sido a adoptada hoxe en día polo PPdeG para que esa cifra máxica, a dos Cen Mil Fillos de Don Manuel, fose algunha vez unha realidade. As primarias populares (alguén pensou algunha vez oír tal cousa?) acabaron cun dos mitos clásicos da restauración fraguiana: o dos cen mil afiliados, esa cifra lendaria que se alcanzaba cada certo tempo coas sucesivas campañas de enganche, sempre que os conservadores querían –ou necesitaban– amosar músculo.

Cando empezabamos a pensar que a todos eses militantes tíñanos anotados, aínda que fose en B, Feijóo apareceu para dar a explicación: é a suma de simpatizantes e afiliados. Acabáramos! Por iso non foron nin cinco mil os que se apuntaron para elixir o sucesor de M. Rajoy. Vaia, por iso e porque o seu favorito quedara na casa. Como os que deixan de ver o Másters desde que eliminan a Nadal; ou o Mundial, cando mandan para a casa a selección…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail