A empanada

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O sábado aquel, cara ao final da tarde, recibía a mensaxe dun amigo suxerindo ir comer ao monte Aloia ao día seguinte. “Coa familia, pelotas e cervexa”, concretaba. Animado, fíxenlle a pregunta: “Que levo?”. “Leva unha empanada”, díxome. A esas horas, as panaderías xa estaban pechadas. Unha empanada. Corrín decidido ata o Carrefour e busquei a sección correspondente. Só atopei unha de bonito, desprazada. Compadecinme dos nosos esófagos. Xa na caixa, reparaba no envoltorio do producto. Na bolsa de papel presumíase da autenticidade da empanada: “Más gallega que la indecisión”.

Durante a comida, atrevinme a roer a derradeira porción da miña achega a aquel picnic e, xusto aí, a empanada con sabor a tapa de bolígrafo, ao tempo que relía a frase da bolsa de papel, fixo en min o mesmo efecto cursi e envolvente que a madalena en Proust: comecei a lembrar todos os momentos nos que a sintaxe de Rajoy potenciaba o estereotipo da indecisión galega. O mito da escaleira nunca foi tan potente como dende hai seis anos. Unha lexislatura e pico así.

Aquí xogamos ao futbito con equipacións patrocinadas por puticlubs. Rexistramos a Franco en Ferrol. Esnifamos licor café. Votamos a Fraga tantas veces e, sen pensar nas consecuencias saímos a apagar lumes e descontaminar praias

“Mariano Rajoy tiene fama de ser muy gallego, pero luego, conociéndolo bien, es una persona bastante más normal de lo que la gente cree”. Cando o presidente do BBVA, Francisco González, respondía así a unha pregunta dunha redactora de XLSemanal facíao sorrindo, entre parénteses. Foi en xuño de hai catro anos. Francisco González tamén é un tipo lóxico e normal, igual que o ex-presidente, a pesar de ser de Chantada. 

Durante a comparecencia de Rajoy como testemuña no xuízo da trama Gürtel, o avogado Benítez de Lugo queixábase de que o popular lle respostase dun xeito “muy gallego” cando lle explicaba que unha viaxe a Canarias pagáraa o seu partido “hasta donde yo sé”. “La respuesta debe ser muy gallega, porque no puede ser riojana”, respondéralle Rajoy.

“Indecisión”, comentan con total lixeireza. Aquí xogamos ao futbito con equipacións patrocinadas por puticlubs. Rexistramos a Franco en Ferrol. Esnifamos licor café. Votamos a Fraga tantas veces. E o tópico da escaleira é usado até aburrir para definir aos que vivimos nun recanto como este no que, sen pensar nas consecuencias, saímos a apagar lumes con capachos e a descontaminar praias coas uñas. Sen meditalo.

Feijóo decide non pelexar pola presidencia do PP e Rajoy volve ao seu posto de funcionario, en mangas de camisa. A decisión de Feijóo líbrao de ser candidato e de ter que explicarlle á prensa estranxeira por que un posible presidente do Goberno sae nunhas fotos cun narco; a de Rajoy, aumenta a súa insultante pinta de tipo normal. Tan gallego.

Funcionario en Santa Pola, Alicante, co insólitas que deben de ser alí as empanadas. Para que logo digan.

Non nos comprenden, non.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail