O outro Xabier

«Oichó…» O primeiro motivo de complicidade con Xavier P. DoCampo foi formar parte os dous dese escaso 13% dos galegos que somos de Lugo, ou máis exactamente dese aínda máis cativo porcentaxe de lugueses con memoria vilega ou rural. Os que podemos manexar como vocativo ese «oíches, ho!» contraído, ou ese «ño!» exclamativo que expresa a meirande dimensión da marabilla ou da sorpresa. Cando Xabier, que sei que o usaba a feito con Agustín Fernández Paz, por exemplo na habitual chamada nocturna pospelícula, se dirixiu a min co «oichó!» foi o maior galardón que tiven en anos. E é dese Xabier do que lles quero falar.

Xabier permitía aproximar beiras separadas, era un pasal no medio da auga, un punto de encontro. Sempre lle preocupou unir e agrupar

Bragado, Pereiro, DoCampo, de festa

Do Xabier Puente DoCampo escritor poderán gozar sempre que queiran, e haberá xente moito máis cualificada para ponderalo como tal. Contra as actuais tendencias, entendo que hai magníficos creadores que habitan en persoas realmente pútridas. Mais eu a Xabier apreciaríao aínda que fose un empregado de banca que nunca usara a escrita para outra cousa que non fose asentar fondos e librar pagarés. Aínda que non fose dos mellores e máis divertidos conversadores que coñecín (e coñecín moitos: Manuel María, Uxío Novoneyra, Casares…). Entre os moitos méritos que sen dúbida se destacarán estes días, eu quero facer fincapé nun aspecto que confirma que Xabier Puente DoCampo era un bo home, por riba dos seus talentos.

Presentación do 25X de 2015

Xabier, como revela o seu primeiro apelido, permitía aproximar beiras separadas, era un pasal no medio da auga, un punto de encontro. Sempre lle preocupou unir e agrupar. En Prolingua, en Somos Nós, no comité A Nación Galega que promoveu o 25 de xullo de 2015, no Banquete de Conxo 2.0… en Iniciativa pola Unión, á que tivo que renunciar cando tivo o primeiro aviso da súa enfermidade. Nunca foi sectario, nin dixo unha cousa ou outra dependendo diante de quen, nin fixo unha terceira que non era ningunha das dúas anteriores. Todo iso a pesar de ter uns principios definidos, un carácter firme e unha voz como para deixar ben claro todo o anterior. Foi o mellor aliado e compañeiro que nunca tiven, e dos poucos ao que non lle teño nada que reprochar, cando nos metemos, con tanta inconsciencia como esperanza, en determinados sarillos. Saímos coas orellas quentes, pero ao cabo, como dicía Borges –Xabier botaría mao de algún moito máis ocorrente de Castro de Rei- un cabaleiro soamente pode apoiar causas perdidas.

Por iso, oichó, isto non se fai. Xa non digo a min, senón nin moito menos a Chus e a Daniel. Esta non cha perdoo, irmao maior.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail