Transición (Ecolóxica)? Que transición?

Un dos aspectos máis novidosos e comentados do inesperado Goberno de Pedro Sánchez é o novo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Máis alá deste rechamante nome, que é o que hai? Cara onde é que nos ofrecen transitar? Unha transición enténdese como un proceso de paso dun lugar, dun sistema ou dun estado a outro diferente. Por exemplo, en España denomínase Transición política á que nos levou da ditadura a isto que temos desde 1975-78 e que moitos chaman «democracia». Mais cando nos falan dunha «transición ecolóxica» podemos entender máis ou menos de onde partimos, pero ninguén nos explica cara onde se supón que nos queren dirixir.

Para dificultar aínda máis a comprensión do que se propón, estase a utilizar a dupla terminoloxía de #TransiciónEnerxética / #TransiciónEcolóxica. Entón é unha transición dun sistema enerxético a outro? Ou dunha economía a outra… que sexa «ecolóxica», como parece querer dar a entender o Goberno nas súas declaracións dos primeiros días?

O positivo

Comecemos identificando o interesante e positivo: que Medio Ambiente e Enerxía sexan agora áreas reunidas nun mesmo ministerio e separadas das influencias perniciosas dos de Agricultura ou Industria. Así e todo, tampouco é que inventara con isto a pólvora o PSOE, xa que semella influído ou inspirado pola creación dun ministerio análogo en Francia o pasado ano polo presidente Macron —ministro de Transición Ecolóxica e Solidaria, Nicolas Hulot, ten unha sólida traxectoria ecoloxista —, onde mesmo contan cun Comité (gubernamental) para a Transición. E se o PSOE está a seguir dalgún xeito as políticas do país galo neste terreo, poderemos comezar a intuír que consideran a transición enerxética como unha parte da transición ecolóxica.

Porén, se é expresamente unha transición «da Economía» (dun tipo de economía a outro distinto, enténdese), a primeira dúbida que nos asalta é: por que non se fai esa «transición» desde o Ministerio de Economía? Ou por que non outorgarlle rango de vicepresidencia para así poder dirixir dunha maneira integral esa transición na que se relaciona (ou debería relacionar) todo: enerxía, economía, medio ambiente, industria, transporte, agricultura, consumo, emprego..? Tamén nos leva a preguntarnos: se o que se pretende é ir cara unha economía ecolóxica, por que non hai algún(ha) economista desta corrente nomeado/a para dirixila? Porque tanto no Ministerio para a T.E. como no de Economía non houbo ningún nomeamento con este tipo de perfil, e non será que falten representantes desta corrente crítica de economía en España! Hai algo, entón, que non encaixa na formulación desta chamada «transición ecolóxica», algo que renxe. O novidoso nome semella ser, cando menos, unha declaración de intencións, mais cómpre agardar (polas súas obras os coñeceredes) para ver se non fica todo en puro marketing verde do novo Goberno.

Por que non se fai esa «transición» desde o Ministerio de Economía? Por que non outorgarlle rango de vicepresidencia para así dirixir a transición dunha maneira integral? Por que non hai un algún economista da corrente ecolóxica para dirixila?

Un Goberno, o de Sánchez, que nace con vocación transitoria, provisional. E sendo así, como é que se atreven a falar de tan ampulosos obxectivos, e poñer metas a varios lustros vista, cando se sabe historicamente que son precisos corenta ou cincuenta anos para levar a cabo unha transición enerxética, e que xa levamos vinte de retraso? O Informe Hirsch (Peaking of World Oil Production: Impacts, Mitigation, and Risk Management) ao Goberno Bush advertía en 2007 de que era preciso comezar as transformacións profundas para abandonar o petróleo, vinte anos antes de este chegar ao seu teito de extracción mundial se se querían evitar as peores consecuencias do futuro desabastecemento. Ese teito xa foi en 2006 para o petróleo cru (dato da Axencia Internacional da Enerxía), e de todos os líquidos asimilables ao petróleo está sendo no momento actual, segundo apuntan os expertos independentes. É dicir, deberiamos ter comezado a transición enerxética en 1986, ou como moi tarde no remate do século XX. As transicións dun modelo baseado nunha fonte de enerxía principal a outro baseado noutra enerxía diferente, cómpre facelas cando aínda a anterior fonte enerxética está no seu apoxeo ou medrando a súa dispoñibilidade. Sempre foi así (da madeira ao carbón, deste ao petróleo…), o cal ten absoluta lóxica, pois transformar o sistema para que funcione con outro tipo de enerxía implica un descomunal consumo… si, de enerxía. Mais agora xa non poderemos, no caso dos combustibles fósiles, pois están a piques de entrar en declive no seu conxunto, e o petróleo antes ca ningún. Ante esta situación, sería —se cadra— máis honesto e realista ter creado un Ministerio para a Xestión do Colapso Enerxético.

Como é que se atreven a poñer metas a varios lustros vista, cando se sabe que son precisos corenta ou cincuenta anos para levar a cabo unha transición enerxética e que xa levamos vinte de retraso? Ante esta situación, sería máis honesto e realista ter creado un Ministerio para a Xestión do Colapso Enerxético

O renovable non é o que parece

Mais volvendo á visión business-as-usual versión verde do novo Goberno, dentro das primeras políticas cuantificables da ministra Ribera estase a falar dun obxectivo de 30% de renovables para o 2030. Ben, se temos en conta o devalar do resto de fontes enerxéticas, máis ca algo que aplaudir, semella un exercicio de pragmatismo que tenta facer da necesidade virtude e vender como unha política avanzada o que non é senón a asunción dun feito inevitable. Doado, se o petróleo, que é un terzo da enerxía primaria consumida na Unión desaparece para entón; daquela o 15% de renovables automaticamente, ao desaparecer o petróleo, e sen ter que instalar un só panel solar ou tarabelo eólico, convértese por arte de maxia matemática no 22%… E se descontamos tamén o gas natural (23%) e o carbón (outro 15%), que tamén teñen os días contados, daquela a enerxía renovable queda como o 50%! Oh, milagre! Claro que fornecendo para entón, en total, un 15% da enerxía que temos hoxe, o cal significaría, grosso modo, un 15% das empresas, un 15% dos servizos públicos, un 15% dos empregos, un 15% dos coches…

Dar tantos-por-cento só serve para facer xestos de cara á galería e pouco nos aclara acerca de cara onde imos en realidade. Non serve de nada aumentar a parte renovable do noso consumo enerxético, se este non para de medrar

Como adoito retrucar eu, tamén os nosos tataravós vivían nun sistema 100% renovable; isto é, sen falarmos do consumo/xeración total de enerxía, dar tantos-por-cento só serve para facer xestos de cara á galería e pouco nos aclara acerca de cara onde imos en realidade. Nun contexto de devalar enerxético inevitable, non é de recibo falar de composición do mix enerxético sen falar de niveis e ritmos de redución do consumo (mundial, nacional, por sectores, per cápita, etc.). No fondo disto agóchase o problema de que as chamadas enerxías renovables son en realidade sistemas non renovables de captación de enerxías renovables, e que non veñen sendo senón unha extensión das enerxías fósiles, e nunca un substituto permanente nin capaz de chegar ao nivel de fornecemento de enerxía neta das fósiles («a enerxía renovable non pode termar dunha sociedade de consumo», como adoita sentenciar Ted Trainer). Non serve de nada aumentar a parte renovable do noso consumo enerxético, se este non para de medrar (o comido polo servido). Os nosos países seguen a consumir cada ano máis e máis petróleo e outros combustibles fósiles. E isto, e non outra cousa, é o que pon en cuestionamento todo, pois é inminente que cada ano teñamos menos deles (debido ao teito do petróleo, o do gas, o do carbón, e mesmo o do uranio).

Así pois, o que cumprería facer ante unha situación tal sería reducir o consumo de non renovables, máis ca limitarse a aumentar o de renovables, que ao final o que fan é seguir alimentando un pouco máis o mesmo modelo insostible de crecemento a toda costa, dándolle unha prórroga inútil a un partido que é imposible de gañar. E esa prórroga inservible non é, en absoluto, ningunha transición cara a outro modelo. E tampouco un troco de «discurso, de narrativa», como defendían desde o equipo do presidente Sánchez, pois a narrativa segue sendo a mesma: medrar a toda costa, aínda que agora nos adornemos con adxetivos verdes, limpos, sostibles ou en transición. Asemade, de calquera xeito, o 30% de renovables para 2030 é algo que os coñecedores da situación do devalar do petróleo, como Pedro Prieto, vicepresidente de Asociación Española para el Estudio de los Recursos Energéticos (AEREN), cualifican de «absolutamente insuficiente». Así que, se cadra, si que España avanza nos seus obxectivos a nivel emisións dentro do que é o clube da UE, mais son avances nunha carreira de formigas cando o que compre é darmos saltos de lebre para fuxir do incendio civilizatorio que nos persegue.

O que cumpriría facer sería reducir o consumo de non renovables, máis ca limitarse a aumentar o de renovables que o que fan é seguir alimentando o mesmo modelo insostible de crecemento a toda costa

Contra as medias tintas

Unha auténtica transición sería a que nos levase até un sistema que non precisase medrar, porque xa é inviable seguir facéndoo moito máis tempo (demóstrano o modelo World3 do Limits to Growth, o modelo MEDEAS, etc.): levaríanos inevitablemente a falar de Decrecemento (como alternativa política), da Steady State Economy, de abandono do capitalismo, de planificación económica ecosocialista, de rerruralización dos países industrializados… Isto é: a verdadeira, a única transición posible da economía, para ser ecolóxica, tería que ser unha transición post-capitalista. E podemos pensar que estea o PSOE polo labor? Abofé que nos aledaría moito sabelo. E se non é así, o que sexa que houber por tras dese trending topic, dese termo de moda —mesmo empregado polo Papa Francisco na Laudatio si’ e reiterada no seu recente discurso diante de representantes da industria petroleira, da Transición Ecolóxica, non será senón un bluf, un exercicio de gatopardismo, de verniz verde para non trocar de modelo socioeconómico, para furtar a verdadeira transición, se cadra como se furtou aquela outra Transición (a política) á morte do ditador Franco, aquela que ía significar unha ruptura democrática como a que se vivira noutros países post-fascistas.

Unha auténtica transición levaríanos inevitablemente a falar de Decrecemento, da Steady State Economy, de abandono do capitalismo, de planificación económica ecosocialista, de rerruralización…

Poderíase argumentar en defensa do Goberno de Pedro Sánchez que todo o que sexa aumentar as renovables, aínda que sexa insuficiente, supón un paso na dirección correcta; mais estas cousas, cando deben pasar por un troco de imaxinario social, por unha mudanza cultural, non son tan simples. Trasmitirlle á xente que a transición que precisamos consiste única ou basicamente en engadir máis enerxía ao mesmo tipo de sistema, cambiando unicamente unhas fontes (suxas, contaminantes) por outras (supostamente) renovables e limpas, entorpece a comprensión profunda do verdadeiro alcance da mudanza que precisamos, e facilita que a cidadanía pense que non vai con eles a cousa e que é algo que cómpre mudar unicamente por riba, a nivel de políticas públicas de promoción dunhas infraestruturas novas en troques de outras vellas. E esa mudanza que precisamos non é outra que deixar de ser o cancro no que se ten convertido a nosa civilización, medrando imparable e destrutiva a costa do seu hóspede, a biosfera.

A propia Ribera nun artigo publicado antes do seu nomeamento, fornecíanos cunha definición da «transición enerxética/ecolóxica» que acotaba con bastante precisión o que ela entende por tal: «La evolución de la economía hacia premisas compatibles con los límites ambientales». Noutro artigo recoñece que eses límites xa se superaron e que iso deixa unha «herencia envenenada» ás vindeiras xeracións. Ben, pois isto non pode interpretarse, coa ciencia na man, máis ca como o abandono do crecemento, pois se o ambiente ten límites e a economía se debe englobar necesariamente dentro da biosfera (premisa de partida da Economía Ecolóxica), o crecemento desta debe deterse tarde ou cedo e chegar a un estado estacionario ou, mesmo, decrecer até un nivel soportable pola biosfera. E xa que o capitalismo precisa crecer constantemente, a conclusión debería resultar obvia.

Polo de agora non atopamos aínda nada que faga pensar noutra cousa diferente á pizza capitalista de sempre, con duplo de renovables, por favor

Se cadra, cando a ministra evita conscientemente o termo crecemento nos estea a dar unha pista da súa plena consciencia desta inevitable fin do crecemento, o cal non debería sorprendernos pois a ciencia lévanos advertindo del cando menos desde 1972 (data de publicación do famoso informe Limits to Growth realizado desde o MIT aplicando a incipiente informática á Dinámica de Sistemas). Na súa toma de posesión utilizou un termo non moi habitual no discurso político actual: «prosperidad», e restrinxídoa a «los límites del planeta». No seu perfil de Twitter tampouco se encontra a habitual louvanza a «outros modelos de crecemento» senón que fala de «un modelo de desarrollo más justo, próspero y respetuoso con los límites ambientales» (a cursiva é miña), aínda que iso do desarrollo sexa prácticamente un sinónimo eufemístico de crecemento na xerga política convencional. En calquera caso, polo de agora non atopamos aínda nada que faga pensar noutra cousa diferente á pizza capitalista de sempre, con duplo de renovables, por favor. E de feito, se a súa referencia é o actual Goberno francés, será que cre, como alí, na posibilidade do «crecemento verde». Mais esta fe en milagres tecnolóxicos ou do mercado é sumamente perigosa, e ten sido denunciada como tal non só por numerosos científicos e activistas, senón tamén polo ecoloxista Papa actual, no devandito discurso.

No citado artigo tamén nos daba outra pista de que o troco (profundo) de modelo non pasa pola súa mente: «el impulso de un modelo industrial ganador y con futuro, compatible con las premisas de la economía circular y capaz de aprovechar las ventajas de la revolución digital sin descuidar un adecuado seguimiento de los riesgos que esta pueda presentar». Revolución Dixital? Modelo industrial con futuro? Sen dúbida saberá a Sra. ministra que a industria, tal e como se coñece hoxe, é froito doutra Revolución, a Industrial, que só foi posible a partir da explotación masiva dos combustibles fósiles, unha fonte de enerxía que está entrando en declive. Polo tanto, un futuro tan sequera para a industria como sector económico, está en dúbida (non sería factible, como defende ela, «sentar las bases de un modelo económico e industrial viable»). Por outra banda, todas as tecnoloxías dixitais son absolutamente dependentes dun modelo industrial mundializado e altamente especializado e, en consecuencia, tamén teñen unha continuidade moi fráxil. E nada neste modelo (industrial e dixital) é «circular»; as taxas de reciclado son ridículas, e a xeración de contaminación que non se re-circula, inmensa.

Se procura economía circular que fale con Agricultura e que aposten conxuntamente pola agroecoloxía de circuíto curto, onde si é factible unha alta taxa de re-circulación e unha mínima emisión non reciclable

Se quere economía circular, que olle cara os ecosistemas; si, precisamente eses que se destrúen aceleradamente para abrir paso á megamáquina da civilización industrial e da súa enésima sub-revolución tecnolóxica. Se procura economía circular, que fale con Agricultura e que aposten conxuntamente pola agroecoloxía de circuíto curto, onde si que é factible unha alta taxa de re-circulación e unha mínima (mesmo nula) emisión non reciclable. Mais nestes aparatos gubernamentais tan compartimentalizados e carentes dunha visión holística dos integrados sistemas socio-económico-ecolóxicos que deben gobernar, resulta que Agricultura está nun ministerio aparte… para o bo (illamento da influencia dos lobbies da agroindustria), mais e tamén para o malo (falta de políticas integradas, trasversais e coherentes). Desde este ministerio da T.E. seguirán a soñar con industrias gañadoras e dixitais, e sobre todo moi modernas —quen dixo que o moderno fose sinónimo de sustentable ou tan sequera de beneficioso?!—, e con moita I+D+i… e non coa volta do sector primario ao primeiro plano das nosas economías, en clave ecolóxica, nin co emprego máis verde que hai (o da agricultura), nin coas centenarias sementes que atesouran as familias labregas sen recibir un peso da PAC por facelo, nin co aproveitamento do esterco animal nas pequenas explotacións integradas de agro-silvo-gandeiría para a autosuficiencia alimentar as nosas pequenas vilas, nin co mantemento das carpintarías de ribeira como soporte da nosa flota pesqueira máis sustentable, a artesá de baixura…

Este panorama pode ser algo moi afastado da utopía ecoloxista: guerras polas derradeiras faragullas dos recursos, migracións que multiplicarían varias veces a escala das actuais, esborrallamento dos Estados do Benestar, autoritarismo, volencia…

No terreo da loita contra o caos climático (non cambio, porque non estamos simplemente ante un troco a un novo estado estable de máis calor, o clima tardará séculos ou milenios en alcanzar un novo equilibrio tras a nefasta interferencia antropoxénica, e até entón o que nos agarda é un clima caótico repleto de fenómenos meteorolóxicos estremos e imprevistos) apuntábanos tamén a nova ministra que o «sistema energético debe ser libre de emisiones de gases de efecto invernadero en 2050». Cando existen varios informes e modelos científicos que apuntan a que para entón teremos esgotado os combustibles fósiles (co paralelo esfarelamento da civilización industrial a escala planetaria), resulta obvio que o sistema estará libre desas emisións, pero non polo esforzo cara ningunha Transición Ecolóxica nin enerxética. Non fará falla: simplemente xa non haberá fábricas nin coches nin camións nin tractores nin excavadoras emitindo eses gases, porque non terán xa que queimar… e teremos volto, por forza, a vivir da enerxía captable do sol cada ano, unha enerxía moito menor e menos versátil. E este panorama pode ser —se non se actúa xa, nunha auténtica economía de guerra ou estado de emerxencia planetario para abandonar o capitalismo-industrialismo— algo moi afastado da utopía ecoloxista: guerras polas derradeiras faragullas dos recursos, migracións que multiplicarían varias veces a escala das actuais, esborrallamento dos Estados do Benestar, autoritarismo, violencia a todos os niveis intra e internacionais, etc. O ex-ministro francés Yves Cochet fala da «fin dun mundo», «epidemias, fame negra e guerras»; Antonio Turiel tamén advirte dunha probable intervención militar española en Arxelia se non se abandona o gas natural.

Hai indicios que non nos fan ser moi optimistas tendo esta figura á fronte dunha responsabilidade de tal envergadura nun terreo onde xa ten demostrado o perfil das súas actuacións e convicións. Como secretaria de Estado de Cambio Climático durante o mandato de Rodríguez Zapatero (2008-2011) propiciou a implantación de políticas lesivas para o medio ambiente ou erradas para a loita contra a mudanza climática, como foron: favorecer a burbulla do biodiésel e os mercados e a vía da suposta captura de carbono; aprobar o estudo de impacto dese carísimo fiasco que foi o depósito artificial de gas Castor; impulsar proxectos de grandes empresas esquilmadoras de recursos (como a auga) en países «en vías de desenvolvemento»; facilitar a maquillaxe verde de empresas altamente xeradoras de gases de efecto invernadoiro; etc.

Cambio ou lavado?

Porén, pouco ou nada podemos dicir da subsecretaria nomeada para liderar con ela a Transición Ecolóxica, Juana María Lázaro Ruiz, máis alá de que ten un perfil sorprendente para esta misión: inspectora de Facenda! En calquera caso, por moi boa vontade que quixese pór esta equipa á fronte do novo ministerio, a inercia destes monstruos político-administrativos é enorme, e faría falla moita man firme e moita decisión para vencelas. Terá o equipo Ribera-Lázaro, co apoio moral da presidente do PSOE, Cristina Narbona, esa decisión e eses obxectivos? Porque o apoio do presidente Sánchez declaran telo, grazas ao seu convencemento, disque, «de que nos encontramos ante un momento crítico, en que el modelo de desarrollo que tanta prosperidad ha traído desde la Segunda Revolución Industrial, requiere una actualización que garantice el progreso futuro». Atención á palabra: «actualización»; nada de substitución, ou redución.

Lamentablemente, das declaracións e accións até o de agora da Sra. ministra e do Sr. presidente non se pode tirar a conclusión de que coñezan as sinxelas matemáticas do devalar civilizatorio. Antes ben, aparentan confiar plenamente en que é viable «transitar» cara un sistema enerxético de igual ou meirande potencia có actual… iso, si, máis «limpo». Seica se trata diso, de «limpeza»? De simplemente lavarlle a cara e «actualizar» un sistema que en realidade xa non pode seguir a funcionar?

A Transición Ecolóxica de verdade xa leva tempo en marcha, aínda que non a están a liderar desde ningún departamento de ningún Goberno, nin desde ningún partido ou think-tank político. Están a liderala milleiros de persoas e organizacións por fóra do Estado e sen apenas ningunha axuda del (máis ben a pesar dos atrancos do Estado): o movemento agroecolóxico, pola soberanía alimentaria e enerxética, polos circuítos curtos de produción e consumo, pola recuperación do saber tradicional, o movemento neorrural e das ecoaldeas, o movemento decrecentista, as cidades lentas, as cidades pospetróleo, as Transition Towns, as cooperativas de enerxía renovable, as cooperativas integrais, a Vía da Simplicidade, e un etcétera que non deixa de medrar paseniñamente, e fóra dos focos mediáticos. O primeiro que cumpría facer desde as institucións, con humildade, é recoñecer e apoiar esas iniciativas sociais, e aprender do camiño que marcan, das súas eivas e potencialidades.

A Transición Ecolóxica de verdade xa leva tempo en marcha. Están a liderala milleiros de persoas eorganizacións por fóra do Estado e en apenas ningunha axuda del

A idea desta outra T.E. deseñada desde riba —e con moitas incoherencias como tentei expor neste texto— nace do comité impulsado por Narbona desde o PSOE, o Consejo Asesor para la Transición Ecológica de la Economía, presidido pola propia Ribera. Un comité que non conta con ningunha figura científica salientable das que levan anos a estudar o devalar enerxético e a transición civilizatoria en España. E así, estes científicos que si que levan décadas analizando o rumbo de naufraxio metabólico que leva o Titanic capitalista, teñen que recorrer a enviarlle cartas abertas desde os seus blogs ao presidente do Goberno, como fixo recentemente o físico Antonio Turiel, unha das figuras máis notables no estudo desta cuestión, ou como fixeran hai tempo desde o grupo de investigadores da Universidade de Valladolid, punteiro a nivel internacional na modelización do metabolismo das nosas sociedades. «La clase política española necesita urgentemente unas lecciones aceleradas de dinámica de sistemas para poder navegar la delicada situación en la que nos encontramos», afirma unha das científicas deste grupo, Marga Mediavilla. Se os partidos e os gobernos se rodean de asesores que representan os intereses empresariais, estes dificilmente lles van dicir a verdade sobre o declive enerxético. Porque non é aos propios engranaxes capitalistas (e tampouco a Marx, en realidade), senón á ciencia a quen cómpre acudir para entender por que a transición que precisamos é a que nos leve abandonar con urxencia un sistema, o capitalista, que constitúe un cancro en fase de metástase planetaria.

Manuel Casal Lodeiro é coordinador do Instituto Resiliencia.

Comments are closed.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail