Por nós non tiñas que terte molestado, Alberto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Agradéceseche o detalle pero non facia falla, presidente. Xa sabemos que levas a Galicia no corazón e mesmo estás en disposición de bater o récord de choreiras por discurso que tiña establecido Don Manuel e que semellaba inalcanzable para calquera galego normal. Galegos somos todos e todos queremos igual o país. Sería un grande avance poñerse de acordo niso e acadar un gran pacto nacional para deixar de acosar sentimentalmente a Nazón de Breogán.

Ía ser duro seguir sen ti coma gran timonel do país pero superaríamolo, podes estar certo. Os teus anos de Goberno prestáronnos tanto e fuches tan bo presidente que as galegas e os galegos xa nos sentimos máis que listos para saír da casca e voar sós, coma as anduriñas de Juan Pardo.

Querendo quedar de patriota para non ter que pasar por acobardado aínda quedas peor. Non te das conta?

Entre a emoción e o sentimento auténticos e parecer unha «drama queen» hai una liña moi fina que se cruza sen te dares de conta. Xa estivo feo que empregaras o nome de Galicia en van para tourear os periodistas cando che viñan preguntar e aínda o andabas pensando. Que agora uses a Galicia como coartada para  xustificar o ataque de vértigo que che impide dar o paso e presentarte a presidente do PP, logo de contarlle ao teu amigo Jordi Évole o guapo que estaría que un presidente autonómico ocupara a Moncloa, é ter un sentido perfectamente elástico do que significa a túa palabra. Ou a túa palabra tende a estirarse ou encollerse coas circunstancias ou o teu amor por Galicia vai por días. Os pares Galicia é nai e señora e non existe cousa máis sagrada que cumprir coa nai. Os impares Galicia debe ser esa amante de fin de semana que está ben para unhas risas e un desfogue.  Querendo quedar de patriota para non ter que pasar por acobardado aínda quedas peor. Non te das de conta?

Todos sabiamos que lampreabas por ir para Madrid pero querías desembarcar como che gusta, en plan campeón. Non puido ser e empezaron a temblarche as pernas. No pasa nada, Alberto. Es humano. Contánolo así, tal cal, e nós entendémolo seguro e damosche as apertas de «amigos para siempre» que fagan falla para que non te sintas só. Para iso estamos as galegas e os galegos, para axudarnos uns aos outros. Pero home, en confianza, pretender que aínda por riba che deamos as grazas xa é abusar. Galegos si, pero a vaquiña polo que vale.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail