A academia de María Xosé

O sábado foi un día ben emocionante. Coma galegas marcamos no noso calendario un novo día de gardar, unha desas datas importantes que celebramos con guateque, praia e manifestación: o día da Patria, o 17 de Maio, San Xoán, a semifinal do Celta de Berizzo en Manchester e a #festadaQueizán.

A partir de agora, o 9 de xuño dedicaremos o día a bailar e celebrar a María Xosé Queizán, feminista, escritora e muller galega de referencia. Nas últimas décadas ela fixo de nós unha irmandade, como ben sinalou María Xosé Porteiro. Ela aprendeu a moitas xeracións de galegas a loita polos nosos dereitos, incluso cando iso non estaba de moda, ou facía que os inimigos e as malas caras se multiplicasen. «Pensan que son unha vella tola», confesa ela moitas veces.

Formamos parte dunha academia laica e feminista, como nos definía onte Marga Romero. Somos a túa academia, María Xosé. Ante os que non queren escoitar e lle dan as costas á realidade do feminismo e da literatura escrita por mulleres en Galicia das últimas décadas, ti es a nosa presidenta. E para o resto, presenten credenciais aquí.

Se isto é «vaia, son millennial’»entenderedes que teño falar do meu libro. Durante a festa do sábado, alguén se metía comigo dicindo que baixaba moito a media de idade, e non lle faltaba razón. Moitas das millennials galegas descoñecemos a figura de María Xosé Queizán. Os seus libros non soen ser recomendados nos institutos e a súa figura non ocupa decenas de páxinas nos libros de texto. Casualmente en moitas desas aulas tamén esquecen mencionar que o autor do noso himno era un tipo misóxino perdido. Si, iso tamén o aprendín de María Xosé.

A xeito persoal, aprendín que as cellas violetas son a miña alternativa favorita, que o rubio Marilyn é o pelo máis top, ou que é posible demostrarlle a alguén que ten unha visión totalmente errada da realidade simplemente porque ten pito. «Como teñen pito pensan que poden dicir o que queiran, pero non é así. Non lles deixes», díxome en máis dunha ocasión.

Millennials galegas, preséntovos a María Xosé Queizán. Con ela comezou todo. Cando nós aprendiamos a camiñar, ela levaba anos traballando a prol das mulleres e das nosas liberdades. Leamos e aprendamos da súa obra. Seguídea no Facebook.  Reivindiquemos as súas ensinazas, ampliemos a academia. E as que poidades, gozade da súa conversa. É verdadeiramente unha muller extraordinaria.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail