Cangas is not Catalunya

A terra é redonda, a auga molla, as estrelas non nos van caer enriba e Cangas non é Cataluña. Que unha cousa sexa obvia non implica que teñamos que a lembrar de cando en vez por se hai algún despistado na sala. Conforta saber que hai políticos que á súa vontade de servizo público unen un inmenso labor pedagóxico. Nesas está o até agora para min descoñecido pero desde xa mestre e guía José Luis Gestido, concelleiro en Cangas e xeógrafo nos tempos libres.

Eu vivía nunha ignorancia supina até que Gestido deitou luz sobre un dos dilemas que máis preocupados me tiña: «Esto es Cangas, no Catalunya». Non é que eu non soubese localizar no mapa O Morrazo pero con isto do procés, do 155, da independencia e do supremacismo de Torra descoñecía as ansias pancatalanistas de conquistar unha parte galega.

O caso que denuncia Gestido é arrepiante: o Concello presentou a súa Feira da Tapa 2018 que organiza xunto á asociación de restauradores. «Una verguenza», non pola presentación en si, senón porque «obliga a poner en gallego el nombre de una tapa» e iso, claro está, non pode ser.

Por fortuna está aí o voceiro de Cangas Decide para denunciar tal felonía e anunciou a solicitude dun informe xurídico sobre a legalidade do tema e para que «impere la cordura», senón no concello si na asociación de restauradores. Nin sectarismo nin discriminación nin enfrontamentos sociais a través das linguas. Non como na pérfida Catalunya, que é todo imposición, que o sabe el que vive en Cangas, provincia de Pontevedra.

Agárrense que veñen curvas: o revival da imposición™ chega con forza nesta temporada preelectoral sen fin.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail