Aguanta, Alberto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Hay que ver estos gallegos», nótase que comentan sorprendidos na prensa do Foro; coma pasmados de que a un galego o poida suceder outro á fronte da dereita española, coma se o Partido Popular de Galicia non teña sido, de sempre, a agrupación mellor organizada e máis potente de todo o partido, coma se non gañasen xa as eleccións cando no resto do Estado non sabían aínda nin como empatarlle a Felipe González.

O único que os tranquiliza é que, polo que se ve, pensan que a un galego que non entendían e os poñía dos nervios, O Noso Mariano, vaino suceder un galego ao que están seguros de entender porque o teñen visto moito polos faladoiros de Madrid e sempre lle escoitaron dicir o que, segundo eles, había que dicir.

Teño que recoñecelo. Botarei moitas cousas de menos das moitas que fan de O Noso Mariano un animal político excepcional, pero a que máis estrañarei será esa capacidade inesgotable para anoxar os enterados da capital de España facendo xusto o contrario do que lle dicían que fixera.

O Noso Alberto non o ten fácil, aínda que desta volta, a pesar dos seus instintos de peito lobo, mantívose quieto e fixo o que tiña que ter feito dende o primeiro día: menos farandulear polos medios de Madrid e máis falar dentro do partido e coa xente que manda nel, para ir sumando voto a voto os apoios que precisa para gañar o congreso extraordinario.

O Noso Alberto, ademais do book con Marcial Dorado, ten o problema de que non é deputado. Case un ano e medio liderando o PP pero sen poder liderar a oposición no Congreso é moito tempo

Ademais do problema que supón ese book de fotos con Marcial Dorado, O Noso Alberto ten o problema de que non é deputado. Pedro Sánchez ten toda a intención e toda a pinta de querer chegar alomenos a outono de 2019. Case un ano e medio liderando o PP pero sen poder liderar a oposición no Congreso é moito tempo, e vai moito frío fóra do parlamento, e senón que llo pregunte a Hernández Mancha ou ao propio Pedro Sánchez.

O Noso Alberto gaña eleccións e ten mando en praza. E iso no PP axuda moito. É certo que Soraya Sáenz de Santamaría é deputada pero non ten poder real no partido nin territorio, todo canto mandaba víñalle derivado de O Noso Mariano. É certo que Dolores de Cospedal é a secretaria xeral do partido e gaña eleccións e é deputada, pero tamén é certo que cae mal, no partido e fóra de partido.

Ti aguanta. Déixaos que corran por radios e televisión facendo campaña. Xa sabes que o que conta é falar dentro, non o que se diga por fóra. Deixa que a oposición che siga preguntando todos os días se vas marchar. Fanche dobre favor: non tes que recordar ti que estás na carreira e vese de lonxe que están convencidos de que só poden gañar se te vas. Imos ben.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail