Cando eles son os que choran

Non aturo a compaixón. Por iso durante anos deixei de chorar en público. Autorrepriminme dun xeito atroz para evitar a aperta, a cara de mágoa, o «ala, ala, xa pasou». Ás veces non choro por medo a que alguén pense que, como son muller, monto dramas. Que son débil.  En definitiva, deixei de chorar diante dos demais porque esa reacción ás miñas bágoas era, baixo o meu punto de vista, paternalista.

Pero son unha chorona. Tanto que, se vivise, Chavela Vargas botaría horas convidándome a tequilas. Por iso hai un tempo que decidín volver chorar cando me peta. Descubrín que me sae máis a conta desfogarme que tragar as bágoas e consumirme por dentro. Iso é pensar en min, e o que pensen e fagan os demais, tanto me ten.

Eu choro porque teño ganas. E punto.

Ao mesmo tempo que decidín volver chorar en público, como un persoalísimo acto de rebelión, tamén descubrín que os homes que choran son máis homes. Porque eles, nesta sociedade deshumanizadora, semella que teñen prohibido chorar.

Para min, ser un home no mellor sentido da palabra é ser persoa. Humana, sentida e valente. O que entendemos por virilidade non me vai. Basicamente porque poucas cousas considero máis virís que un home o suficientemente valente como para chorar diante de quen sexa que teña diante. E que lle importe un pito.

Do mesmo xeito que as mulleres cometemos un grandísimo erro cando nos criticamos e nos machacamos as unhas ás outras, os homes tamén se equivocan cando fan burla dun home que chora. Todos estamos influídos polo mesmo patrón que nos di, en función do que teñamos entre as pernas, como temos que xestionar as nosas emocións.

O que Albert Rivera fixo con Pablo Iglesias, ao se burlar das súas bágoas no Congreso mentres falaba das torturas de Billy El Niño durante o franquismo, non só foi frívolo e irrespectuoso -tanto como aqueles que fan burla das vítimas do terrorismo-. Tamén foi un xesto radicalmente machista. E, xustamente, dese machismo que dana en primeirísima persoa aos propios homes.

Sei ben que moitas persoas, mulleres e homes, da miña xeración acuden ao psicoanalista con regularidade ou mesmo toman antidepresivos e ansiolíticos a diario por mor da súa mala xestión das emocións. Porque as carencias afectivas non se curan tendo un bebé, facéndose metrosexual ou obtendo likes en Instagram. Cúranse -ou, a lo menos, suavízanse- dicindo abertamente «síntome como a merda». A felicidade 24-7 non existe. Tampouco para os homes.

Chorar non é unha cuestión de xénero. É humano. Cando reprimimos as nosas emocións estámoslle facendo a cama a un patriarcado que nos quere á súa medida. E, de paso, estámonos facendo moito dano. Hai que chorar máis. E que se vexa. E se Albert ten ganas de chorar -o cal é perfectamente posible dados os últimos acontecementos-, que o faga. Humanamente.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail