Lá vai medio século (Na morte de Benedicto)

Ano e medio despois de que marchara Bibiano, con quen tanto cantara, parella artística sen selo, lá que se nos vai o Ito, Benedicto García Villar, santiagués de 1947. Cofundador de Voces Ceibes, aquel enxeño de canción belixerante que nunca acabou de morrer, e ollade que tivo inimigos, propios e alleos. E que medio século despois, nacera o 26 de abril de 1968, á calor da primavera compostelá, é quen de nominar rúas, en Santiago, lástima fóra, ou adobiar teses doutorais, a tan recente de Sheila Fernández Conde.

Voces Ceibes, imposible entendelas, sen a presenza de Benedicto, bulidor, activista (da canción, da política), docente (mestre en exercicio deica a xubilación forzosa), cantante engagée, compañeiro de José Afonso antes de que Grándola fose o revulsivo daquela revolución nin sequera anunciada. Ito vén de morrer logo dunha doenza longa que non acabara en esquezo pois que a música ten cousas de vento mareiro, que vai e vén deixando o seu eco nas ondas. Mais antes desa reclusión de anos, dos que nos viñan chegando novas tan discretas como a figura, enxoita, miúda, do cantante, houbo moitas cancions, moitas proclamas en directo de cando cantar era berro e voz do pobo e loitemos, loitemos que o sol segue queimando.

E era tamén a carta a Fuco Buxán que nunca chegara a gravarse e era «O enterro do neno probe», de Pimentel, se cadra a música mellor do Ito, con que me vexo, agora, en Santiago, en Madrid, en Londres (e Zeca Afonso a ollar carreiras de cabalos naquel televisor, tan alleo ás cousas literarias como –seica- Antonio Machado atento aos seus sentires cotiáns). Benedicto García Villar, tan santiagués pero tan do mundo enteiro, como a súa figura. E quen era o Ito? Direino: segundo Bibiano, o cantante galego que mellor afinaba. Direino: cantatautor, mestre, sindicalista. Mais, sobre todo, ao xeito unamuniano, desde as contradicións de estudante católico progresista que devén comunista despois: un home enteiro.

VICENTE ARAGUAS

*Membro fundador de Voces Ceibes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail