Tente quieto, Alberto 3: A batalla final

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Fixo ben O Noso Alberto en poñerse a cuberto do lume amigo que lle chegaba dende a prensa de Madrid, sempre disposta a empregalo como cabalo de Troia no seu impenitente asalto ao liderado de O Noso Mariano. Que se maten entre eles, que son galegos, deben pensar os estrategos da meseta. As informacións que o situaban efectuando unha especie de primeira ronda conspiratoria en prácticas, para ver que baróns estaban en disposición de baronear un pouco e xogar á sucesión, eran unha trampa mortal en forma de bico traidor.

Fai apenas uns anos, O Noso Alberto tería sucumbido de inmediato ás loanzas e panexíricos que lle chegan dende a capital e xa andaría «on tour» polas televisións e radios estatais explicándonos a todos que hai que facer, aos do PP por onde deberían tirar e dándolle xa as grazas polos servizos prestados a O Noso Mariano para ir adiantando traballo. Hoxe xa sabe que o mellor é quedarse quieto e en posición de saúdo. Saíulle do lombo pero aprendeuno, por fin.

Toca esperar e acudir en socorro do vencedor, non vaia ser O Noso Mariano e teña que acabar dicíndolle arroibado aquilo de «Cariño, isto non é o que parece…»

«Nunca seré un Judás a Rajoy», proclamou solemne en rolda de prensa, no salón de proclamar diante da prensa de San Caetano. Hai que recoñecerlle que este toque ao Escartala O´Hara deulle unha grandeza melodramatica moi de agradecer. O Noso Alberto entendeu a mensaxe de O Noso Mariano alto e claro: non se vai e quen queira botalo da Moncloa vai ter que ir en persoa dicirllo á cara, e máis lle vale ir listo para unha boa pelexa… Toca esperar e acudir en socorro do vencedor, non vaia ser O Noso Mariano e teña que acabar dicíndolle arrebolado aquilo de «Cariño, isto non é o que parece…».

Poucas horas despois, este humilde cronista preguntaba na emisora catalana RAC1 ao líder do PP, Xabier Albiol, se o tiña chamado O Noso Alberto para sondarlle o ánimo traizoeiro, como publicaba a prensa de Madrid. Negouno firmemente, pero engadiu unha información desconcertante. Contou que falara con outros lideres rexionais Populares e tampouco os chamara Feijóo. A escena dos líderes do PP preguntándose uns os outros se os telefonara O Noso Alberto resulta certamente inquietante.

  • Oye, ¿a ti te ha llamado Feijóo?
  • No. ¿ Y a ti?
  • ¿Y por qué no nos llama?
  • ¿Pero tú sabes si ha llamado a alguien?
  • No sé, pero si lo ha hecho. ¿Por qué no nos ha llamado?
  • Llama a menganito a ver si lo han llamado.
  • Joder, joder…. Que nos quedamos fuera de la tostada, que ya me lo estoy oliendo.
  • No te pongas nervioso. Es lo que espera que hagamos.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail