Por que Rajoy vai seguir (ou tanto vai ter)

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

 Non hai como facer predicións a un par de días vista. Deseguida se resolven e rematou o conto. Creo que Rajoy vai seguir por dúas razóns fundamentais, e non porque me abone ás teses do marianismo-losadismo: unha, porque a súa habilidade supera, por bastante, as suma de habilidades que poidan ter os que aspiran a coller o seu posto. Dúas, porque os que deberían apostar por apealo, deron mostras, e estanas dando, de que os seus intereses, ou as súas capacidades, non se dirixen exactamente a ese obxectivo, por moito que non o desdeñen.

Todo o que agora se considera acreditado por unha sentenza aínda non firme, xa se sabía, e máis.

Formalmente, o PP está en moita peor posición que hai ano e medio, cando o electorado, efectivamente, lle quitou a maioría absoluta que de forma alegre e confiada lle dera catro anos antes. No fondo, non o sei. Todo o que agora se considera acreditado por unha sentenza aínda non firme, xa se sabía, e máis, da mesma forma que se sabía que o conflito de intereses entre o público e o privado do presidente valenciano Paco Camps ía moito máis alá de se pagaba os traxes ou o convidaban a eles. E daquela non se lle deu apeado. Nin a Mariano nin a Camps. Agora hai unha sentenza, pero tamén hai que salvar España máis ca nunca, e máis ca nunca «somos españoles y mucho españoles». Xa hai próceres do bando teoricamente censurador, como Juan Carlos Rodríguez Ibarra –ese batman da unidade da patria, que soamente sae cando ve nos ceos o sinal de que España periga- que aseguran que máis que que se roube (que roube o partido no Goberno, non calquera pola rúa) parécelle menos grave que que haxa uns cidadáns que queiran facerse cun pasaporte propio.

E se antes –polas razóns que queiran- os tres partidos sobre os que se debe sustentar unha alternativa, ou moitos dos pequenos que podían complementala, non se sumaron á opción que parecía evidente, Pedro Sánchez, vexo difícil que o vaian facer agora, cando está menos claro que o candidato a ocupar a Moncloa a curto/medio prazo vaia ser el. Unha mostra desa falta de vontade é que ao príncipe herdeiro e campión constitucionalista, Rivera, non lle importe pedir imposibles constitucionais (outro candidato, adianto electoral) con tal de poñer paos na roda. Outra demostración desa impotencia é que esa maioría parlamentaria non deu derrubado ningunha lei das que teoricamente rexeitaba. E aí reside a segunda parte da miña aposta.

Creo que as políticas postas en marcha por este Goberno, coa escusa da crise ou que por aí lles deu, son as peores que recordo para o funcionamento normal dunha sociedade. E creo que a maioría social así o entende. Desde os recortes en servizos públicos ata os excesos represivos. Pero unha cousa é a sociedade e outra a súa concreción electoral, por razóns que non veñen ao caso, pero entre as que podemos apuntar a predisposición progresista a pegarse tiros no pé. É dicir, remover a Mariano Rajoy é unha cuestión de saúde democrática, pero que iso sirva para que mellore a saúde da democracia española é, como dicía Samuel Johnson das segundas nupcias, o triunfo da esperanza sobre a experiencia.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail