Así llas poñen a O Noso Alberto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Boa parte da esquerda galega está convocada esta semana a decidir en referendo dúas cuestións capitais, trascendentes, cósmicas, superlativas, definitivas, vitais… quedei sen adxectivos. Unha débena decidir os inscritos de En Marea e versa sobre se a deputada de Podemos, Paula Quinteiro, debe ou non dimitir por un incidente nocturno onde se viron envoltos uns retrovisores e a policía municipal de Compostela, que nin sequera elevou o asunto a denuncia. A outra débena decidir os inscritos en Podemos e debe resolver se o chalé que Pablo Iglesias e Irene Montero mercaron no glamuroso Galapagar incapacítaos ou non para seguir á fronte dos morados. Como poderán imaxinar estes son os dous temas que importan e preocupan nos ambulatorios e hospitais do país, nos xulgados, nas portas dos colexios, nos talleres e nas factorías, nos mercados e nas prazas; non se fala doutra cousa, a clase traballadora galega contén a respiración agardando os resultados.

Para os de Podemos, o mesmo referendo que lles parece mal para resolver a dimisión de Paula Quinteiro, parécelles unha proba de calidade democrática no caso da vivenda familiar dos Montero Iglesias

O máis pavero do caso é que para os de Podemos, o mesmo referendo que lles parece mal para resolver a dimisión de Paula Quinteiro, parécelles unha proba de calidade democrática no caso da vivenda familiar dos Montero Iglesias. Tan mal lles parece que xa avisan que non pensan atender o resultado, seguramente porque no segundo parece claro que vai saír e no primeiro está por ver.

Pódense imaxinar o festín que se está a dar a prensa conservadora con semellante carrusel de contradicións, sempre acirrada por ese exemplo de limpeza e ética que é o Partido Popular e polo resto dos partidos da oposición, sempre en posición de saúdo para que lles saquen a noticia con foto e falen ben deles os mesmos medios aos que logo acusan de facerlles perder as eleccións.

Así llas puñan a Fernando VII os liberais e así llas pon a O Noso Alberto a oposición. Con tanta liorta menor non queda tempo para ocuparse dos problemas que realmente afectan á vida da xente.  Mentres uns votan caralladas, a folga da Xustiza acabou pero segue ao mesmo tempo sen que ninguén asuma a súa responsabilidade, os pensionistas seguen nas rúas ignorados pola Xunta, os profesores reciben unha oferta de actualización salarial que non lles dá nin para comprar un libro ao mes mentres o investimento en educación nos devolve aos anos 80 ou se aproban en Madrid os peores orzamentos para Galicia no que vai de século XXI. Pataca minuta, que diría Caneda.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail