Os últimos tres minutos

Colleume desprevido. Co estómago baleiro e o Ayer quemé mi casa nos beizos. Xa se sabe que ese non é xeito de afrontar o telexornal. Por aquela pantalla foron pasando as novas, cada unha peor ca outra. As inundacións no oeste. Un novo ataque terrorista no norte. Un estudo que dicía que un de cada catro mozos quere marchar do país. O presentador, que non era Pedro Piqueras mais facía todo por selo, falaba profundo. Con adxectivos superlativos. Con pausas dramáticas. En Kenya non pasou o de Cataluña, pero seica hai un economista (David Ndii para os interesados) que ven a ser o equivalente a Puigdemont.

Insensato de min, busquei acubillo no Twitter. «Uno vive para afrontar los últimos tres minutos de su vida». Calquera escapa dun titular así.  Aquilo non podía ser peor que o do Piqueras africano, así que premín o botón. Clikbait. Ou quizais non tanto. O que falaba era Guillermo del Toro. O de El laberinto del fauno ou La forma del agua. Pero tamén o de Blade II ou Pacific Rim. Todos temos días malos. Aquela tarde (seica estaba en Málaga) o mexicano non andaba tan desatinado.

«Uno vive para los últimos tres minutos de su vida. No sé si habéis visto a alguien fallecer, pero la gente muere con absoluto terror o absoluta paz. Porque entonces ven su vida con absoluta desnudez y con la claridad completa de que se están yendo. Por eso piensa en tus decisiones, porque eso es lo que verás en ese momento. Porque todo lo que hagas volverá, y será en esos tres minutos. Yo a veces hago algo y pienso: ‘Para esos tres minutos’»

Aínda non rematara de ler e xa sabía que aquela ía ser unha desas noites nas que non é doado conquistar o sono. Hai moito tempo que as descubrín. Xa pasaba cando na escola nos apremaban cos suspensos e a vida de derrotas que nos esperaba se non pasabamos a selectividade. Polo menos agora xa lles atopei un nome: «As noites dos últimos tres minutos». Ultimamente ata lles collín algo de gusto. Será que estou madurando. Dáme por pensar en por que eu si e ela non. Por que nós (homes) si e elas non. Dáme por pensar no frío que está todo dende que ela non está. E no frío que pasou cando aínda estaba. O frío da broa balorecida. O frío da emigración. O frío que vai deixando a vida cando comeza a faltar.

Pregúntome que sería iso que lle pasou pola mente un segundo antes de que a mente deixara de pensar. Pregúntome se foi feliz. E cando foi que deixou de selo. Pregúntome se ela tamén me botará de menos. E ata cando se pode botar de menos. Pregúntome se marcha con terror. Ou con paz.

Mentres tiro da manta na procura de algo de calor co que mornear a noite, doulle voltas a outra reflexión de Del Toro.

«Somos una sociedad obsesionada por el triunfo, y eso es un error porque todo es temporal. Yo he escrito 11 guiones que no he filmado. Pero a todos los cineastas les pasa. De un fracaso aprendes un montón, de un éxito aprendes bien poquito. Tienes que hacer las paces con el fracaso»

Eu lévome moi ben co fracaso. Seica non sei facer outra cousa mellor que fracasar. «A los dos nos gusta el verbo fracasar», que cantaba Sabina. O caso é que a cada paso, a cada noite dos últimos tres minutos, dáme máis medo fracasar. Porque quizais xa chegou o tempo de aceptar que o xornalismo é un negocio, que a vida non pode ser unha colección de resacas e que despois dela haberá outras. Quizais é hora de ser máis como se ten que ser. Igual ata de ser emprendedor e votar moderno. Din que así, cando cheguen os últimos tres minutos, a un danlle máis boletos para ir en paz. Por pura estatística.

Así que antes mesmo de que alborexe o día érgome disposto a ser o que se supón que debo ser. Fago unha lista de países que visitar antes dos 40, apúntome ao gym de San Diego e vou comprar un xornal de noticias económicas. Abro a axenda do ordenador e pido cita no médico e no taller. Pola tarde unha subscrición a Netflix e outra a Bein Sports. Xa está. Xa case o son. O home para os últimos tres minutos. Daquela dáme por pensar. Maldita cruz esta de pensar. Que pasaría se vivísemos sen pensar nos últimos tres minutos?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail