Medo, o xusto

A min, o avance da Front National en Francia tráeme sen coidado. Aínda diría máis: se votase nese país, non sei se resistiría a tentación de darlle un empurronciño e participar no proceso de unificación que ocupa a maioría de partidos nos países da Unión Europea.

É triste dicilo, pero semella que o que máis lles interesa aos partidos políticos é sobrevivir, e despois, como todo organismo u organización, exercer a súa función á esquerda, á dereita ou como mellor lle conveña. Se ben miramos, axiña atopamos lacras dentro deles: demagoxia, clientelismo, corrupción e outras cuestións que prexudican a súa lexitimidade diante dos cidadáns.

Pasou en España, onde a diferenza entre o Partido Socialista e o PP é cada vez máis tenue. Está a pasar en Francia: nalgúns aspectos importantes da vida, o socialista Hollande atópase máis á dereita que o seu predecesor Sarkozy.

Como se sabe, o partido político Front National foi creado en 1972 polo bretón Jean-Marie Le Pen. Naceu da fusión de grupos ultradereitistas disoltos polo Goberno George Pompidou, como o Comité Tixier-Vignancourt.

Le Pen é un admirador de Hitler, torturador en Arxelia e partidario da solución final para os xudeus. Os seus votantes non pasaban duns poucos franceses partidarios deses métodos. De xeito que o partido de Le Pen atopábase completamente illado. Mais a Front National xa no é a de Le Pen, ese home alto, rubio, vesgo, provocador, senón a da súa filla e a súa sobriña, moito máis novas, louras e atractivas.

Desde que Marine Le Pen colleu o mando da FN, o partido recolleu votos de comunistas, da dereita de Sarkozy, do centro de Bayrou e dos decepcionados da política de Hollande

Desde que en 2011 a filla de Le Pen, Marine, colleu o mando da FN, loita por quitarlle a etiqueta de extremista e sectaria que a distinguía. Con esta nova aparencia, o partido recolleu votos de comunistas, da dereita de Sarkozy, do centro de Bayrou e ultimamente dos decepcionados da política de Hollande, que son moitos. Os novos votantes, liberais, moderados, republicanos, conforman unha gran maioría, e Marine ha de telos en conta. Xa cambiou moitas cousas: o lema fascista «Traballo, Familia, Patria» dos primeiros tempos substituíuse por «Rassemblement bleu marine» —unión azul mariño ou azul de Marine, a líder, como o rosa en UPyD—. O programa do partido foi anovado, deixaron o antisemitismo e o fascismo para presumir de ecoloxistas, antirracistas, feministas e altermundialistas. No seu discurso abundan os temas da inseguridade, a inmigración, a crise económica e o desemprego.

Con estas armas, a FN encetou unha estratexia de implantación local, e Marine gaña popularidade. Mesmo se puxo no terceiro lugar entre as persoas que os franceses queren que «xoguen un papel importante» no país. Mentres, o presidente socialista François Hollande non para de bater récords de impopularidade.

A proba de que a FN virou ata converterse nun partido «normal» é que Marine practica o nepotismo como calquera PP español. Por exemplo: acaba de nomear «directora de servizos de manifestacións» á súa irmá Yann, con 3.883,64 euros mensuais, haxa ou non haxa manifestacións. O seu marido, Luis Aliot, oficia tamén de «conselleiro político», e gaña por iso 5.381,48 euros, ademais do que lle cae por ser asistente parlamentario da deputada europea… Marine Le Pen.

Pode seguir medrando a FN? Non, chegou ao límite que lle permite a construción neoliberal de Europa, do euro e do BCE, mais sobre todo dos EUA, o país dominante que impuxo as regras e define os valores internacionais e a moeda, segundo os seus intereses e non os de Portugal ou España, por exemplo. En dúas palabras: penso que a FN francesa de hoxe non é nin máis nin menos fascista que o NPD alemán, o Partido Popular español, o PNR portugués, o Vlaams Blok flamenco, a Lega Nord de Padania e que nos outros países de Europa contaría entre os partidos da dereita tradicional. O sociólogo Yves-Marie Cann pensa que de aquí ás futuras eleccións «pode ter dificultades para presentar candidaturas en cada un dos distritos de 3.500 habitantes ou máis, o que reduciría a súa porcentaxe no ámbito nacional».

Non lle hai que ter máis medo que aos outros.

Este artigo de Ramón Chao publicouse no número 1 da revista Luzes (decembro de 2013) 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail