O Noso Alberto contra a universidade

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O cambio de reitores nas universidades de Vigo e Santiago xa ten reposta por parte de O Noso Alberto, sempre listo para facer de comentarista da actualidade. Pachi Reigosa e Antonio López -o home que debe devolver á USC o papel de liderado social que a desastrosa etapa de Juan Viaño lle negou-, xa saben como os vai recibir o presidente do Goberno que levou o investimento en educación superior ás cifras máis baixas da nosa historia: non queriades caldo? Tomade dúas cuncas.

Parafraseando a JFK, O Noso Alberto non se pregunta que pode facer el pola universidade senón que lle di á universidade o que pode facer por el. Xa anunciou que pensa reclamarlles aos reitores que se sigan conxelando as taxas e que se baixen os prezos dos máster universitarios; seguramente nun xesto de solidariedade simpática e cariñosa coa súa compañeira de partido Cristina Cifuentes, a muller que se viu obrigada a embarcarse nunha tola carreira de mentiras e enganos empurrada polas desapiadadas taxas e abusivos prezos que cobran as universidades públicas.

A mensaxe de O Noso Alberto non pode ser máis clara e podería resumirse na seguinte profunda e elaborada tese: «total, para a merda que aprenden na universidade xa estamos pagando de máis». Un slogan que tamén resume de xeito bastante exacto e preciso as políticas de austericidio e sufrimento masivo que o presidente e o seu Goberno aplican sen piedade ao sistema universitario galego.

É un choio goberar pasándolle as túas facturas a outro. Para que imos ter unha universidade ben financiada cando a podemos ter morta de fame e funcionando igual?

É fácil conxelar as taxas e apuntarte o tanto de que son as máis baixas do Estado mentres as facultades pagan a facturas, pedir rebaixas nos prezos para aforrar en bolsas ou recortar ate a inanición uns investimentos que xa nos tiñan entre os últimos pola cola, cando sabes que a universidade galega aguanta o que lle boten porque ten séculos de historia, tradición de compromiso e servizo público e unha longa aprendizaxe de supervivencia a gobernantes polo menos tan ineptos coma os presentes.

Hai que entendelo. É un choio gobernar pasándolle as túas facturas a outro. Para que vai traballar O Noso Alberto aumentando as bolsas e investindo na educación superior, o único futuro que lle queda a un país periférico coma o noso, cando pode trasladarlle os problemas aos demais? Para que imos ter unha universidade ben financiada cando a podemos ter morta de fame e funcionando igual? Xa se amañarán.

Ademais debe de foder bastante que, a pesar dos teus continuos esforzos para denigralas, recortalas, maltratalas, vilipendialas e poñelas a parir, as universidades galegas se apañen aínda para manterse entre as primeiras de España en docencia e investigación, ou para manterse milagrosamente nas primeiras cohortes de cabeza dos clasificacións internacionais. Sobre todo cando es un gobernante tan mediocre que o único que sabes facer é forzar a todo mundo a ser tan mediocre coma ti, non vaia ser que destaque alguén.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail