Fuga de cerebros

Hoxe voume poñer un pouco gremial. Por idade, seica pertenzo a unha primeiriza xeración de galegos e galegas sen complexos. Tocoume. Fomos quen de conseguir un certo degrao de profesionalidade e, sobre todo, de continuidade na «cultura de expresión galega». Antes usábase máis este concepto e vouno reciclar. A vida e a historia permitiunos desenvolver a nosa actividade creativa dentro dun incipiente (aínda que reivindicativo) sistema cultural galego (co país e o idioma como referencias simbólicas).

O pasado venres presentei en Ourense  a nova novela de Juan Tallón. Salvaje Oeste. Non vola perdades. A casualidade quixo que, amais do meu venerado Tallón, alí estivesen Manuel de Lorenzo, Rafa Cabeleira e que, por asociación de ideas, eu lembrase a Manuel Jabois e Nacho Carretero. Nomes todos intensos do xornalismo (cultural, de investigación e mesmo deportivo). Algúns deles (Tallón, Jabois) con interesantes obras literarias iniciáticas en galego. O seu devalo profesional e creativo leva, parece que sen remisión, aparellado o emprego do español e o impulso editorial foráneo. Mesmo, nalgún caso, a emigración residencial. Son xente brillante e, seguro, que a ese censo brillante podedes sumarlle máis nomes igualmente brillantes.

Comparto con esa tribo certo cosmopolitismo gamberro, pero medianamente informado, e a paixón pola cultura como forma de vida e respiración extrema. Teño admiración por ese colectivo e o seus escritos. Sonche xente de mundo. Manteñen na intimidade un galego ben falado e tamén creativo. Pero as empresas culturais que modulan o seu crecemento profesional non son de aquí. A nós, os do cincuenta e tantos do século pasado, ben que che nos gustou que nos fixesen caso fóra. Pero non quero nin pensar en que o noso pulo inicial e, dalgunha forma, insolente tivese dependido exclusivamente desa industria cultural «transtelón de grelos» (Suso Iglesias).

Coincidimos en que aí está o noso Luzes. No estándar do New Yorker, Jot Down, Rolling Stone… En canto á calidade. En canto á cantidade, dicimos algo que me soa fatal (pero é certo): falta masa crítica

Na alegría das copas e as tapas (os libros preséntanse para iso: tomar algo con xente amiga) falamos das nosas publicacións de referencia (como lectores e escribidores). Non faltan comentarios sobre New Yorker, Jot Down, Rolling Stone ou… Luzes. Queremos escribir en todas as plataformas e encher o planeta de palabras e de historias. Cando se pon sobre a mesa a difusión de Luzes coincidimos en que aí está o noso Luzes. No estándar das revistas citadas. En canto á calidade. En canto á cantidade, dicimos algo que me soa fatal (pero é certo): falta masa crítica. E non é un xuízo de valor, é só un criterio demográfico e de proxección  empresarial.

Nalgún medio, escoito estes días que o número de aldeas abandonadas en Galicia se duplicou nos últimos cinco anos. Somos pouca xente. Non é pouco problema.

O tío de Tallón foi produtor de José Luis Borau en California e fai foie en Vilardevós como se fai nas Landas de Francia.  Xente de mundo, o que vos dicía. Non falta talento, só falta xente. O mellor antídoto contra a fuga de cerebros comeza en que non se converta nunha fuga de corazóns. Esta tribo ten o corazón intacto e grande.

 

           

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail