Terrorismo incendiario: Zona Especial Noroeste

No tengo perdón de Dios,

¡ay, maremíiia!

Cuando era tan sólo un niño

mi madre me lo decíiiia.

(Así máis ou menos era a canción coa que Gomaespuma daba paso ás noticias sobre a esquerda abertzale).

Dende que ETA pechou o chiringuito non facemos máis que falar de terrorismo. Como xa non temos un terrorismo separatista ao que sinalar (agora o separatismo é pacífico –agás para algún xuíz– e seica, por iso mesmo, máis perigoso) e do xihadista poucos votos se poden tirar (sempre haberá quen lembre o trío das Azores e as inexistentes armas de destrución masiva), toca buscar outro tipo de inimigo interior contra o que dirixir os «Dous Minutos de Odio» que en 1984 tiñan como destinatario ese trasunto de Trotsky chamado Emmanuel Goldstein.

Titiriteiros, rapeiros, tuiteiros… calquera serve como reo de apoloxía do terrorismo (sobre todo, se quen acusa non ten claras as diferenzas entre realidade e ficción), pero facían falla os terroristas de verdade, os tipos malvados dos que facer esa apoloxía. En Galicia, por aquilo de que a cabra tira ao monte, non nos resultou complicado dar con eles…

Na vaga de lumes de 2006, Feijóo comezou a empedrar o seu camiño cara a Xunta de fotos con manguerita e castellanos mesturadas con supostas imaxes da NASA que amosaban o efecto da devastación e declaracións das que hoxe di estar máis que arrepentido: «Con nós non morría xente nos incendios e, con eles, catro persoas». Tras os mortos deste verán tardío, esa boutade –que quedou invalidada xa polo falecemento de dous brigadistas en Fornelos en 2010– non serve, pero deixa claro que non todos os mortos son iguais. Os finados co bipartito foron inmolados no altar da incompetencia daquel Goberno nefasto; os de agora, son vítimas do terrorismo. Incendiario, si, pero terrorismo.

Se non se pode cambiar a realidade, cambiemos a percepción da realidade. O executivo de Núñez Feijóo non loita contra simples incendiarios, loita contra «terroristas»; o monte non sofre neglixencias nin descoidos, só «ataques indiscriminados» e as brigadas –cantas veces, precarias, mal pagadas e peor equipadas– son a nosa derradeira liña de defensa contra a barbarie. Eses homes que a conselleira de Medio Rural considera «os seus fillos» e, aínda así, envíaos a loitar na fronte de batalla, como a lenda urbana dicía que fixera Margaret Thatcher nas Malvinas co seu herdeiro…

A investigación impulsada pola Fiscalía do TSXG, volveu dar o mesmo resultado que hai doce anos, cando eran Zapatero, Touriño e Quintana os que vían tramas entre os eucaliptos: ningún

Esa épica que excita os sentimentos –«loitamos contra o imposible»– era, ata o momento, a única novidade na resposta da Xunta a unha lacra endémica que non entende de cores políticas en San Caetano. A súa última tentativa de acadar un aval xurídico, a investigación impulsada pola Fiscalía do TSXG, volveu dar o mesmo resultado que hai doce anos, cando eran Zapatero, Touriño e Quintana os que vían tramas entre os eucaliptos: ningún. Pero que iso non nos deteña: Ánxeles Vázquez seguirá falando de «terroristas malvados que non teñen perdón» aínda que o lume naza nunha churrascada que se vai das mans.

Dicía que esta foi a súa única innovación «ata o momento». Esta semana, no Parlamento, no peche da comisión de estudo sobre os incendios, a conselleira anunciou «cambios importantes» no dispositivo a partir desta mesma primavera. Quizais, por fin, alguén decidiu deixar de estimular as paixóns do electorado e repensar un modelo que fiaba demasiado o seu éxito en que tivésemos un verán deses que caen en fin de semana.

Os tempos están cambiando. Do clima, nin falamos. O verán xa non cae en fin de semana: chega en outubro, e en abril aínda neva. Por iso, agardo que esas novas medidas, de existiren realmente, traten de ir á raíz dos problemas e non queden nos síntomas coa implantación dunha especie de Zona Especial Noroeste. Seguro que a Audiencia Nacional ten outras ameazas que combater. Algunhas, incluso reais…

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail