A revolución das kellys

Cando tiña seis anos, chamei desgraciada a Maruja porque un día marchou sen se despedir de min. Maruja era a muller que traballaba na miña casa da aldea, unha persoa que, entre outras moitas cousas, fixo das miñas tardes de verán un espazo de tempo menos aburrido. Especialmente as dúas horas que pasaban entre que remataba de comer e as miñas curmás me levaban á praia (e todos sabemos que para os nenos dúas horas son eternas).

Concha traballaba na miña casa da Coruña. Ademais de contribuír enormemente á miña crianza, recollía todas as mañás o meu cuarto, no que nunca se vía o chan porque estaba totalmente cuberto de xoguetes, libros e porcalladas varias, todas ciscadas -moi ciscadas-. «Claudiña, que desfeita!», reprendíame con agarimo. Total, que cheguei un día á casa, vin todo recollidiño e perfectamente limpo, e non se me ocorreu outra cousa que dicirlle a aquela muller de Arzúa: «Concha! Que desfeita!».

Eu éravos así de lercha, pero tiña a sorte de que elas, que para min son da miña familia, nunca mo tomaron a mal.

Concha e Maruja son as culpables de que a día de hoxe sinta unha enorme empatía polas kellys. Xa sabedes, as kellys, as-que-limpan. Concretamente, as camareiras de piso, unha figura que eu relaciono tamén coas coidadoras e todas as mulleres da limpeza en xeral.

As kellys son esas persoas que están aí, diante das cales pasamos ás veces sen saudar e pisándolles o fregado, pero que tanto botariamos en falta se non estivesen. Falando rápido e mal: esas que aínda por riba de limparen a nosa merda, manteñen sempre un sorriso e máis dunha boa palabra. En ocasións, ata che alegran o día enteiro cunha frase cargada de enerxía positiva.

As kellys levan anos alzando a voz. Pero foi hai uns días, despois desa intervención da senadora de Nueva Canarias, María José López Santana, que fixo reaccionar a Rajoy, cando por fin conseguiron estaren no foco. Esas mulleres que fan máis de 40 camas ao día con dor de lombo e maniotas nos brazos son a personificación da precariedade laboral en España. Porque a precariedade é feminina, estacional, mal remunerada e sofre dor por sobrecargas musculares que non se recoñecen como enfermidade profesional. 

Esas mulleres que fan o que parece sinxelo e pouco cualificado -pero que á hora da verdade non facemos se temos quen nolo faga- non son as culpables de que haxa quen non sabe que hai que varrer antes de pasar a fregona. Basicamente porque nunca tivo que facelo. Pola contra, a súa situación laboral carente de dereitos tan básicos como as inspeccións regulares de traballo si que é responsabilidade nosa.

Se seguimos facendo como que as kellys -e as coidadoras e limpadoras- non existen, como que a súa actividade non vai con nós, estaremos lexitimando e alimentando unha inxustiza que só agranda a desigualdade social e de xénero. 

As reivindicacións das kellys abarcan desde o dereito á xubilación anticipada ata a vinculación da categoría dos hoteis á calidade do traballo que xeran, pasando pola fin das externalizacións que as escraviza ou o aumento das inspeccións de traballo.

Despois de se reunir con elas, Mariano Rajoy comprometeuse a mellorar as súas condicións laborais e a non bloquear a Proposición Non de Lei do PSOE ao respecto. Pero vai facer falta algo máis que un compromiso público en forma de chío.

 

Oxalá as mulleres precarias fagan caer o sistema que as escraviza e poidamos dicir, con obxectividade: «Pero que desfeita fixeron estas kellys!».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail