O Noso Alberto cústanos cartos

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O vicepresidente Alfonso Rueda acaba de cualificar de históricos os orzamentos españois que vén de presentar o ministro Cristóbal Montoro. Histórico é que alguén coma Rueda chegase a vicepresidente de nada, e histórica xa é a folga na xustiza galega causada e debida á súa manifesta incompetencia. Os orzamentos 2018 do Estado non son históricos, son un castigo en toda regra, un castigo para O Noso Alberto que pagamos todas e todos os galegos a escote.

Imos por partes. O investimento previsto nos orzamentos 2018 para as comunidades autónomas medra por riba dos dez mil millóns de euros, un 17,5%. Pero en Galicia só avanza un miserable 1,3%, até os 936,7 millóns de euros. Galicia perde un punto e medio con respecto ao orzamento do ano anterior e cae ao 9,2% do investimento total. Por esas casualidades da vida, aos outros grandes feudos do Partido Popular aínda en pé, tampouco lles vai moito mellor: Castela e León só medra un patético un 0,5% e cae na porcentaxe total pero aínda queda por riba de nós: un 9,9% e A Rioxa perde nada menos que un 16% de investimento territorializado.

O investimento previsto nos orzamentos 2018 medra un 17,5%. Pero en Galicia só avanza un miserable 1,3%, perdendo un punto e medio con respecto ao do ano anterior e caendo ao 9,2% do investimento total

E onde sobe tanto logo o investimento, preguntaranse vostedes. Tamén por esas casualidades da vida, sobe xusto alí onde o PP se xoga as vindeiras eleccións municipais e autonómicas: Andalucía trinca o 14,6% do investimento total e incrementa un 27,6%. A Comunidade de Madrid sobe un 24,07%, até os 1.247,3 millóns, porque é sabido que en Madrid padecen unha grande necesidade de aeroportos, autoestradas e trens de alta velocidade porque case non teñen. Valencia, outro feudo chorado que queren recuperar, sobe un 25,6%, e pasa do 6,9% ao 7,3% do investimento total. Castela A Mancha, o reino perdido de María Dolores de Cospedal, sobe un saboroso 37,8% e o País Vasco, onde goberna ese PNV con ese 5 deputados imprescindibles para aprobar os orzamentos, medra un xeneroso 31,9%.

As cifras cantan. Palmamos pasta e a culpa é de O Noso Alberto. Ou non castigan porque O Noso Alberto non sabe rendibilizar o moito que lle votamos ao PP, ou nos castigan para por no seu sitio a O Noso Alberto por andar xogando cando non debe a postularse como sucesor, ou O Noso Alberto non pinta unha mona en Madrid e cando hai que sacar cartos de debaixo das pedras para que chovan onde lle fai falta ao PP, aquí estamos nós, os galegos, sempre en posición de saúdo e listos para o sacrificio; éche o que hai, non caben máis explicacións. Se teñen unha coartada mellor estaremos encantados de que no la digan e pasarémoslla ipso facto a O Noso Alberto, que falta lle vai facer.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail