Fágase insigne galeguista por 550 € (antes 700)

«Queres unha medalla Castelao?», ofréceme nun Whatsapp un amigo, incluíndo un link no que, efectivamente, un señor (parece que é home, ou polo menos asina Pedromen) oferta  un «pin de ojal en plata y esmalte – medalla Castelao – grabada para un miembro de la real academia gall». Pide por ela 400€, ou máis exactamente esa é cantidade da poxa inicial, pero desde o 31 de marzo que se abriu, ninguén fixo unha oferta. Se queren, teñen ata o martes, 10/04/2018, ás 21:08:00 (hora España, especifican).

Tamén teñen que espelirse se queren ter o kit completo por un prezo módico: «En venta directa. Diploma Concesión Medalla Castelao a Emilio González López (1984)». Este ofértao Sahrazad desde Granada, por 150,00 € (antes: 300,00 €. ¡50% de descuento! hasta el lunes, 9 de abril). Sahrazad debe ser galego, ou galega, porque entre as súas ofertas figuran moitos libros e obxectos desta orixe, incluído outro diploma de Don Emilio, o que acredita o seu ingreso no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses en 1981, e que está valorado por riba do da Medalla Castelao, 280€, quizais porque parece como máis aparente. Non, non é un episodio da serie de telerrealidade El precio de la historia, aínda que o pareza.

Insignia e diploma están en «estado normal», é dicir, «con señales de uso normal». Non sei cal será o uso normal para un pin e un diploma que acreditan, segundo o decreto de creación, que o seu destinatario desenvolveu, «dentro ou fóra de Galicia, unha obra artística, literaria, cultural, científica ou en calquera outra liña que o faga merecedor desta distinción… a perfección, o simbolismo ou a transcendencia das obras é o reflexo dun traballo conscientemente realizado con esforzo e con fe na cultura, na historia e no ser dun pobo».

A oportunidade de facerse cos signos externos desa honra por eses cartos revela a pouca consideración que algúns herdeiros teñen do prestixio da familia

Non sei para quen sería a insignia acreditativa da Medalla Castelao «grabada para un miembro de la real academia gall». Poden facer quinielas na lista de galardoados, e salsear coa identidade que prudente e pudorosamente agacha o vendedor. A de Don Emilio González López fora no lote das primeiras que se outorgaran que, con permiso do resto dos premiados, foi o máis indiscutible de todos: estaban con el Ricardo Carvalho Calero, Xosé Filgueira Valverde, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Isidro Parga Pondal e Valentín Paz-Andrade. Na traxectoria da condecoración outorgóuselle a xente que, nalgúns casos debeu facer moito por Galicia, pero de forma humilde, tan humilde que os seus méritos se nos escapan á maioría, e noutros os méritos son coñecidos de sobra, pero o que se nos escapan son os beneficios que recibiu Galicia deles. Pero non teño dúbida de que os destinatarios dos galardóns que agora se poñen á venda tiveron valía e calidades abondas como para recibilos.

Non obstante, a oportunidade de facerse cos signos externos desa honra por eses cartos revela, ademais da pouca consideración que algúns herdeiros teñen do prestixio da familia, os practicamente nulos miramentos que ten este país cos seus símbolos. Claro que véndoo polo lado positivo, non me digan que non é unha ganga facerse galego insigne por menos do que custa un smartphone de gama non moi alta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail