O cine engorda

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Cando entro na cociña síntome unha artista nun estudio de sabores, olores, cores e texturas. Guisar é a arte máis efémera: parece mentira que dominemos a alquimia do xeado de fabada, a (ultra)ciencia da depilación definitiva ou a aeronáutica das viaxes espaciais, pero aínda non aprendésemos a fixar os celmes e recendos que un día nos fixeron felices. Xa poden servirnos as croquetas máis exquisitas do mundo, que nos emperrenchamos en que as da nosa nai son moito mellores. Imposible rebatelo, ata aí non chega a filosofía.

Hai dúas sensacións coas que gozo como artista das potas e tixolas: a calma ―ese tempo de tranquilidade e mimo mentres cociño― e o ulido na casa ao estufar unha carne ou enfornar un biscoito. Xusto o contrario do que acontece nos realities televisivos masterchef, nos que todo vai a correr, nada sabemos dos adubos e nunca chegamos a catar o menú. Téñome que fiar do que din uns señores que nin sei onde teñen o sentido do gusto. Como en case todo, o dos programas de cociña vai por modas, e agora nas televisións xeralistas onde están máis á última e na serie Versace, mentres que na cociña as receitas máis actuais son as que nos amasa Fariña cada mércores.

Grace Kelly e James Stewart en La ventana indiscreta

O cine tamén ten os seus sabores. Hai tantas películas que son menús deliciosos, que sinto como engorda, sesión a sesión, o meu talle de vestido. O mesmo que hai filmes que me obrigan a cociñar as súas receitas. En La ventana indiscreta (1954) de Hitchcock non puiden resistirme á langosta que cean James Stewart e Grace Kelly. A Lisa, que o sabe todo sobre moda, a cociña quédalle grande: prefire encargar, nun dos restaurantes máis chic de Nova York, unha langosta á prancha con prebe de champaña que nos fai salivar, unha sensación que xa vivira noutro dos títulos de Hitchcock protagonizados por Kelly, Atrapa a un ladrón (1955). Aquel día comín pólo asado mentres me imaxinaba conducindo un Sunbeam-Talbot Alpine e preguntándolle ao meu copiloto Cary Grant: «Prefire zanco ou peituga?». A relación de Hitchcock coas artes culinarias é ben curiosa, nunca falta nas súas películas algunha secuencia cunha mesa chea de viandas, ou varias, como en La sombra de una duda (1943). O maior misterio que nos deixou o mestre do suspense é a fobia que lle tiña aos ovos fritidos: «A xema ao derramarse produce un efecto máis arrepiante que o sangue mesmo», faille dicir a un dos seus asasinos.

Grace Kelly e Cary Grant en Atrapa a un ladrón

Jack Lemmon presume de bo cociñeiro nunha das escenas máis divertidas de El Apartamento (1960) de Billy Wilder, onde escorre os espaguetes cunha raqueta de tenis con máis maña que Roger Federer nun passing de revés. Que envexa de Shirley MacLaine porque aquela pasta con albóndegas era para ela! Envexa como a que sinto polo xeito de Wilder para cociñar palabras nuns diálogos ―tan ben adubados e sempre no punto exacto de cocción― que só poden ser para mastigar e saborear lentamente.

Jack Lemmon en El apartamento.

Nesta macedonia de películas, coa que máis ancheei foi con 18 comidas (2010), de Jorge Coira. Moitos dos quilos collinos pola felicidade de ver un filme tan ben guisado por Coira co rustrido, de primeira calidade, dos guionistas Araceli Gonda e Diego Ameixeiras: media ducia de historias cruzadas que imos vivindo durante o almorzo, comida e cea dun só día, alimentadas por actores tan frescos como a pescada do pincho de Celeiro. Arredor dunha mesa condimentamos a vida, e Coira serve as calorías xustas de drama e comedia nestas tramas trenzadas con sentimentos. Deliciosa. Si, deliciosas a cinta… e a nécora que, durante uns fotogramas, comparte protagonismo con Luis Tosar e Esperanza Pedreño.

Nas series é habitual que unha comida sazone o guión. As albóndegas de El Padrino, a paella de El Chiringuito de Pepe ou unha tapa de xamón en Los Serrano son un bo aperitivo para o conflito do episodio.  A ruína chega se entras no bar Suizo de Pratos Combinados, onde Miro Pereira serve os liscos de xamón fotocopiados para que teñan menos colesterol. Miro é a excepción a tanta delicatessen na pantalla, para iso o seu menú é a comedia.

Vou deixar macerar esta sopa de letras mentres gorenteo El festín de Babette (1987), de Gabriel Axel. E facédeme o favor: comede de todo, que estades nunha idade moi difícil.

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail