O noso marzo do 68

«Eiquí silencio,
ó norte Colliure»
—Carlos Casares, Poema de emerxencia para Antonio Machado.

Silencio nunha Compostela dominada polo peor dos medos, o medo a ter medo, algo que tan ben sabe manexar a ditadura. Silencio por parte do profesorado, por temor ás represalias. Neste contexto, comecei a miña carreira, pero en España as Universidades había moito tempo que, asumindo o «compromiso histórico» moito antes de 1968, come­zaban a rebelarse contra o réxime instituído. Foi así como na Universidade compostelá o Sindicato Democrático de Estudantes comezou a substituír o S.E.U. franquista nas actividades culturais: presentar a primeira «Canción Protesta», con Benedicto, en Filosofía, e a actuación de Raimon, cando por primeira vez vimos a policía rodeando o Estadio onde se cele­braba o acto. Máis ou menos polas mesmas datas apa­recen os cantautores, os que logo formarán Voces Ceibes. Ao mesmo tempo, e coa inestimable axuda da Nai Azcárate, presentabamos obras de teatro no colexio maior que dirixía; obras con claros matices críticos e revolucionarios.

Por primeira vez o que máis tarde había de ser o noso himno, «Venceremos Nós», que entón era «We shall overcome», resoaba nas aulas na voz dunha descoñecida Joan Baez; Bach en Jazz, de Jacques Loussier, músicas innovadoras que ían callando na nosa formación integral. Tamén recitais poéticos, como o que nos levou a un enfrontamento con estudantes cubanos exiliados, que tentaron boicotear unha escolma de poemas de Nicolás Guillén celebrado en Medicina. Lembro a Eduardo Fra que con firmeza e excelente dialéctica soubo poñelos no seu lugar. Lémbroo moi ben porque eu presidía daquela o recital con el. Paralelamente seguían as tertulias do Cantábrico, no Castiñeiriño, e mesmo na miña casa. Curiosamente, decateime polo traballo de Ricardo Gurriarán sobre o 68 en Compostela que un dos pisos onde se celebraban xuntanzas e se tiraban octavillas coas «vietnamitas», fora un préstamo de meu pai, o avogado José Caamaño Caamaño. Ata ese día non soubera que prestaba axuda económica á nosa causa.

Non é doado estudar á parte cal foi o papel da muller nas mobilizacións porque participabamos coa mesma convicción e ánimo que os nosos compañeiros

A teima e a torpeza do decano de Ciencias, o cate­drático Joaquín Ocón, na súa negativa a aceptar o Sin­dicato Democrático de Estudantes e non pagar o diñeiro do mesmo aos representantes electos, aceleraron o proceso que viña xestándose desde anos atrás. As protestas medran, dirixidas polos delegados, fanse manifestacións, asembleas… folga indefinida, pero sempre dispostos á negociación, sempre dentro do máis estrito pacifismo. Ata que en Filosofía, durante tres dias, un elevado número de estudantes deciden pecharse en apoio ás súas reivindicacións. E velaquí a demostración de igualdade entre homes e mulleres. Mesmo nas malleiras dos «grises», que non distinguían de xénero.

Asemblea no patio da Facultade de Filosofía e Letras.

O director xeral de Enseñanza Superior e Investi­gación, José Hernández Díaz, veu expresamente de Madrid disposto a rematar co conflito a base de man dura. Pechámonos en Medicina, de onde, en contra da opinión da maioría do profesorado fomos desaloxados de xeito brutal, tanto que a reacción da sociedade santiaguesa foi poñerse a favor do estudantado, conde­nando a desproporcionada actuación da policía.

Saída logo dunha asemblea xeral na Facultade de Medicina. Arquivo de Vicente A. Areces.

Non parece doado estudar á parte cal foi o papel da muller nas mobilizacións porque, como dixen, participabamos coa mesma convicción e ánimo que os nosos compañeiros, e da mesma forma, só os nomes máis representativos, xa fora pola súa militancia sindical ou por ter máis presenza nas intervencións das asembleas, pasaron a ser coñecidos por escrito. Mais tras desas mulleres con nomes e apelidos, hai un numeroso grupo que realiza unha importante labor, a de prepararnos as coartadas para poder actuar sen ser detidas, o de pasar a recoller a propaganda na capela da Corticela, na Catedral e logo repartila, proporcionar comida aos pechados… e un chea de cousas máis; e todo iso nun contexto onde as máis das nosas compañeiras estaban en residencias femininas ou colexios maiores, con estritos horarios que tiñan que respectar. Podería citar a moitas compañeiras, pero non o fago por expreso desexo delas: cunha honestidade que aínda as honra máis, pensan que outras moitas quedarían inxustamente tratadas. Mais eu quero deixar constancia da súa existencia.

Hai quen di que mificamos o 68, o marzo do 68, mai hai que ter en conta que foi a primeira vez que se cambia de Univesidade a un catedrático, aínda máis a un Decano, o doutor Ocón. Se ben a feroz represión do curso seguinte, levada a cabo polo novo reitor, L. Garrido, frenou momentaneamente a loita, non tivo en conta que tan duras sancións estaban sementando novos movementos, porque a Universidade de Santiago cambiara xa para sempre, cambiaran o pensamento e a relación cos profesores que deixaron de ser deuses.

Non parece casualidade que, aínda nos estertores da ditadura, unha gran parte do profesorado, foramos quen de ser os protagonistas da renovación pedagóxica na procura dun ensino público, crítico e igualitario. Cincuenta anos máis tarde, a solidariedade e a amizade seguen presentes en moitos de nós. É o momento de que os máis novos tomen o relevo e non deixen avanzar a crecente involución que se estende por España impedindo alcanzar as arelas daquel 68.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail