A reforma electoral de Unidos Podemos esquece a singularidade galega

Hai unhas semanas, o grupo parlamentario no Congreso de Unidos Podemos-En Comù Podem-En Marea presentou unha proposta para reformar  a Lei electoral co obxectivo de garantir unha meirande proporcionalidade, ao substituír o método D´Hondt pola fórmula Saint Laguë. Unha boa proposta en abstracto, por ser moito máis próxima á regra «unha persoa, un voto». E unha mala nova para o PP, que tira moitos réditos da distribución de escanos por provincia e da sobreprima ás maiorías.

A proposta presentouse sen un acordo previo co voceiro de En Marea

O grave problema, porén, é que o chamado grupo confederal non consultou esta reforma nin cos órganos de En Marea nin co seu voceiro de quenda, Miguel Anxo Fernán Vello, malia os indubidábeis efectos que a reforma tería no noso país. Porque esa meirande proporcionalidade reduciría o número de deputados que representan Galicia no Congreso.

É dicir, que Unidos Podemos non só faltou nas formas (adoptar a decisión de costas aos lexítimos representantes de En Marea), senón no fondo, ao definir unha reforma estatal global sen atender as especificidades da plurinacionalidade española e da singularidade galega. Velaí a dura protesta do coordinador de Anova, Antón Sánchez.

Os pecados orixinais: a coalición nas eleccións xerais e non se pasar as deputadas galegas ao Grupo Mixto

Este grave desacordo reflicte unha vez máis as dificultades de coordinación entre un proxecto nacional, como En Marea e outros inequivocamente españois, como son Podemos e EU. E pon de actualidade a propia e discutida xénese da candidatura ao Congreso nas eleccións xerais de decembro de 2015, reeditada nas seguintes eleccións de xuño de 2016.

Existiron no verán de 2015 dúas iniciativas de base cidadá a prol dun amplo entendemento cara ao proceso electoral das xerais. Mais este proceso foi impedido dende EU e Podemos, ao impór como única fórmula posíbel a coalición entre as dúas forzas e Anova, rexeitando deste xeito calquera participación de base e a consolidación dun  partido instrumental naquela altura. Tampouco axudou nesta andaina a actitude illacionista da Executiva do BNG, mesmo ás custas do seu portavoz nacional de entón, Xavier Vence.

Compárese a presenza nas institucións e medios estatais do voceiro valenciano, Joan Baldoví, e de calquera dos sucesivos voceiros e voceiras galegos

Logo de celebradas as eleccións había que cumprir a promesa feita á cidadanía e formar un Grupo Parlamentario especificamente galego, de En Marea. A Mesa do Congreso, nunha interpretación ilegal do Regulamento, non o permitiu. Os deputados de Compromís na coalición á valenciana (Compromís-Podemos-És el Moment) foron ao Grupo Mixto, onde formaron subgrupo e manteñen unha representación ben activa e operativa. Compárese a presenza nas institucións e medios estatais do voceiro valenciano, Joan Baldoví, e de calquera dos sucesivos voceiros e voceiras galegos. Mais a representación de En Marea integrou o grupo, disque confederal, que quixo Podemos.

Verdadeiramente foi un grave erro non adoptar dende En Marea a solución Compromís. Ben o saben xa Beiras, os órganos reitores de Anova e os deputados desta formación no Congreso.

O partido instrumental, Podemos e EU

A fins de xuño de 2016 constituiuse como partido instrumental En Marea e dende entón ratificou en todos os seus plenarios a súa vontade de plena independencia e de total galeguidade. Mais os órganos reitores de En Marea, democraticamente elixidos polos adherentes, seguen a non ser recoñecidos dende Podemos e EU, autores do plan para satelizar En Marea en Madrid a prol de Unidos Podemos.

En Marea, como opción política soberana e segunda forza política do País, enfronta unha grave eiva: a falla de voz de seu na capital do Estado. Cumpriría, pois, resolver esta situación antes da fin da lexislatura para poderlle demostrar á cidadanía, en último de contas, que si elixiu deputados galegos para defender os intereses deste país en Madrid, malia que fose por un curto espazo de tempo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail