Es igualiña a teu pai: unha vida crecendo no feminismo

Unha coñecida marca galega celebraba o 19 de marzo nas redes sociais cunha campaña que di «Nos parecemos», mostrando diversos casos nos que pais e fillos actúan de xeito semellante. Na vida, coma nos anuncios, fálase moito do que as nenas nos parecemos ás nosas nais e o nenos aos pais. No meu caso sempre foi diferente. Dende pequena, todo o mundo falaba do moito que me parecía a meu pai, aínda que en moitas ocasións, e a pesar da intención cariñosa, non semellase unha comparación positiva. A primeira vez que me decatei foi unha tarde de verán na Alameda de Vigo, durante unha Feira do Libro. Atopámonos con María Xosé Queizán que ao vernos díxome «Es igualiña ao teu pai, non che dá vergonza? Terrible, nós parímolas para que acaben sendo coma eles». Sei que María Xosé non quería asustarme, mais por primeira vez pensei en se tería algo de malo parecerme ao meu pai. E por que sería tan terrible acabar sendo coma eles. Quen eran eses «eles»?

A pesar do moito que me descolocou aquel comentario, dende moi pequena recibín a consciencia da loita das mulleres, das desigualdades ás que nos enfrontamos e da necesidade de pelexar diariamente para deixar atrás todas as fendas e ser, por fin, iguais. Asistín á marcha mundial das mulleres viguesa e tamén a moitas desas manifestacións do 8 de marzo nas que non eramos máis que 25, unha data obrigatoria á que a miña nai nunca nos deixou faltar. Crecín no feminismo grazas ao exemplo da miña nai, das lecturas e películas -dende pequena ser Matilda era o gran obxectivo-, e as conversas con moitas outras mulleres afoutas coas que tiven a fortuna de compartir o meu tempo, como María Xosé. Muller boa, xenerosa, referente da literatura e do feminismo global. Se vivísemos nun país normal vería recoñecida a súa figura sendo nomeada, por exemplo, presidenta da Real Academia Galega. O de pertencer á institución xa o deixamos para outro día… Perdoade a digresión mais as cousas hai que dicilas.

Se vivísemos nun país normal María Xosé Queizán vería recoñecida a súa figura sendo nomeada, por exemplo, presidenta da Real Academia Galega

Se facemos algo unha e outra vez, acaba sendo normal di Chimamanda Ngozi Adichie. Ela utiliza esta frase para explicar o motivo polo que na súa escola só os nenos eran considerados para ser monitores de clase. Mais para min ten un significado diferente. Ser unha muller feminista é o meu normal. Dende pequena, miña nai e meu pai invitáronme a ocupar o espazo que merecía, que era meu. Aínda que iso a veces lévase a situacións peculiares coma preguntarlle ao meu profesor se as nenas non tiñamos que facer deberes por aquilo de «Niños, los deberes».

Educar no feminismo non é un labor só das nais, nin só a elas nos parecemos. Facer algo unha e outra vez para que acabe sendo normal non nos corresponde só ao 50% do planeta. Falo contigo, tío! Non vale só con escandalizarse cos casos de violencia machista, ou acompañarnos ás manifestacións. Tócache facer a túa parte. Pensa a diario en como te comportas coas mulleres que tes ao teu arredor, están asumindo elas máis traballos domésticos dos que lles tocarían nun reparto 50/50? Tes colegas que comparten «machadas» en Facebook e Whatsapp e os desaprobas en silencio sen poñelos no seu sitio? Educar no feminismo non é cuestión só das mulleres. Nós seguiremos batendo en todas as portas nas que faga falta e enchendo as rúas para reivindicar e exercer os nosos dereitos, mais tamén é tempo de que espabiledes. Queredes unirvos ao feminismo e acompañarnos no noso camiño? Recoñecede a vosa posición privilexiada, reflexionade sobre ela cando vos toque actuar, falar, vivir, educar…. e facédeo en consecuencia. E, sabedes? Se vos sae un pouco ben, pode que dentro de 25 anos alguén escriba un artigo agradecéndovolo. Porque si, son igualiña a meu pai. And i couldn’t be prouder.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail