Quitarlle a área sanitaria é polo seu ben

O Partido Popular tivo onte, cos seus únicos, pero suficientes votos, o respaldo parlamentario á reforma da Lei de Saúde de Galicia. Supoño que con esta frase, que inclúe «votos», «parlamentario», e «Lei», xa espantei dúas terceiras partes de lectores potenciais. Tanto lles ten se viven na Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense. En caso contrario, ou se teñen parentes que aprecian que viven fóra deses ámbitos, eu prestaría algo de atención. A isto ou a calquera outra información sobre ese árido tema.

A reforma aprobada supón pasar das once áreas sanitarias que había (nas cidades citadas, máis O Salnés, A Mariña, Monforte e Valdeorras) a esas sete. Quitar as das vilas, vamos. A razón, ademais de porque poden, é «mellorar a vida das persoas», segundo asegurou o voceiro de sanidade do partido do Goberno, Aurelio Núñez Centeno. Un propósito tan nobre como obvio, porque ninguén vai argumentar que toma unha medida para amolar a cidadanía, sobre todo se depende da tal cidadanía para seguir podendo tomar medidas. E Aurelio Núñez Centeno dáme a razón cando engade que isto é así ―o de mellorar a vida das persoas― «como calquera outra medida que presenta a Xunta». É dicir, é un argumento que vale para todas e cada unha. «Aínda que, ás veces», recoñece o voceiro da redución de áreas, «non sexan entendidas pola cidadanía».

A sanidade é que non só lle afecta aos cidadáns en xeral, como o cambio climático, senón que son usuarios concretos, directos ou indirectos

Pois non, a cidadanía non o entendeu. Non xa os cidadáns da oposición, que se comprende que non sexan moi proclives a compartir os puntos de vista do Goberno, senón a cidadanía. Non toda a cidadanía, suponse, pero en Monforte saíron a protestar milleiros de persoas como nunca tal se vira, e pechou o comercio todo, e creo recordar que no resto das áreas sanitarias ameazadas de deixar de selo, como efectivamente pasou, pasaría igual. Creo recordar porque da mesma maneira que as manifestacións que teñen lugar fóra de Madrid non contabilizan, ou só contabilizan como «ensaios» ou «tamén noutras cidades», todo canto se mova fóra de Santiago, A Coruña ou Vigo tampouco é digno de ser contado polos medios importantes para o conxunto dos galegos, quitado que haxa sangue ou se trate da galiña dos dous cus.

Quizais é que non o explicaron ben á cidadanía. Pero o malo de cousas como a sanidade é que non só lle afecta aos cidadáns en xeral, como o cambio climático, senón que estes son usuarios concretos, directos ou indirectos. E se ven que van quitando médicos e servizos, o natural é que non confíen moito en que unha medida así vai ser polo seu ben.

Os outros argumentos que escoitei eran que coa redución búscase mellorar a xestión ― desde logo, sería a primeira vez que unha reforma o que pretendese sería empeorala― e achegar o médico ao paciente. E aquí non sei se o entende a cidadanía, pero eu non. A vantaxe de xestionar un hospital en Valdeorras desde Ourense, a 113 quilómetros de distancia tanto se vas pola N-120 como pola OU-536, e non desde Valdeorras, éme difícil de ver, por moitas tecnoloxías da información que haxa. En canto ao de achegar o médico ao paciente, hai tres métodos: 1. Mandar o médico onda o paciente. 2. Poñer médicos alí onde hai pacientes. 3. Retorcer a gramática e dicir que o que se quería dicir era achegar o médico ao paciente.

A opción 1 supón, ademais dun gasto para a administración ―polo desprazamento― e un mareo para o médico ―polo ídem―, perder unha chea de horas de traballo. En concreto 1h 59’ e un gasto de 11,50€ (máis o mesmo de volta en tempo e cartos) se vai pola N-120, e 2h 28’ e 13,70€ se pola OU-536 (máis a volta). En resumo, que perdería a metade ou máis da xornada laboral na estrada. Quitado que se achegara aos pacientes de Monforte se vai pola N-120, que lle pillan a metade de camiño, ou aos de Maceda se escolle a OU-536. E non deixa de ser un pouco raro que haxa un hospital no medio de dous da mesma área sanitaria?

A opción 2 suporía aumentar o número de médicos, e iso todos sabemos que non vai pasar. Por experiencia, e porque se fose pasar, anunciaríano con bombas de palenque. E a opción 3, que fose o paciente o que se trasladase onde o médico, sería ―a maiores de enganar, pero iso non se lle ía ter en conta― volver ao de antes, percorrer unha chea de quilómetros para ser atendido de algo máis que unha dor nos cadrís. Pero para iso loitaron en Valdeorras, na Mariña, en Cee, para ter hospitais. Con médicos e servizos sanitarios.

A min o de «é para mellorar, aínda que non se entenda» recórdame moito aquilo de «es por tu bien» e «a mí me duele más que a tí». Antes ou despois, viña a zapatilla.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail