A RAG acorda o trámite para expulsar a Ferrín

O plenario da Real Academia Galega acordou o pasado sábado, logo dunha sesión axitada, enviar unha carta ao ex-presidente, Xosé Luís Méndez-Ferrín, que dimitira do cargo e da pertenza á institución hai cinco anos por estas datas,  dándolle un prazo prudencial para reincorporarse, ou en caso contrario, expulsalo. De feito, o nome do autor de Con pólvora e magnolias xa non forma parte do listado de integrantes do pleno na web da RAG. Á espera da incorporación de Ana Romaní, designada nese mesmo plenario, na relación de membros só hai 28 dos 30 que conforman a Academia.

Relación de membros da RAG na súa páxina web.

 

Ao plenario ía precisamente un escrito solicitando que se reincorporase a Ferrín no listado tanto da web como de destinatarios dos boletíns e comunicados da institución. A petición ía asinada por Xosé Luis Axeitos, Chus Pato, Manuel González, Euloxio Ruibal, Paco Fernández Rei, Darío Xohán Cabana, Xosé Luis Regueira e Manuel Rivas (os dous últimos non asistiron). A petición foi contestado coa contraproposta de darlle ao expresidente un ultimato, e de non reconsiderar a súa postura nun prazo de tres ou seis meses, proceder a facer efectiva a súa renuncia á Academia. O argumento da maioría dos académicos era que Xosé Luís Méndez Ferrín anunciara de forma pública e voluntaria a súa dimisión o 24 de febreiro de 2013, que se concretou o 13 de marzo, incluso coa devolución da medalla da institución.

O dos peticionarios era que Antón Santamarina, naquela mesma situación, tamén dimitira e entregara a medalla, que logo recuperou ao reconsiderar a súa postura. Tamén que sempre houbo membros de número que renunciaran a asistir as actividades da Academia, e mesmo a criticaron acedamente, como o caso dos presentes Xosé Luis Franco Grande, que estivo ausente oito anos, e de Xesús Alonso Montero, que estivo catro, sen que por iso foran cominados a renunciar. Finalmente pediron que se votase a súa solicitude, independentemente da contraproposta da liña «oficial».

Ao non aceptar a maioría do plenario, os propoñentes abandonaron a RAG sen votar. Dos 18 membros que quedaron (o presidente Víctor Freixanes, os membros da directiva Xosé Henrique Monteagudo, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Andrés Torres Queiruga; Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz-Fierros, Xesús Ferro Ruibal,  Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño, Margarita Ledo, Ramón Lorenzo, Luz Pozo, Pegerto Saavedra, e Ramón Villares), 14 votaron a favor de enviar a carta, 3 votaron en branco e un (Xosé Ramón Barreiro, que saíra fumar) non votou.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail