A pensión de Ringo Starr

Non che foi moi comentado, pero Ringo Starr estivo na concentración dos pensionistas o 17 de marzo na Coruña. Alí, onda o Obelisco, como case única pancarta nesa concorrida cita transversal, campaba un optimista cartel coa imaxe de Ringo. O Beatle que naceu e exerceu de perdedor vai tocar na Coruña este verán. Iso proclamaba cun sorriso e co prezo dunhas entradas posiblemente inasumible para os pensionistas de «paga bromuro 0.25%».

Estou seguro de que a humildade que Ringo mantivo sempre na convivencia cos seus atorrantes e xeniais colegas de grupo é froito da convicción de que coa pertenza paciente e silandeira aos Beatles estaba asegurando a súa xubilación. Caso ben distinto dos milleiros de persoas que arrodeabamos ese cartel: os máis (pensionistas en exercicio) secuestrados nese macabro placebo do 0,25% e o resto mareados no loop da ruleta rusa e a inseguridade xurídica de non sabermos para que serven os impostos que pagamos. Os xestores gobernamentais son tamén atorrantes, pero á diferencia de John, Paul e George, nada che teñen de xeniais.

Se o problema para aumentar as pensións é de cartos, pois haberá que deseñar outra política fiscal

Levamos semanas aturando unas autoridades que insisten en que o problema para asumir o que expresan as inmensas concentracións feministas e de pensionistas é que son «políticas». Pois esa é efectivamente a convicción compartida que nos une á xente que as frecuentamos. Para acadar a igualdade de xénero e unhas pensións xustas queremos  outra política. Porque política é a decisión de que os cartos do Estado sufraguen barcos de Piolín ateigados de antididisturbios para evitar que a xente vote, por moi simbólico que iso sexa, ou  que eses cartos retribúan os investimentos erráticos dos propietarios das autoestradas ou que, en poucos anos, se vaia duplicar o orzamento do Ministerio de Defensa. Criterios compartidos polos defensores integristas dese insultante 0’25 %.

Se o problema para aumentar as pensións é de cartos, pois haberá que deseñar outra política fiscal. Xa me saíu outra vez: «política»! E se as autoridades políticas nos din que non se faga política, pois que comecen por eles mesmos e deixen a política. Franco e Ringo non se meteron en política, pero o resto é que non damos golpes de Estado nin somos o batería de The Beatles.

Marchamos do Obelisco e alí quedou o sorriso ao vento de Ringo. Pola telepatía que me une a el (cousas entre perdedores do rock and roll) non o vin moi preocupado nin polo partido instrumental nin pola «marca» das candidaturas municipais do cambio.

Porén, estou seguro que si  lle agradou que aquela xente toda nos xuntaramos alí. Vimos a propaganda do seu próximo concerto. Hai que botarlle unha man coa súa xubilación. Non perdeu o sorriso. E, coa súa man, seguiu facendo  o «v» de vitoria.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail