Non foi un soño

8 de marzo de 2018 ás 23 horas. Cheguei a casa co corpo baldado, a gorxa de espiño, as pernas trementes e o orgullo feminino enchido como nunca o tivera na miña vida. Acababa de formar parte das máis de 45.000 persoas que percorreron o centro de Vigo para berrarlle ao machismo que ten os días contados. Xunto coas miñas compañeiras de 20, 30, 40, 50, 60 anos e xubiladas. Mirámonos por fin aos ollos e perdemos o medo a dicir que xa abonda.

Os medios de comunicación internacionais pregúntannos por que. Por que agora. Eu pregúntome por que tan tarde. Por que non toda Europa. Se teño que explicalo, penso na Manada, en Diana Quer, no movemento #Metoo, nos programas de televisión que tanto restan, nas tertulias monopolizadas por catro machistas e nun presidente do Goberno entoando sobre a fenda salarial un ferinte «no nos metamos ahora en eso». Nunha ministra de Igualdade á que non lle gustan as etiquetas de igualdade.

Pregúntannos por que. Por que agora. Eu pregúntome por que tan tarde. Por que non toda Europa

Penso nos 99 feminicidios rexistrados no Estado o ano pasado, no meu medo a ir soa pola rúa de noite e en como teño que mirar cara atrás antes de meter a chave no portal. Penso nas risadas a golpe de «carallo» e «collóns», e no escándalo que aínda provoca dicir que estamos «ata a cona». Penso na vergoña e a indignación que nos produce escoitar os «chiss chiss» nalgúns postos de traballo cada vez que temos que pasar pola fotocopiadora e que todo quede coma un «inofensivo» divertimento masculino.

Todo iso fíxome crer que o feito de sairmos tantos millóns de persoas ás rúas para mostrarmos o noso rexeitamento á desigualdade de xénero era un soño. Pensaba que aínda non recoñecíamos o machismo como machismo, nin queríamos saber nada da palabra patriarcado, nin moito menos da palabra feminismo. Que, se saíamos, faríamolo nun activismo concentrado na esquerda.

Agora, o día despois, escribo isto co convencemento de que o 8 de marzo de 2018 foi só o comezo. Que, a partir de hoxe, o feminismo e a sororidade pasan a ser dous termos máis do noso vocabulario cotián. Que comezaremos a espetar en masa «desculpa, pero quero escoitar o que di a nosa compañeira» ou «si, iso é xustamente o que acaba de dicir a nosa compañeira». A compartimos espazos dun xeito cada vez máis igualitario.

Teño o convencemento de que non daremos un paso atrás. De que non foi un soño.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail