Reformar ou non reformar, esa é a cuestión

O mundo dos sistemas electorais é diverso e complexo: o sistema electoral dun país nunca é o mesmo que o doutro. (David Farrell, 2001)

Como o Shériff de Nottingham, os sistemas electorais tenden a roubar aos pobres para dar aos ricos.  (Douglas W. Rae, 1971)

Os sistemas electorais son mecanismos curiosos que teñen a capacidade de transformar os votos de millóns de electores nuns poucos escanos. É tal a súa complexidade que, en función dos seus compoñentes, son capaces de xerar uns resultados ou outros. A ninguén se lle escapa que non fai tanto tempo, en novembro de 2016, o actual presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, superaba a súa rival Hillary Clinton por 67 escanos, pese a obter máis de 3 millóns de votos menos. Claro está que con outras regras de xogo, nas que primasen a correspondencia dos votos coa dos escanos, o resultado tería sido outro ben distinto.

En España non estamos tan lonxe da realidade norteamericana. Nas eleccións ao Congreso dos Deputados é unha constante como Esquerda Unida que, polo xeral, obtén máis votos que formacións como CIU, termina por recibir un número significativamente menor de escanos. E isto non é precisamente porque CIU estea sobrerrepresentado e teña unha prima de asentos nas Cortes, se non máis ben porque o intencionado deseño do sistema electoral español fai que a localización do voto termine sendo fundamental para acadar representación parlamentaria. Así, os pequenos partidos de ámbito nacional cun voto pouco concentrado, teñen que conformarse con obter escanos naquelas circunscricións (provincias) que máis proporcionalmente transforman os votos en escanos (caso de Madrid, por exemplo) mentres observan pacientemente como numerosos apoios que reciben terminan por ser desperdiciados.

Os pequenos partidos de ámbito nacional cun voto pouco concentrado teñen que conformarse con obter escanos nas circunscricións que máis proporcionalmente transforman os votos en escanos

Así as cousas, os resultados non monótonos do sistema electoral, é dicir, aqueles nos que unha formación con máis apoios termina por obter un menor número de asentos que outro partido con menos votos, non é só unha realidade a nivel estatal. De feito, nalgunhas comunidades autónomas soe ser a tónica habitual. Canarias é unha delas. Sirvan como exemplo os recentes comicios de 2015, nos que Coalición Canaria con máis de 1 millón de votos menos obtivo 3 asentos máis que o PSOE e, a pesar de ter preto de catrocentos mil sufraxios menos que o PP, conseguiu 6 escanos máis. En Cataluña isto sucedeu nas elección de 1999 e 2003 nas que CIU, con menos votos que o PSC, obtivo non obstante máis escanos. E tamén nos comicios autonómicos vascos de 1986 nos que o PNV, a forza más votada, viu como ao se transformaren os sufraxios en asentos quedaba por debaixo do PSE-PSOE.

Pese a todo, e aínda que no ano 2008 se establecese unha subcomisión para estudar unha posible modificación das leis electorais españolas, ningún dos grandes elementos do sistema: fórmula electoral, circunscricións, barreira legal ou umbral electoral foi modificado. Hoxe, dez anos despois desta tentativa, parecería que esa rara avis que son as reformas electorais (coa excepción do caso italiano, onde cada vez máis semella que a modificación das regras do xogo é un hábito que se repite con certa periodicidade), está máis preto de producirse. O estraño de todo isto é que os principais abandeirados da reforma, Ciudadanos e Unidos Podemos, chegaran a un punto de encontro nun tema, sen dúbida de importancia maior, pero que non se acha por encima doutros (de carácter social e económico) nos que, polo menos ata o de agora, o que primou foi a discrepancia e non a colaboración entre partidos.

Os principais abandeirados da reforma, Ciudadanos e Unidos Podemos, chegaron a un punto de encontro nun tema que non se acha por encima doutros nos que ata agora primou a discrepancia e a non colaboración

A proposta estrela das «novas formacións», máis alá de cuestións que están relacionadas co dereito electoral – redución do gasto en campaña, verdadeira aplicación das listas cremalleira (na procura da paridade de xénero) ou mellora do voto de españois residentes no exterior – é a da modificación da fórmula de reparto dos votos: a substitución da fórmula D’Hondt pola de Sainte-Lagüe. Este cambio de fórmula de reparto corrixiría de forma parcial a elevada desproporcionalidade do sistema electoral español que, pese a transformar os seus votos en escanos baixo un sistema proporcional, sitúase entre un dos máis desproporcionais do mundo (aínda que dende os anos 90 corrixiu notablemente os seus niveis de desproporcionalidade, ao interiorizar os votantes o seu funcionamento).

Porén, o curioso da reforma de Ciudadanos e Unidos Podemos, está en que baixo a presunta busca da corrección da proporcionalidade (unha corrección entre aspas, xa que Sainte- Laguë faría un reparto máis igualitario nalgunhas provincias, caso de Salamanca, mentres que noutras non tería efecto algún, como en Barcelona, e noutras podería ser incluso máis desproporcional que a fórmula D’Hondt, caso de Huelva) obvia a eliminación dos sesgos maioritarios e conservadores que ten o actual sistema electoral español. Ambos sesgos son froito do prorrateo electoral desviado: a atribución de 2 escanos de mínimo en cada unha das 50 provincias e 1 escano para cada unha das cidades autonómicas, Ceuta e Melilla, quedando dos 350 escanos que ten o Congreso dos Deputados, tan só 248 asentos para repartir en función da poboación. Hoxe, o 53 por cento dos distritos electorais nos que tan só reside o 21 por cento do electorado español, teñen entre 1 e 5 escanos e están fortemente sobrerrepresentados. Estas provincias, pertencentes a Castela León e a Mancha, Aragón, Andalucía e Galicia, son tradicional monopolio do PP, e en menor medida do PSOE.

Baixo a presunta busca da corrección da proporcionalidade, o curioso da reforma que propoñen C’s e UP é que obvia a eliminación dos sesgos maioritarios e conservadores que ten o actual sistema electoral español

Se na proposta de Ciudadanos e Unidos Podemos non se contempla a baixada de 2 a 1 os escanos fixos que se adxudican a cada circunscrición electoral –unha medida que estaría nos marxes previstos pola Constitución– estes sesgos e primas que reciben algúns partidos seguirán producíndose. Mais aínda, a desigualdade do valor do voto, isto é, que por exemplo en Teruel basten 25.000 votos para que un partido acade un escano, mentres que en Madrid se precisen uns 300.000 votos, non se vería mitigada con esta proposta: e isto debería ser unha máxima, que o sufraxio de cada un dos electores conte por igual.

Resulta tamén sorprendente que en todo este debate non se teña dito nada sobre os efectos que unha maior proporcionalidade electoral poderían ocasionar na fragmentación de partidos. Hoxe, e máis se o comparamos con eleccións recentes como as de 2011 ou 2008, o sistema de partidos español está notablemente fragmentado – son os niveis máis elevados da súa curta historia democrática. Por isto, e tras ter que repetirse as eleccións en apenas 6 meses, temos un Goberno con limitada capacidade para levar a cabo propostas, aprobar leis e, en xeral, poñer en práctica o seu programa político. Isto, que a priori podería ser algo positivo (a necesidade de acordos entre partidos), dista de ser operativo nunha democracia como a española na que as súas formacións, novas e vellas, teñen pouco hábito de negociación e pacto.

Así, de se levar a cabo a reforma proposta, a gobernabilidade -outra das máximas que ten que buscar un bo sistema electoral- podería correr certo perigo: as regras de xogo vixentes permitiron gobernos estables e duradeiros, alternancia de cor política nos executivos e a representación de pequenos partidos que, se ben non gozaron da representación que deberían, si xogaron o seu roll dentro do Congreso dos Deputados. O sistema electoral vixente facilitou que a democracia se instaurase en España (os que o deseñaron fixeron unha obra mestra, sobre todo se temos en conta que o referente máis próximo no tempo, o sistema electoral da II República, permitiu a entrada de 20 partidos no Parlamento e ocasionou 26 gobernos en 8 anos) de aí que, se se quere modificar o sistema electoral, deba facerse tendo en conta as implicacións que isto tería para a política e, por extensión, para a vida dos cidadáns.

Unha maior proporcionalidade electoral podería ocasionar maior fragmentación de partidos, algo que dista de ser operativo nunha democracia como a española con pouco hábito de negociación e pacto

Tras o acontecido nos últimos comicios de 2015 e 2016 poida que os partidos teñan que repensar as súas propostas de reforma orixinais. As mesmas normas electorais que tiñan producido sistemas de partidos pouco fragmentados, gobernos estables e dun só partido, agora contribuíron a crear un sistema de partidos notablemente máis atomizado que dificulta a formación de gobernos que, a súa vez, son menos estables ao depender de acordos con outros partidos. O querer beneficiarse cunha reforma electoral é algo lícito (o PP sábeo ben en Castela e a Mancha), pero pode ser perigoso para a gobernabilidade dun país. Os cambios son necesarios, si, pero deben vir da man dun acordo pleno entre formacións. Se o que se pretende é rexenerar a política, mellor sería non caer en vellos erros e realmente apostar por grandes consensos que envolvan ao maior número de actores posibles. Que é preciso unha reforma do sistema electoral? Non hai dúbida: queda moito por facer en materia de proporcionalidade electoral,  igualdade do valor do voto e sesgo partidista, pero unha reforma que non teña en conta a conformación de executivos, a claridade na rendición de contas e, en definitiva, a capacidade de xerar Gobernos, dista moito de poder considerarse como unha reforma acertada.

Se Giovanni Sartori tiña razón e os sistemas electorais son o instrumentos máis manipulable da política, será preciso estar atentos aos pasos que neste tempo se dean de cara a unha potencial reforma das regras de xogo. Os actores políticos, por norma xeral, buscan maximizar os seus beneficios e non son moi amigos de tirar pedras contra o seu propio tellado.

José Rama Caamaño é Investigador no Departamento de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail