Ao son de Pérez Varela

Nunha presentación realizada no Cenotafio da Cultura, e na voz do noso conselleiro de Educación, (In)Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, coñeciamos o avance do cartel para o macrofestival de «Poc-Rock ou Rock-Poc», O son do Camiño. Pero as notas de prensa e a máxima difusión non se produciu para dar a coñecer un contrato negociado sen publicidade, polo que se acordou pagar case 3 millóns de euros a unha UTE por ese macroevento no Monte do Gozo a celebrar o último fin de semana de xuño, e outros cinco concertos nas principais cidades galegas ao longo deste ano.

Durante a pasada lexislatura no Parlamento de Galicia, o por entón deputado e actual alcalde de Vilalba polo PPdeG, Agustín Vaamonde, tras ser inquirido pola nula planificación cultural da Xunta respondía que «se non se fai noutras áreas, porque se vai facer en cultura»; traducido a esta nova: se levas toda a vida dando a dedo suculentísimos contratos noutras áreas para o teu beneficio, por que en cultura ía ser diferente? En conclusión, corruPPción.

A día de hoxe ninguén pode defender a corrupción, polo menos publicamente, entendendo a mesma como o feito de meter a man na caixa, ou por cobrar mordidas por colocar algunhas das esculturas que nos atopamos nas miles de rotondas do Estado español. Agora ben, é necesario denunciar que existen todo un conxunto de elementos estruturais que, sen violar leis, poden considerarse corruptelas; por exemplo, todo o que rodea o procedemento de adxudicación deste contrato «a dedo» baixo unha aparencia de suposta legalidade.

Soamente coa valor deste contrato supérase moi folgadamente o que a Xunta destinou a festivais musicais en todo o ano pasado en concorrencia competitiva

Mentres comezamos a observar moito balbordo nos orzamentos da Xunta para ese botafumeiro propagandístico revestido de cultura que son os xacobeos, centos de salas e pequenos festivais que dan traballo a miles de persoas no país seguen na precariedade absoluta, arriscando ata os bens persoais para poder traer a Galicia unha oferta cultural de calidade durante todo o ano; e ao mesmo tempo, crear espazos onde as bandas galegas poidan tocar. Soamente co valor deste contrato, de case 3 millóns de euros para o 2018, supérase moi folgadamente o que se destinou dende a Xunta a festivais musicais en todo o ano pasado, 220.000 euros, e por suposto e como debe de ser en concorrencia competitiva. Con estes 3 millóns de euros, canto se podería facer por potenciar o moi precario ecosistema cultural galego?

Tamén recentemente, o Ano Xacobeo 2021 era declarado no Senado coma Acontecemento de Excepcional Interese Público polo ministro de Educación, (In)Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo. Isto suporá a aplicación das exencións fiscais que implican a distinción especial destes acontecementos. Unhas bonificacións fiscais que poñen, unha vez máis, a cultura ao servicio da orde capitalista; e é que resulta imposible pensar que estas exencións fiscais se apliquen para que grandes empresas apoien a cultura de base, en lugar dun deses grandes vórtices do capitalismo cultural que son os macrofestivais, uns macroeventos onde os escenarios se converten en inmensos photocalls.

Mentres se produce unha nova mostra do cosmopaletismo que caracteriza os rexional-populistas, a maquinaria continuará funcionando e intentarán convencernos de que o Xacobeo 2021 e os seus prefacios nos salvarán a todas, dende as precarias a aquelas persoas que agardan que, un día por fin, a súa afección se converta en oficio. Para colmo de males, nesta ocasión non poderemos darnos nin un deses pequenos praceres de escoitar a ese gran expoñente do humor involuntario que era Pérez Varela anunciando a «Leni Kragüi», ou referíndose aos escoceses Franz Ferdinand como un famosísimo cantautor; igual, cun pouco de sorte, o líder dos nosos Killers –tamén coñecido como o Señor da Neve- manifesta a súa intención de contratar a todos os macrocabezas de cartel que «se poñan a tiro».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail