«Vai tu, vai ela»: a arañeira do Verdegaio lilás

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Venres, contra as 20:30 en Birmingham, Olga intenta que a súa filla de poucos meses durma cando recibe unha mensaxe dende Redondela. É un arquivo de audio. Pensa que a súa amiga lle vai contar algo, pero o que escoita é unha voz que non coñece e que canta, coa melodía d´O Verdegaio, «As penurias que pasaron / as nosas antepasadas, / non as imos aguantare / esta loita está gañanada!». Comparte o audio mentre baila coa nena e co seu home. É boísima a canción. Métese no corpo.

Venres, contra as 17:30 en Bos Aires. Chega a un móbil do barrio porteño de Núñez un arquivo de audio. Quen o recibe pensa que a súa amiga lle vai contar algo, pero o que escoita é unha voz que non coñece que canta, coa melodía d´O Verdegaio, «Fóra o patriarcado da nosa nación, /  se loitamos xuntas na erradicación, / este 8 de marzo non vaias currar, / secunda esta folga faite respeitar. Vai tu, vai tu, vai ela, polas que xa non berran». Comparte o audio nos barrios de San Telmo, Agronomía, Caballito, Flores, Montserrat e tamén no extrarradio de Compostela, en Pontevedra, e en Bruxelas.

Venres, contra as 21:30 en Galicia. Dende o móbil do extrarradio de Compostela preguntan quen canta porque unha amiga de Cambados pasoullo á concelleira e querían ver se era posible que soase a canción nos altofalantes da vila. Pero ninguén o sabe. Nin en Redondela, nin en Birmingham, nin na Arxentina, nin en Pontevedra, nin en Madrid, nin tampouco en Bruxelas.

«A que canta son eu», di agora Elena, dende Chantada. Xurista en excedencia neste momento, forma parte das Punkdereteiras, unha decena de mozas que, con saias tradicionais curtas, levan catro anos revisitando as cántigas e as cancións tradicionais mudando as letras para extirparlles o machismo.

«Porque non se trata de que só o reggaeton sexa machista. Toda a música o é», engade Sela, da Batukadas Feministas Tamborililás. Arxentina de nacemento, emigrada a Galicia con 8 anos, Sela é parte dun movemento que, con caldeiros e latas atopadas no lixo, tamén capitalizan a música popular, esa que soa na memoria das persoas dende hai séculos, pero colándolles un discurso novo.

As Batukadas Feministas, as Punkdereteiras e as Punkiereteiras traballan xuntas dende hai varias semanas para compoñer unha canción que funcione coma himno nas manifestacións do 4 de marzo e no paro do 8 de marzo. Os tres colectivos forman parte do movemento Galegas 8M. «Entre unhas e outras fomos facendo propostas de letras e dándolles forma. De feito, a versión que se viralizou é unha proba. Nin sequera ten a letra definitiva. Pero espallouse e iso foi xenial tamén», explica Laura, das  Punkiereteiras, agrupación que iniciou cunhas clases de pandeireta que impartía unha das integrantes no centro social de Ponteareas.

Nos tres grupos, a incomodidade era a mesma: «Faciamos algunha recollida de cantigas tradicionais das parroquias e viamos que as letras das cancións que cantabamos, ían totalmente en contra nosa, é dicir, pola nosa condición de mulleres.

Ao mesmo tempo, formouse tamén un colectivo feminista, polo que o ambiente era propicio a debatir abertamente todas estas cuestións, e decidimos facer nosas as cantigas transgredindo a mensaxe ‘heteropatriarcal-tradicional’ cara unha versión claramente feminista», sintetiza Laura. As Punkiereteiras, coma as Punkdereteiras, levan traxes tradicionais pero de cor lilás e camisetas con mensaxes reivindicativas.

A esa tradición, as Batukeiras Feministas Tamborlilás engadiron un elemento distinto. «Do contacto coa Arxentina, tamén descubrimos algunhas cancións de batucadas dalá que tomamos. Temos unha versión do Despacito en galego que xurdiu dunha que sacaran as mozas da Asociación de Trabajadores del Estado (ATE) para unha manifestación. Tamén versionamos en galego unha canción que na Arxentina di «Vengan mujeres del sur, vengan mujeres del norte, vengan de todos los pueblos a crear otro horizonte», apunta Sela.

Dese xeito, entre músicas profesionais e músicas populares, entre profesoras de pandereta e as súas alumnas, entre amigas, veciñas, compañeiras, da Galicia de sempre a da Arxentina da crise, deron volta á letra da cántiga O Verdegaio. «Comezamos a escribir algunhas estrofas pero as mulleres somos moi prolíficas e, de repente, había moitísimas versións. Aquelo era unha locura: tiñamos quince ou vinte probas. Entón, collín e fixen un compendio de varias partes que compuxera eu, outras doutra compañeira e cantei algo que me pareceu que non quedara demasiado longo», retoma Elena. Cantou esa proba e mandouna ao grupo que comparten. «A ver que vos parece esta». En poucas horas, ao seu propio móbil chegaba a súa voz desde toda Galicia pero tamén dende Madrid, Barcelona, e Bos Aires. Mesmo a súa directora de tese o recibiu.

Martes, contra as 15:00 en Bos Aires. Tres decenas de mulleres fan ferver as redes sociais. Conseguiron que a Federación de Sociedades Galegas lles abra un espazo. Teñen equipo de filmación e están organizando o vestiario. Agardan que as Batukadas Feministas Tamborlilás, as Punkdereteiras e as Punkiereteiras lles pasen a letra definitiva d´O Verdegaio para cantalo tamén ellas. Vanse sumar á arañeira feminista galega que comezou cunha voz descoñecida que cruzou mares e montañas nun arquivo de audio.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail