Tiñoso e a Constitución

A primeira vez que, sen sabelo, lles puxen rostro ás forzas da reacción foi con Era unha vez… o home, aquela serie de debuxos que nos deu a nosa primeira clase de Historia e que iniciou toda unha franquía de éxito.

Aínda que daquela non fósemos totalmente conscientes, hoxe resulta obvio que o motor de Era unha vez… era o dun humanismo que cría no progreso, simbolizado xa dende a cabeceira polo camiñar constante dun home ao longo do tempo e, tamén, polo reloxo (dixital, toda unha modernidade naqueles últimos anos setenta!) que aparecía no ángulo superior esquerdo da pantalla para datar os momentos clave.

A ese progreso contribuían os protagonistas, encabezados por Pedro e polo barbudo Mestre –a quen vimos na pel do sabio da tribo, de Leonardo da Vinci ou do inventor da guillotina–. Fronte a eles, os eternos antagonistas, Tiñoso e Nebot, nas súas múltiples encarnacións: homes neolíticos que se burlan da roda, invasores vikingos, defensores do absolutismo…

Existe un tipo de individuos, unha caste, que só teñen por obxectivo defender o statu quo, sexa o que for, e evitar calquera avance

De apareceren hoxe, imaxino a Tiñoso e Nebot agarrados con forza á Constitución, quizais escoltando o Rei en Barcelona mentres lle dicía a Ada Colau iso de que el estaba alí para defender a Carta Magna. Pero Tiñoso e Nebot, como tantos outros que agora empregan o texto do 78 como milagreiro remedio para todos os males, non foron sempre constitucionalistas. Porque se lle désemos para atrás ao famoso reloxo dixital –unha involución que seguro que lles encantaría–, no 78 eles estarían nas filas dos que se opoñían ao cambio democrático. Outros corenta anos atrás, vestirían camisa azul e andarían paseando rojos polas cunetas; en 1846 sería doado velos no pelotón de fusilamento dos Mártires de Carral e, varios séculos antes, defendendo o castelo dos Andrade contra os Irmandiños…

Con isto non quero dicir que os que fan da Constitución –ou, mellor, dunha determinada parte da Constitución– unha liña vermella infranqueable- sexan comparables aos fascistas do 36, aos espadóns decimonónicos ou aos señores feudais da Idade Media. Non; o que quero dicir é que existe un tipo de individuos, unha caste –se me permites o empréstito, Pablo– que só teñen por obxectivo defender o statu quo, sexa o que for, e evitar calquera avance. Unha caste que existiu sempre, en todo tempo e en toda sociedade e que, en cada momento, empregou os medios que considerou oportunos ou que tivo ao seu alcance. E iso sábeno ben Tiñoso e Nebot porque estiveron con eles en todas as trincheiras.

O realmente curioso é comprobar como, dende o momento mesmo en que un novo réxime substitúe o anterior, os Tiñosos do mundo esquecen como combateron contra ese cambio e convértense nos seus máis ardentes valedores. O paradigma, que non o único caso, é o Aznar que pasou de atacar a Carta Magna a usala –xa dende o goberno– como «arma arreboladiza contra o disidente», en palabras dun Felipe González pouco sospeitoso de ser tal cousa.

Agora toca a sacrosanta indivisibilidade da Patria, pero antes foron o matrimonio homosexual, a lei do aborto, a do divorcio ou o voto das mulleres. Tiñoso e Nebot tiveron sempre claro en que lado da barricada debían estar. Pero, a pesar deles, o mundo seguiu avanzando. Eppur si muove. Xa o dixo Pedro naquel capítulo no que interpretaba a Galileo. Adiviñades quen eran os que pretendían queimalo na fogueira…?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail