Galicia ausente

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Nunca como agora Galicia estivo tan ausente en todos os grandes debates políticos en España. Certo é que, durante anos, os galegos iamos a rebufo de cataláns e vascos en canto se abría un gran melón territorial ou lingüístico. De terceiros, pero estabamos e a ninguén se lle ocorría falar de novas competencias ou dereitos históricos sen citar as tres nacionalidades recollidas na Constitución. E é que ata no 78 Galicia pesaba máis que hoxe.

Cataluña percorreu nestes meses o seu particular e traumático camiño a unha suposta república independente que, ao final, deixouna de momento con menos autonomía que antes, e Euskadi agarda con máis paciencia a súa quenda cun PNV que move como ninguén as cordas da negociación política espremendo ao máximo a debilidade de Rajoy á vez que saca a bandeira soberanista pero sen rachaduras nin vías unilaterais.

E mentres,  Galicia, que? Nada. Silencio.

Case que todas as comunidades autónomas teñen reformado e actualizado nos últimos anos os seus estatutos, ampliando competencias e reforzando o seu autogoberno. E Galicia? Nada. Non hai novas.

Poucas veces se ten falado tanto da nación e das nacións que forman España, pero Galicia non está presente nese debate.

E todo isto, por que? Ao meu xuízo, por varias razóns. A primeira, o PP de Galicia deixou de ter peso na sede de Xénova porque só está pendente do salto a Madrid de Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta leva tanto tempo preparándose e amagando no trampolín que igual cando vaia a tirarse xa non hai auga na piscina. Así que o PP galego é un encefalograma plano que o último que quere é importunar a Mariano. Que tempos aqueles nos que Fraga clamaba pola Administración Única e Cuíña declaraba a Galicia na fronteira da autodeterminación para desesperación de Romay e o resto do clan do birrete!

Que tempos aqueles nos que Fraga clamaba pola Administración Única e Cuíña declaraba a Galicia na fronteira da autodeterminación!

O PSdeG-PSOE nin está nin se lle agarda. Nin Laxe nin Touriño tiveron nunca en Madrid moita influencia, pero agora os socialistas galegos son invisibles.

Por último, as Mareas sobreviven diluídas e divididas entre si nun grupo, Unidos Podemos, no que apenas teñen capacidade para marcar axenda galega, e os de Ciudadanos aínda están buscando no GPS onde está iso de Galicia.

A escasa visibilidade política de Galicia fai estrañar no Congreso aos deputados e deputadas do BNG que metían a testa en todos os debates e que incluso tiveron capacidade de negociación co Goberno en minoría de Zapatero.

Nos anos 80, cando cheguei a estudar á Complutense, desesperábame co que custaba explicar en Madrid a importancia da nosa historia, do noso idioma e da nosa cultura.  Para moitos, Galicia non era máis que ese sitio verde tan «riquiño» xunto ao mar para pasar unhas vacacións e comer «pulpo» e percebes. Coido que a situación non ten mudado moito e incluso pode que esteamos peor. Agora Galicia é «Sangenjo», os incendios e esa ruta pola que Rajoy anda rápido como escapando da súa propia sombra.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail