María Victoria, cidadá galega

A María Victoria Moreno (MVM), a escritora homenaxeada o vindeiro 17 de maio, amoláballe ser considerada «unha autora estremeña que escribía en galego». Comentoumo anoxada en máis dunha ocasión no proceso de edición de Diario da luz e a sombra, o texto autobiográfico onde relatou a súa experiencia como enferma de cancro e onde reflexionaba sobre como unha doenza, por grave que fose, non muda a personalidade de ninguén, se non que apenas resalta os trazos característicos de cadaquén. E tiña razóns abondas a autora de Anagnórise, xa que ela nin era estremeña nin moito menos escritora alófona galega, como Federico García Lorca ou Carles Riba. María Victoria Moreno era cidadá e escritora galega por elección consciente e persistente.

Opción de cidadanía moi presente nas diversas biografías que sobre María Victoria apareceron estes días, dende a primeira, a das académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, a outras posteriores como a dos seus amigos Xavier Senín e Isabel Soto e a da profesora Montse Pena Presas, que reconstrúen una peripecia biográfica e formativa pouco convencional, dende o seu nacemento en Valencia de Alcantara o 1 de maio de 1939 até a súa instalación definitiva en Pontevedra a mediados dos anos sesenta. Sabemos agora que MVM naceu na localidade cacereña por puro azar, xa que alí acudiu a súa nai Sara (mestra malagueña) que tiña o home, Vicente (militar de Toledo) na fronte de guerra, para dar a luz na casa do seu irmán, Antonio que traballaba de policía na fronteira con Portugal. Como sabemos que despois de apenas tres anos en Badaxoz, a familia trasladouse a Segovia, onde seu pai fora destinado como administrador do cárcere provincial, e máis tarde a Sepúlveda, onde a súa nai reingresou como mestra. Localidades segovianas nas que MVM cursou os estudos primarios, antes de vivir interna nun colexio da Sección Feminina de Barcelona onde fixo o Bacharelato e trasladarse máis tarde a Madrid onde cursou Filoloxía Románica na Complutense. Un periplo pola península que a futura escritora completará en 1963, cando despois de casar co valenciano José Luis Llacer, o matrimonio se instala en Pontevedra onde o seu home é destinado como profesor do colexio da actual ONCE.

Unha etapa de formación na que MVM adquiriu a súa condición políglota, xa que aprendeu catalán e francés, o que lle facilitará a partir de 1965, cando coñeceu a Xesús Alonso Montero como profesora do Instituto Masculino de Lugo, a súa rápida inmersión no galego e a súa adscrición posterior a nosa literatura, participando nos primeiros concurso de contos convocados pola agrupación Cultural O Facho da Coruña e publicando en 1973 en Ediciós do Castro o seu primeiro libro para crianzas, Mar adiante, o mesmo ano no que abre en Pontevedra con outros socios a mítica Librería Xuntanza. Unha opción de vida que á xove profesora do Instituto Feminino de Pontevedra lle custará máis dun desgusto, como a retirada do pasaporte en 1974 por dar clases de galego no Ateneo de Ourense, o que daquela constituía una actividade sospeitosa.

María Victoria Moreno foi cidadá galega porque quixo, porque escolleu o galego de forma consciente para instalarse na súa vida cotiá

A biografía galega de MVM nada ten que ver coa súa nacenza galega nin sequera cunha posible orixe familiar galaica dos seus devanceiros, xa que o seu ADN era andaluz e castelán, nin tampouco pola súa formación superior e universitaria, que fixo dacabalo de Barcelona e Madrid. María Victoria Moreno foi cidadá galega porque quixo, porque escolleu o galego de forma consciente para instalarse na súa vida cotiá e para ser a lingua na que educase aos seus fillos. MVM, como sinalan Casalderrey e Aleixandre, «é galega porque Galicia foi a terra onde máis tempo viviu e coa máis se identificou». Unha elección republicana de cidadanía galega que merece ser coñecida e que pode axudar a explicar un concepto de identidade galega e de elección lingüística, que nada ten que ver coa etnicidade nin coa orixe familiar. Cidadanía por querenza consciente, pola vontade de incorporarse á formación da comunidade galega. Roubándolle as palabras ao inacabable Celso Emilio, MVM foi galega «porque si, porque lle gustou, porque lle petou, quixo e deulle a gaña». Eis a galeguidade cento por cento. Brava María Victoria Moreno!

bretemas@gmail.com

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail