Ás voltas coa leira

Fraga reactivou a capacidade legal que o Estatuto prevía para fomentar a cultura das nosas colectividades do exterior -o que antes chamabamos emigrantes ou diáspora- e botoulle unha man á nosa xente en países onde se vivían momentos difíciles coincidindo cos seus mandatos, nomeadamente Cuba no «período especial» dos noventa e Arxentina co «corralito» no comezo do século. Son, non por acaso, as comunidades galegas extraterritoriais máis relevantes, calquera que sexa o parámetro que se elixa para medilo, e trátase tamén de países de grande peso e notoriedade na escena internacional, importantes por tanto para o Estado como para a UE.

Máis non deixa de sorprender esa falla de tacto que seguimos a ter a xente de aquí coa de acolá, posuídos por unha enfermiza amnesia que reflicte a decisión, non sempre consciente, de esquecer o trauma da expulsión de máis dun millón de persoas en apenas cen anos por mor da fame ou da política. Para quen marcharon, a Galiza territorial está permanentemente presente, por vínculo familiar ou pola súa proxección. Saben como vivimos, como cantamos, como comemos, como nos amolamos, e nos aceptan -mesmo, nos queren-, con todos os nosos defectos, que son moitos, pero tamén son compartidos. E iso é así mesmo que xa pasaron varias xeracións desde as últimas que cruzaron o mar e a grande maioría da galeguidade de fóra xa naceu noutros pagos. Non obstante, participa dos dous xeitos posibles para ser (sentirse) de algures: a saber, por sangue ou por terra.

O ius sanguinis, prevalente nas sociedades europeas, máis vellas e tradicionais, dá maior importancia á orixe dos proxenitores. O ius soli, frecuente en repúblicas latinoamericanas, atende ao lugar onde se nace para facilitar a creación dunha cidadanía propia a partir de inmigrantes de diversas procedencias. O ius soli é un xeito tan nobre e, sobre todo, tan lexítimo, coma o ius sanguinis. Afecta a quen naceron na Arxentina, mesmo sendo de nai ou pai galegos, e deben cumprir todos os preceptos legais que supón, entre outros, aceptar que por moi ben que toquen a gaita, lean a Manolo Rivas en galego, ou estuden no colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, élles preceptivo respectar as leis de alá, primeiro e por riba das de acá. Porque non se muda de leis como se muda de zapatos.

Por iso é tan sorprendente que forzas políticas galegas «flipen» coa posibilidade de que o patrimonio que a nosa colectividade foi acumulando durante máis de cen anos no Centro Galego de Bos Aires, por poñer un caso ben coñecido, deba permanecer naquel país, e que a propiedade non sexa nin da Xunta, nin dos concellos, nin meu nin de vostede que, probablemente, viva aquí, pretiño.

Non é preciso un master en dereito internacional para entendelo. Só hai que querer comprender o que pasou en todo este tempo en que andamos máis preocupados polo noso embigo e polas remesas que nos enviaban desde alá. E nos manifestabamos amolados cando nos preguntaban se víamos ben que lles désemos servizos aos que tiñan carencias, basicamente aos máis maiores. E rosmabamos porque nos parecía fatal que puidesen votar vivindo tan lonxe. E chamabámoslles sudacas cando conseguían vir de visita, ou regresaban coa ilusión de atopar unha aperta quente e un sorriso afectuoso para a filla pródiga, para o fillo extraviado.

Cando o goberno cubano incautou o Centro Galego de La Habana e lle quitou ata o nome, ninguén dixo nin mú. E vaia se patrimonio tiña

Tampouco chego a comprender esta euforia por reclamar que quede aquí o famoso cadro que pintou Castelao en Arxentina, A derradeira leición do mestre, cando veña para ser exposto na Cidade da Cultura. É dun egoísmo tan grande que me avergonzo so con pensalo. E ademais é pouco coherente, porque cando o goberno cubano incautou o Centro Galego de La Habana e lle quitou ata o nome, ninguén dixo nin mú. E vaia se patrimonio tiña, e ten, valor económico, sentimental, histórico, político, etc. etc. Pero debe ser cuestión de modas. Eu, que me criei nos seus salóns, sinto mágoa cada vez que visito a miña outra cidade de referencia por ter vivido alí ata a adolescencia, e comprobar que segue ausente un sinxelo letreiro que poña, nos seus muros, algo así como: «Este edificio acolleu ao Centro Galego e lembra o aporte deixado pola colectividade galega ao pobo de Cuba». Por dicir algo…

Entón, deixemos de discutir sobre o pasado e poñámonos á tarefa de construír un futuro común, recuperados como compatriotas, conmatriotas, irmáns, curmáns, paisanos… que nos preocupamos por poñerlles cara, nome, situación, necesidades, e con quen compartir as nosas. Porque teremos a residencia onde a teñamos, pero sentirnos, temos que sentirnos como o que somos: unha familia espallada. E deberíamos procurar novos vínculos, non andar mirando se ao de alá lle deixaron no testamento un par de leiras máis que a nós, que iso xa non se leva. Porque, ademais, as cousas cambian cando menos se espera. Que llo pregunten a esas mozas e mozos que volveron cruzar o charco nos últimos anos, co seu título debaixo do brazo.

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail