Acollida con data de caducidade

Ano e medio despois de chegar a Galicia dende un campo de refuxiados do Líbano, dúas familias sirias atópanse sen recursos e baixo a ameaza de quedar na rúa. O programa de reasentamento impulsado polo Ministerio de Emprego en cumprimento do mandato da Unión Europea xa venceu sen que se lograra a «integración» destas familias: «Ninguén os informou de que remataba o programa, e agora poden quedar na rúa», denuncia a activista siria Fadila Chami.

Dende a súa chegada no verán de 2016 a Sarria e Lugo contaban cunha axuda ao alugueiro sufragada por Cruz Vermella como parte do programa de acollida.  O 24 de xaneiro, dous días antes de que este vencera, foron informadas de que a partir de febreiro terían que facer fronte a este custo de 280 e 300 euros mensuais respectivamente. «As familias», continúa Chami, apenas entenden o idioma, «nunca recibiron clases formais», e «non sabían nin cando remataba o programa». En todas as reunións ás que acudiron «non había tradutor». No caso da familia de Lugo, con catro fillos, o dono do piso fíxose cargo do pago de febreiro, mentres que a de Sarria está en negociación co Concello.

As dúas familias, unha delas cunha filla de dez anos con diversidade funcional, non tiveron durante este meses acceso a ningún curso de formación nin a clases do idioma, máis alá das impartidas por voluntariado de Cruz Vermella e que son insuficientes para desenvolverse no seu día a día ou para optar a un traballo. Nin sequera contan coa súa documentación completa.  «É imposible para elas, que incluso dependen doutras organizacións como Cáritas ou axudas de particulares para a súa alimentación e vestimenta. Ambas familias insisten en que «non buscan caridade senón a posibilidade de traballar para así sacar adiante aos seus fillos e integrarse por completo nas vilas, nas que aseguran estar moi contentas e ser moi ben recibidas», explican desde a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxidas.

Procedentes de Homs, onde os cabeza de familia traballaban como xastre e albanel -aínda que este quedou mancado durante a guerra-, piden unha oportunidade para poder saír adiante en Galicia. «Eles están contentos aquí, unha das nais acode como voluntaria ao comedor do colexio», sinala Chami, que responsabiliza da situación á adminstración.

«Os programas de integración deseñados polo Goberno español están máis dirixidos a cumprir co mandato da Unión Europea que a realizar un verdadeiro plan de integración para estas persoas que veñen fuxindo dunha guerra e que chegan a un país novo no que non contan con redes de apoio ou familia e do que descoñecen ata a lingua», engade a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxidas.

A entidade lamenta o pobre funcionamento dos programas de axuda deseñados polo Goberno e insta á Xunta a atender este caso de xeito urxente: «Non podemos entender a impasibilidade das Administracións Públicas ante estes casos. España incumpriu escandalosamente coas cotas esixidas pola Unión Europea en materia de acollida polo que cremos é imprescindible que, polo menos aqueles casos que foron aceptados, reciban a atención necesaria ata a súa integración efectiva e que se atendan as súas necesidades caso por caso e non aplicando un programa tipo».

España comprometérase a recibir 17.337 refuxiados, dos que en setembro do pasado ano, data na que vencía o prazo, só atendera a 1.961. En Galicia, onde o presidente Feijóo prometera acoller a 300 persoas, apenas foron 159 segundo informou Faro de Vigo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail