Para independentes, nós

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Sempre se dixo que era fóra onde os galegos demostrabamos o que podiamos dar de si (ou de nós). Sexa ou non certo, Alberto Núñez Feijóo é un claro caso a favor. Mais que saír fóra, é que bota por fóra. Non é raro que por aí o miren como a grande esperanza branca do PP, sobre todo os que non son do PP. Por exemplo, nesa xira internacional (Madrid-Israel-Barcelona) que fixo para demostrar que segue sendo marianista ata as cachas, e ao tempo deslizar que está no mercado, e que dentro de tres anos queda libre e sen cláusula de rescisión, dixo cousas que ninguén crería. Ou máis ben cousas que ninguén crería que ía escoitar de boca dun dirixente do PP, despois de que xente de boca fácil como Esperanza Aguirre escorregase da pista e de que Aznar exerza de Darth Vader de Albert Rivera.

O que dixo en Barcelona, por exemplo, é algo inaudito: «Yo tengo el mismo derecho a declarar la independencia de Galicia que Puigdemont la de Catalunya. Con una diferencia, yo tengo mayoría absoluta y Puigdemont necesitó a un partido como la CUP, que hace una enmienda a la totalidad del sistema democrático». Aquí precísanse unha presada de albertólogos entrefebrada con semiólogos para descifrar que quixo dicir. Que nin el nin Puigdemont teñen dereito a declarar independencias? Se así fose, tanto ten necesitar o apoio da CUP ou dos baltarianos, non se pode e punto. Non será máis ben que o que está dicindo é: «Eu podo declarar a independencia de Galicia se me peta, porque teño a confianza e o apoio da maioría da cidadanía, e non como outros, que teñen que andar facendo pactos co demo»? E se o dixo, iso quere dicir que lle pasou pola cabeza? Non son un experto en albertoloxía, pero mirándoo desapaixonadamente, desde o seu punto de vista non tería máis ca vantaxes.

De entrada, pasar de presidente dunha CCAA a presidente dun estado é subir o escalafón como un foguete. Facer a foto de familia co resto dos colegas primeiros ministros, facendo bromas mentres se sitúan nas escaleiras. Poder ir a Davos como xefe de estado electo (e non como outros) a expoñer o milagre de conter o gasto e non ter pufos (e non como outros). E despois están as consecuencias de orde interna. A ver a que discurso se agarra a maior parte da oposición. Ata Rafa Cuíña tería que pedir o reingreso (sen a antigüidade, claro) no partido.

Alguén poderá argumentar que se tal cousa fixera, o seu electorado deixaría de selo. Dubídoo moito. En primeiro lugar, porque o electorado conservador é fundamentalmente guiado e ben mandado, e está afeito a ser carrexado ideoloxicamente do alfa ao omega sen perder a compostura. De querer o galego (o idioma) ata o paroxismo a denunciar a imposición de los del gallego, e de acusar aos demais de basear toda a súa política en amolar a Galicia, e xustificar calquera cousa porque non imos ser como os cataláns. E ademais, se total, nas últimas eleccións, Feijóo nin se presentaba polo PP, ou polo menos, as siglas viñan co mesmo corpo tipográfico que o pé de imprenta.

Alá el pero eu, desde logo, preferiría ser o primeiro ministro da República de Galicia que o vicepresidente do Goberno de España con Albert Rivera.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail