Elexía da derrota

Eu que son Guardiolista dos que peregrina levo un tempo que non podo deixar de pensar en Zidane. Concretamente dende que perdeu co Leganés. Será que a xente, como ocorre co veciño pesado do sétimo cando morre, cáeme un pouco mellor cando perde. Mais a min Zidane sempre me caeu ben. Dende moito antes da cabezada a Materazzi. A min Zidane caíame ben porque, como Guardiola, cada vez que gañaba sabía que estaba comezando a perder.

Eu estou farto da xente que gaña. Eu sonche máis do que suspende todas no primeiro curso da universidade. Do escritor que non vende un libro. Do penalti de Djukic. Creo que hai moita máis beleza na derrota. Pero vivimos nunha sociedade na que está mal visto perder. Así que a medida que nos afastamos do éxito os outros, os gañadores de valo branco e vacacións en Suíza, vannos amoreando aos perdedores todos nunha esquina mentres nós cantamos iso de «un buen coche, a un buen ligue, qué triste» como última resistencia.

Hai nesta criminalización da derrota un principio ideolóxico. «A supervivencia do máis apto», escribiu Darwin (en realidade foi Herbert Spencer). «A supervivencia do máis forte», dixéronnos que dixo. Un pequeno matiz co que conquistar o imaxinario social: «Se traballas duro, triunfarás», «A vida é para quen se atreve a conquistala». Discurso de MBA convertido en pensamento hexemónico.

É así como dende cativos aprendemos a terlle medo á derrota. Porque precisamente é esa, a dialéctica do medo, a ferramenta máis útil para controlar a sociedade. O medo a que nos sinalen como distintos. Como diferentes. Como derrotados.

-Velaí vai o que pensa en cambiar o mundo.

-Pobre iluso. Que vai ser del cando descubra que non pode.

Case sen darnos conta, sen loitar, vannos derrotando ata que un día chega o Leganés e lle gana ao Madrid. E daquela todos se volven contra Zidane maldicindo as metáforas e a vida. Se un nunca perdeu, como pode saber se gañou?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail