Somos pouca xente e vella

De cando en vez aparecen informacións alarmantes sobre o declive demográfico de Galicia. Non teñen demasiada repercusión. O outro día lin que algunha alta instancia política quere promover un «observatorio» sobre o asunto. Deámonos por fodidos. Chega con que se cre unha comisión, un plano de choque ou un libro branco para que o máis complexo e urxente problema ingrese no hábitat triste das sombras do irresoluble.

A un candidato conservador,  pero desinhibido, a unha alcaldía galega, durante unha campaña electoral, tocoulle dar un mitin nunha parroquia da que moi pouco sabía e o único que se lle ocorreu dicirlles para singularizar a liturxia política do día foi: «Noraboa, sodes os  meirandes folladores deste concello». Pouco antes do acto, tivera ocasión de ler unha estatística que aseguraba que aquel lugar rexistraba o maior índice de natalidade da contorna. Pero, estou seguro que o problema demográfico de Galicia non se arranxa con afrodisíacos. A cousa debe ser ben complexa. A única función do sexo non é a reprodución e esta decadencia demográfica do país non se amaña follando.

En Galicia vive cada menos xente e envellece a que aquí vai quedando porque non hai esperanza. O paradoxal é que nin a sociedade civil nin a clase política parecemos sobresaltarnos con estes dados. Os índices de desemprego na mocidade están próximos ao 50% e a difusión, como unha superstición irreversible, diso de  que as seguintes xeracións van vivir peor do que nós están bastantes máis presentes que as alarmas poboacionais. Tamén é contraditorio co fenómeno de que a autoestima, por moito que a esperanza colectiva non medre, non está no seu peor momento. Mal que ben vai prendendo iso de «vivamos como galegos», reclamo comercial impensable nos tempos dos nosos pais. Pero que sexamos pouca xente e cada vez máis vella é negativo para todo. Todas as dinámicas sociais vense afectadas pola crise demográfica e a vellez: o crecemento do PIB e a igualdade, o consumo e os servizos sociais, a venda de cervexa e de libros, a supervivencia do galego e a rendibilidade das academias de inglés, as  tendencias electorais ou a política forestal, a esperanza ou a melancolía. Temos a favor unha certa galeguidade emocional emerxente e en contra a pasividade fronte á evidencia de que somos unha tribo en extinción.

Cumpriría reler aquel cómic de Reimundo Patiño, O home que falaba vegliota. Baséase no feito real da desaparición do vegliota,  unha lingua románica como a nosa e que se falaba nunha illa de Dalmacia. Sabemos que un filólogo italiano, Bartoli, localizou o último falante nesa illa case deserta en 1898 e logrou recompoñer o único  manual sobre ese idioma, agora defunto. Imaxino o lingüista entrevistando a un vello agonizante nunha cova e tomando notas.

Non sei ben cal sería a solución. Ocórrenseme poucas cousas entre irónicas e utópicas: acoller inmigrantes subsaharianos e refuxiados de Siria, organizar un reality show inacabable que xuntase na lagoa de Antela a toda a poboación galega perdida polo mundo ou organizármonos nun grupo de Whatsapp.

Porque desexos de follar non faltan.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail