A vida ao redor do «Y tú más»

Estabamos sobre o minuto oitenta do derbi (funesto un ano máis para os deportivistas) cando os dun lado empezaron a berrar coa sorna do sur iso de «Luisinho balón de oro». Dende o norte, que despois de tantos anos ten para min a voz do home de mar que comunga cada quince días en Riazor, bisbaban iso de «si, pero as copas do Celta son todas de cristal». Nesa andabamos, fodidos porque de seguido iamos ter que aturar ao noso Santi Peón con aquilo do Príncipe das bateas, que entre a noso grupo empezamos a buscar algo con que responderlle. «Para que no nos toque mucho los cojones». Nós estaremos fodidos, pero a eles ímolos amolar.

Y tú más.

Non hai ámbito da vida que escape a esta filosofía. Quen non se acubillou nunha afronta pasada nunha discusión de parella? Ou lle recordou a ese compañeiro listillo que o ano pasado xa elixiu el primeiro as vacacións? Mais se hai uns mestres nisto do y tú más son os políticos: coido que debería crearse xa un posgraduado especializado na materia. Que o PP ten a medio equipo (ou ao equipo enteiro) imputado por corrupción, pois mira o que fan os de PSOE en Andalucía. E os do BNG, moito falar pero eles tamén teñen os seus… Aos novos? A eses aínda non lles deu tempo, pero xa verás… a ameaza en diferido.

De camiño a Riazor, rebuscando no Twitter a aliñación coa que pensaba que este ano si, atopei a penúltima das batallas do Y tú más. Loitaban un político e unha decena de xornalistas, que tamén puntuamos alto neste arte. Pola banda dos primeiros concorría un dos grandes mestres samurai, Gabriel Rufián, que non sei como político pero como rei dos aforismos ben pode competir con Benjamín Prados. Pois resulta que o día anterior Rufián escribira un chío en resposta a un artigo no diario El País no que se detallaba os menús navideños que lle ían servir a Oriol Junqueras no cárcere de Estremera.

O chío de Rufián, citando a identidade dixital do autor do artigo, destapou unha riola de corporativismo dun e doutro lado. Que se aquilo era una ameaza velada (ou non tanto) ao xornalista. Que se se estaba a atacar a liberdade de prensa. Que se estes de Esquerra queren montar unha Stasi en Cataluña, berraban dun lado. Que se a prostitución do xornalismo. Que se a prensa do movimiento. Que se o Sálvame da prensa escrita, contestaban do outro.

Y tú más.

O caso é que a deriva da discusión, que multiplicou por centos os comentarios e por miles os rechíos, non atopou final. Que se gañán. Que se señalador, dun lado. Que se mezquino. Que se «periodista» con todo o desprezo do mundo, do outro. Así, nun bucle sen fin, pois niso consiste a lóxica do Y tú más. En non deixarnos pensar. Porque igual teñen algo de razón os dous. Quizais non facía falta provocar un linchamento twittero do xornalista. E quizais tamén habería historias mellores coas que encher o xornal. Pero mentres discutimos, non pensamos. E se non pensamos dificilmente atoparemos solucións.

Como os xogadores do Deportivo, tan preocupados polas pancartas que colgaran os seareiros durante a semana que non se decataron que no minuto tres xa ían perdendo. Un ano máis. Será porque cada vez que un deles perde o balón sempre atopa un compañeiro ao que botarlle a culpa ao grito do Y tú más.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail