O Pai da Patria

Ser un pai –e xa non digamos «o Pai»- da Patria debe ser moi cansado. Xa lle chega ser pai en xeral, por non falar de ser nai, para por riba aturar os fillos propios e os alleos, os teus cuñados e os do resto, e de aí para arriba, sogros, primos, tíos e demais familia, que din nos ámbitos funerarios. Esa é a situación na que está, como un Ecce Homo, Alberto Núñez Feijóo. Paciente como un pai, por exemplo, contenta aos cidadáns revoltosos e pedichós que queren unha autoestrada que teñen noutro Goberno, «vaise facer, pero hai que discutir cando se fai», dixo no Parlamento ante os reproches dos opositores por non protestar ante o veto do seu partido no Congreso a tan sequera debater o traspaso da AP-9. Non é unha saída da que calquera pai bota man cando un infante reclama un xeado ou asaltar unha tenda de chuches, confiando na volatilidade da memoria infantil? Ou, cando o infante/a vai algo grandiño, e pide un móbil ou a PS4, un pai non di algo semellante para non dar unha negativa frontal e para non enfrontarse aos primeiros síntomas de contestación da figura paterna?

«O ambiente de transferencias está intoxicado pola situación en Cataluña», non lles soa aos argumentos que tanto odiamos de pequenos cando nolos esgrimían?: «é un mal momento para pedir un Scalextric, as últimas partidas están saíndo malas/vai saír o modelo novo axiña/ díxome teu padriño que xa cho tiña apalabrado». E Feijóo tamén usou a técnica inequivocamente paterna ―e de fonda raizame masculina― de botarlle a culpa a outros: «Todos os presidentes autonómicos sabemos que é o peor momento para pedir transferencias que non están recollidas no Estatuto» e «se suben as peaxes é polos acordos que firmaron outros» vén sendo o mesmo clásico remate de todas as conversas: «Sabes que non pode ser, e como sigas así, aínda podes quedar sen os outros regalos».

Máis a proba definitiva de que Feijóo é un auténtico Pai da Patria é o que de seguro di polo baixo á nai da patria (que neste caso das infraestruras e Congreso sería Ana Pastor): «Deixas que lles prometa a PS4, e agora vesme con que nada de nada! Non ves o mal que quedo con eles? Afortunadamente, a prole do presidente sabémonos queridos e alagados de afecto, e que todo o que fai ―aínda que ás veces non no entendamos― é polo noso ben. Aínda que haxa moitos que pensan que xa non son nenos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail