Depredación legal

A falta de elaboraren unha política propia para o país, o PPdeG insiste no modelo colonial para Galicia. E faino esquivando o control e reducindo ao mínimo o debate público, como demostra a aprobación da Lei de Fomento de Iniciativas empresariais. A declaración de urxencia, acordada polo grupo parlamentario popular coa súa cómoda maioría absoluta para tramitala no Hórreo, carece de todo sentido se non é para darlle luz verde a unha norma da que non queren que se fale moito e que algunhas empresas agardaban con impaciencia. A xustificación dese apuro xa apuntaba claro: «As empresas de todos os sectores reclaman maiores facilidades tanto na adquisición de solo como na tramitación das autorizacións ou no apoio público… de xeito que ningunha traba administrativa poida obstaculizar o crecemento de Galicia».

E de que tipo de empresas se trata fundamentalmente? Ás que máis beneficia a aprobación desta lei son as do sector enerxético, mineiro e forestal. Estes negocios, cunha ampla traxectoria en Galicia, terán (aínda) máis facilidades para pór en marcha proxectos. Mesmo se poderán declarar as súas actividades –privadas- de «interese público» ou bastará, por exemplo, cunha «declaración responsable» do beneficiario para autorizar aproveitamentos forestais. Máis que facilidades, o que establece esta lei é unha invitación sen apenas regras, garantindo a expropiación daquelas terras que se precisen para investir na depredación de Galicia.

Manifestación de Lumes Nunca Máis e contra a Lei de depredación de Galicia, o pasado outubro en Compostela. A lei aprobouse pouco despois dos incendios de mediados dese mes.

Ese, Lei de Depredación de Galicia, é o nome que lle deu a esta norma a plataforma creada contra a súa aprobación. Os colectivos integrantes, entre eles Galiza Non se Vende, ContraMINAcción, Non a Porto Cabral, o Comité pola defensa do monte ou a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños, son significativos do que pode implicar. Non en van, a maior parte do texto desta lei son disposicións derradeiras para modificar máis dunha decena doutras leis: a de cooperativas, minería, sector eólico, auga, montes, solo, procedemento administrativo, taxas, prezos e execcións, turismo, estradas, patrimonio cultural e conservación da natureza.

Como asegura a plataforma, atentados ambientais como o proxecto da mina de Corcoesto, a extracción de feldespatos na Limia, o seixo da Terrá Chá ou o proxecto de Lei de Acuicultura non se poderían ter freado de existir esta lei, que deixa a sociedade sen instrumentos para impedir o asentamento de proxectos nocivos para o país.

En definitiva, do mesmo xeito que se sacou adiante no Parlamento, con urxencia e eludindo trámites, as empresas terano agora máis fácil para acceder aos recursos do país. E poderán facelo de costas aos cidadáns e ao medio ambiente. Cunha pancarta de benvida ben grande da «delegación comercial da Xunta en Galicia».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail