Cando Sam Seaborn puido evitar o Prestige

Antes de que o consumo desaforado de series se convertese no principal pasatempo do século XXI, xa estivo The West Wing. Sete anos e 156 episodios que, vistos hoxe, demostran como se anticipou en case todo.

No arranque de segunda tempada, mentres Josh Lyman se recupera dos disparos duns supremacistas brancos (outra premonición) aos que non lles gustaba nada que a filla do presidente do mundo libre tivese un mozo negro, uns antolóxicos flashbacks amósannos como se formou ese grupo que hoxe os nostálxicos recitamos como se fose a aliñación do noso equipo favorito: Bartlet, McGarry, Lyman, Cregg, Ziegler & Seaborn.

A este último, a Sam Seaborn (o papel que recuperou a Rob Lowe, pioneiro niso de facer vídeos porno caseiro con menores) atopámolo traballando no bufete Gage Whitney Pace, o segundo máis importante de Manhattan. O que fai –a nós, como galegos– interésanos especialmente: está artellando a compra duns petroleiros. É o ano 1996. Sam é o que está a falar…

–Aínda que conseguise os petroleiros por un pavo en cupóns de desconto, seguiría sendo un mal negocio se non limitamos a súa responsabilidade.

–Fixo iso? Pregunta o cliente.

–Como facemos con calquera outra compra: creamos unha empresa para cada adquisición e hipotecamos os barcos de arriba a abaixo. Financie os petroleiros ao 100% e se, chegado o caso, o preito penetra o escudo protector que creamos para vostedes, ao final non atopará bens, só débedas. Está calculado.

–Os barcos pasarán a inspección?

–Estarán rexistrados en Libia e Panamá, polo que non estarán suxeitos ás nosas disposicións que non permiten manter un petroleiro con tantos anos en servizo, responde outra das avogadas do bufete.

A operación xa está case pechada, pero entón Sam intervén.

–Non compren eses barcos. Non os compren. Compren outros barcos. Mellores barcos.

–Pero, Sam, queremos eses barcos. Nunca nos saíra tan barata unha frota!

–Cameron, hai un motivo polo que non custan moito: son superpetroleiros de hai vinte anos, monocascos que ninguén quere xa. Romperán ao golpear con algo e seguro que chocarán porque non contan con sistemas de navegación modernos, non teñen medición en tanques G3, nin monitorización de motores am5000 nin nada!

–Crin que cubriras calquera responsabilidade…

–Fíxeno, pero hai algo que tamén debemos considerar: a xente non reposta nas estacións de Exxon tras o do Valdez.

–Que se encarguen os de relacións públicas!

Fundimos a negro antes de que Josh Lyman (que sobrevivirá aos disparos dos nazis) veña rescatalo das gadoupas do reverso tenebroso e viaxamos de volta ata o presente.

Hoxe, quince anos despois da maior catástrofe ecolóxica sufrida polas nosas costas, a Audiencia da Coruña fixou en 1.573 millóns de euros a indemnización que debe recibir o Estado. De momento, non se viu nin un peso. O fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García-Ortiz sabe que, para conseguir cobrar, hai que desfacer «un entramado moi difícil», un auténtico «labirinto».

«Dende o punto de vista xurídico é moi difícil enfrontarse a compañías ou defensas legais que, cando ocorre unha catástrofe, saben o que teñen que facer para encubrir os seus patrimonios; ou fuxir, ou agachar os cartos, ou quebrar varias veces antes que pagar».

Sen Sam como conciencia crítica de Gage Whitney Pace, todo fai pensar que aquela operación de venda saíu adiante e que os superpetroleiros monocasco que ninguén quería chegaron a sucar os mares coa súa mortífera carga. Na serie nunca chegan a poñerlles nome a aqueles barcos. Na miña cabeza, un deles sempre se chamou Prestige.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail