MANIFESTO [49] O lume e a mentira: a causa das cousas

O furor incendiario de mediados de outubro deixou fanadas varias vidas e calcinada moita terra galega. Neste casos adoita utilizarse como tópico dantesco. Mais no «Inferno» de Dante fálase do «maldito sitio triste».  E isto non é tópico. O lume é unha causa e tamén un síntoma. Grandes espazos de Galicia están a converterse en «malditos sitios tristes». O lume, provocado ou non intencionadamente, encontra en moitos lugares o seu «medio ambiente». ¶ O mapa real de Galicia, en moita da súa extensión, é materia en potencia pirófaga. Etimoloxicamente, que «pode comer lume». Iso é o que fan as grandes masas eucaliptais, que corroen a terra e secan mananciais. Todo vai ben mentres chove. Pero vólvese un terríbel búmerang co cambio climático. ¶ Pode haber xente sen escrúpulos que meta lume por intereses económicos, tolambróns de queimas incontroladas, aloucados adictos ao chisqueiro… Si, seguro que os hai, aínda que tantos anos despois seguimos sen un verdadeiro informe xudicial. Despois de miles e miles de hectáreas queimadas, despois de acusacións de «tramas organizadas», canta xente foi, de verdade, xulgada e encarcerada? Catro ou cinco persoas con problemas mentais. ¶ O crime contra a natureza é tamén un crime contra a humanidade que a habita. Se hai sospeitas serias de tramas organizadas e criminais, mesmo «terroristas» —segundo expresión gobernamental—, debería abrirse xa unha investigación oficial e ter policía e fiscalía especializada. ¶ Pero hai outra realidade, e non é unha hipótese nin unha sospeita, que non se quere asumir. A causa das causas. O imperio do laissez-faire, do deixar facer, o absoluto abandono do noso territorio e, en especial, do mundo agrario e dos nosos montes. ¶ Si, non poderemos esquecer eses incendios da noite do domingo 15 de outubro coas lapas chamando nas portas da cidade, penetrando nos xardíns e parques, como nunha versión galaica de Apocalypse Now. E ao tempo, ardían Os Ancares como non se lembraba. É dicir, ardían a un tempo o cinto periurbano e ardía a montaña máxica. ¶ Non veñan con teorías exotéricas. A causa das cousas está clara: abandono, monocultivo do eucalipto que mesmo chega ás praderías, e absoluta desatención ás xeracións que aínda poderían darlle ao campo galego unha re-existencia, cunha política forestal alternativa, de fragas sostibles, e apoio e formación para unha gandería e agricultura ecolóxicas. ¶ O que significa aquí e agora o laissez-faire? Deixar morrer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail