Valentín González Formoso: «O marketing persoal de Feijóo está a facer moito dano a Galicia»

Entrevista ao novo secretario xeral do PSdeG

A Coruña.- Valentín González Formoso (As Pontes de García Rodríguez, A Coruña, 1975) gañou hai dous meses as primarias á Secretaría xeral do PsdeG-PSOE ao ata entón líder do partido, Gonzalo Caballero, nunha enconada batalla que deixou na formación feridas que agora lle toca pechar a el.

Formoso é alcalde do seu pobo desde que gañou as eleccións municipais do 2007, cando tiña 32 anos, cargo que revalidou en tres ocasións por maioría absoluta, e desde 2015 preside tamén a Deputación da Coruña. Asegura que a pesar da fortaleza do PP de Feijóo e do BNG de Ana Pontón será capaz de explicar o seu proxecto á sociedade galega a pesar de non contar con escano no Parlamento autonómico. Dese éxito depende, asegura, que decida ser candidato á Presidencia da Xunta.

Cal é o seu proxecto para Galicia?

Temos que superar esta Galicia de dúas velocidades. Aí está o produto interior bruto da zona atlática costeira, duns 26.000 millóns, contra o da Galicia interior, duns 4.000 millóns en Lugo, por poñer unha referencia. E non o digo por unha cuestión de prurito autonómico, de querer ser unha potencia a nivel nacional, senón de ofrecer oportunidades para a xente nova. O noso proxecto vai pilotar sobre catro grandes piares. Primeiro as políticas de innovación, e non só para cubrir ese flanco, como parece que se fai ás veces, senón por convicción. É a gran aposta europea e debe ser a gran aposta de Galicia nun mundo globalizado onde non podemos competir con reducións salariais. Temos recursos naturais pero non basta con explotalos, fai falta a súa transformación avanzada. Un segundo piar é a aposta pola industria, polo emprego industrial. Hai unha política de resignación e brazos caídos neste ámbito, no que Galicia ten que ser unha potencia. Isto non vai só da enerxía eólica. Da enerxía eólica e da auga vai vir no protagonismo de Galicia no combustible do futuro, o hidróxeno. Para ser unha realidade o hidróxeno necesita auga e vento, e esa conxunción só coexiste en Galicia. Iso é o que significa ser independente enerxeticamente. Acabouse o comprar gas a Alxeria, carbón a Wyoming, fuel a Rusia… Alcoa pasaría a ter un custo enerxético irrelevante. E Citroën, e Inditex, e todas as empresas que están a parar polo prezo da enerxía, que será unha enerxía non contaminante.

Agora a aposta é a enerxía eólica.

O PSdeG aposta pola enerxía eólica dunha maneira na que teña presenza o sector público, é dicir os concellos dos municipios onde se implantan os parques para que se deriven parte dos seus beneficios a esas comunidades. Hai que chegar a un acordo de país, non poñerllo difícil ao Goberno galego para que poida ofertar un modelo que sexa aceptable para a sociedade. E aproveitar a oportunidade que ten Galicia para ser unha potencia en algo innovador, ademais da pesca e do sector forestal. Por primeira vez imos ter un papel relevante en materia de enerxía se confiamos nos nosos recursos e nas nosas posibilidades. O que non debemos permitir nunca é a especulación, iso de que no Paseo da Castellana en Madrid unha empresa decida sen ter en conta o que pensan os galegos. Non imos permitilo. Calquera investidor será ben recibido se aposta polo país, e iso significa que ten que ter implantación industrial no territorio.

O PSdeG aposta pola enerxía eólica coa presenza do sector público, é dicir os concellos dos municipios onde se implantan os parques para que se deriven parte dos seus beneficios a esas comunidades

Valentín González Formoso, na Coruña.

Falábame dos catro piares do seu proxecto.

Si. O sector forestal. Nun momento no que estamos a prever a posibilidade de renunciar a un gran transformador como Ence, temos que ter alternativas e a conciencia de que non podemos ser só exportadores de madeira sen transformar. Onte estiven na estación de Vedra, un punto de exportación da nosa madeira para todo o Estado. É normal que haxa unha porcentaxe de exportación, pero por que o resto non o podemos transformar aquí? O mesmo sucede co sector extractivo do mar. E todo vinculado ao primeiro piar, o da innovación. Non pode haber un sector forestal transformador se non apostamos pola innovación. Se nos conformamos con ser unha fábrica que non innova, só poderemos competir reducindo custos laborais. O outro gran piar é a defensa razoable, razoada e sostible dos servizos públicos. A pandemia ten que ensinarnos o valor do público. Mentres viamos pasar a pandemia desde a xanela, os sanitarios estaban a arriscar as súas vidas, literalmente. Non podemos ter memoria de peixe. Xa sei que o sistema de saúde é costosísimo, e nós non somos un partido ao que iso lle dea igual. Estamos dispostos a reducir outras partidas orzamentarias que consideremos menos esenciais para favorecer un desenvolvemento xusto da política laboral dos sanitarios en Galicia. Todos coñecemos médicos, enfermeiras e enfermeiros que teñen contratos dunha semana. Hai que facilitar que a Xunta poida dedicar máis orzamento a iso. Somos unha oposición construtiva, as nosas orixes son as institucións e sabemos o que é cadrar un orzamento. O mesmo serve para a Educación. Se a expresión de hai uns anos era «prima de risco» , agora é «a España baleirada» e «a Galicia baleirada» . É unha realidade nun país que no ano 1961 tiña a mesma poboación que Irlanda. Somos a Irmandade Celta, pero hoxe eles teñen seis millóns de habitantes e nós, 2,7 millóns. Alí apostaron por un modelo innovador e tecnolóxico, e non hai ningún irlandés emigrando a Galicia, pero si galegos e galegas emigrando a Irlanda. Nese escenario é no que non podes pechar un colexio. Sei que é difícil de entender que se poida manter unha escola unitaria con cinco nenos e nenas. Pero se a pechamos, non haberá ningún dentro duns anos.

Sei que é difícil de entender que se poida manter unha escola unitaria con cinco nenos e nenas. Pero se a pechamos, non haberá ningún dentro duns anos

Como vai trasladar todo iso á sociedade galega sen ter o altofalante do Parlamento de Galicia?

Non me preocupa. Temos un sistema de medios de comunicación variado e plural, e podemos permitirnos o luxo de facer política onde hai que facela. Hai unha cobertura mediática que permite que o fagamos alí onde a xente quere que esteamos, que é ao seu lado. O Parlamento representa a soberanía de Galicia e é a institución máis respectable do país, pero a opinión da cidadanía non se coñece entre os seus muros. Non vou dicir que agradezo esta situación, porque non é así, pero creo que o noso proxecto é perfectamente explicable e que poderemos conectar perfectamente coa sociedade galega estando máis fóra que dentro do Parlamento de Galicia.

Os seus rivais están nunha posición de maior forza e si están no Parlamento.

Insisto en que vimos das institucións municipais, de verlle a cara e de poñerlle nome á xente. Esa é a política que facemos, a que nos gusta, e non imos cambiala. Temos aos nosos representantes no Parlamento para facer política nesa institución, pero como correa de transmisión da política que fagamos coa sociedade galega.

Non vou dicir que agradezo esta situación, pero creo que o noso proxecto é perfectamente explicable e que poderemos conectar coa sociedade galega estando máis fóra que dentro do Parlamento de Galicia

Para gañarlle a Feijóo vai ter que atraer o voto dos galegos que levan anos apoiando o PP. Como vai facelo? Ten estratexia para iso?

Nas Pontes eu teño o apoio de xente que noutras convocatorias electorais votan o PP. Esa conexión existe se fas unha política construtiva, propositiva, con criterio de país. Nós aspiramos a gobernar, e iso pasa por recoñecer os acertos do rival, pero tamén as túas propias debilidades.

Que acertos recoñece nos gobernos de Feijóo?

Leva moitos anos no Goberno e é normal que tivese acertos. Se me pregunta por un, direille que na Lei de Emprendemento hai algunhas cuestións que me parecen interesantes. Pero o que caracteriza os mandatos de Feijóo é a renuncia. A renuncia á eficiencia, ao compromiso co país, a abordar asuntos que pasan sen pena nin gloria, a evitar esta permanente sensación de depresión colectiva… É certo que o márketing do que se rodea é moi bo, pero o márketing persoal de Feijóo está a facerlle moito dano a Galicia.

O que caracteriza os mandatos de Feijóo é a renuncia á eficiencia, ao compromiso co país, a abordar asuntos que pasan sen pena nin gloria, a evitar esta permanente sensación de depresión colectiva…

Fálame coma se xa decidise ser o candidato á Presidencia da Xunta, é así?

Non quero repetir o que parece un tópico, pero neste partido quen decide é a militancia. Eu tomarei a decisión de presentarme se vexo que o meu proxecto entusiasma a sociedade galega.

Valentín González Formoso / Foto: Deputación da Coruña.

Como contan as mulleres no seu proxecto? Por que cre que o PSdeG nunca tivo unha secretaria xeral, nin unha candidata á Presidencia da Xunta?

A presidenta da miña executiva é unha muller, Carmela Silva [presidenta da Deputación de Pontevedra], e a vicesecretaria xeral é unha muller, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo. Na miña executiva hai unha maioría de mulleres. Dentro dun marco democrático nunha formación que defende e promove a igualdade, como dubidar de que o presidente do Goberno poida ser un home? Entra dentro do funcionamento normal do noso partido que eu poida dirixir o PSdeG.

Nunha formación que defende e promove a igualdade, como dubidar de que o presidente do Goberno poida ser un home? Entra dentro do funcionamento normal do noso partido que eu poida dirixir o PSdeG

Vai contar no seu proxecto con Gonzalo Caballero, o anterior secretario xeral e o seu rival nas primarias?

Claro que vou contar con el. É unha persoa moi válida, que traballou con moitísima dedicación ao partido, é imprescindible. Coincidimos nun 95% das cuestións relevantes. E non quero perder un momento nas cuestións internas, en se nos tomamos catro ou sete cafés xuntos, porque iso non vai contribuír a cambiar este país.

Claro que vou contar con el [Gonzalo Caballero]. É unha persoa moi válida, que traballou con moitísima dedicación ao partido, é imprescindible

Pero tomaron un café xuntos?

Bo, falamos.

Vai mantelo na portavocía do grupo parlamentario?

Non, cremos que a militancia enviou unha mensaxe de que quere novas formas e un novo discurso que se transmita de maneira diferente desde o grupo parlamentario.

E quen vai substituílo?

Xa veremos, hai distintas opcións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail