Embalsamar o franquismo: así preparou o réxime a agonía e a morte do ditador para asegurar a súa sucesión

A Coruña.- Na madrugada do 20 de novembro de 1975, os catro forenses que foran designados para tratar o cadáver de Francisco Franco comezaron os preparativos para embalsamalo e arrombalo para a súa exposición pública. Dirixíaos o doutor Bonifacio Piga, catedrático de Medicina Legal e pai de Antonio Piga, que formaba parte do equipo e o único dos catro que aínda segue vivo.

Segundo recollen os historiadores que escribiron sobre as últimas horas de Franco, os forenses traballaron nunha silenciosa habitación do hospital madrileño da Paz rodeados doutros colegas, médicos e cirurxiáns esgotados tras semanas de transfusións, intervencións cirúrxicas á desesperada e ordes contraditorias.

O corpo de Franco, que segundo contaría Piga fillo anos despois pesaba menos de 30 quilos, estaba case desecado e sinalado polas picadas, as incisións, as drenaxes e as cicatrices, reflexo dunha prolongadísima e forzada agonía. Quizá os catro forenses caeron entón na conta da metáfora, ou quizá non, pero o certo é que aquel non era un embalsamamento máis: construíndo a última imaxe do tirano, tamén estaban, dalgún modo, contribuíndo a momificar un réxime que se resistía a morrer do todo.

Propaganda

En 1973, aínda que a propaganda das ditadura se esforzase en camuflalo, Franco arrastraba xa unha fatiga evidente, con mostras de senilidade e deterioración neurolóxica, tremores por mor do parkinson, dificultades motrices e problemas circulatorios. Juan Carlos de Borbón, a quen catro anos antes designara sucesor, describe nalgunhas conversacións con xornalistas como Laurence Debray, a súa biógrafa oficial, que en varias ocasións Franco nin sequera respondía as súas preguntas, manténdose sen fala cunha expresión impávida en metade dunha conversación.

O 12 de xuño de 1973, delegara a presidencia do Goberno en Luis Carrero Blanco, cuxo asasinato o 20 de decembro daquel ano, segundo Paul Preston, supuxo o golpe psicolóxico máis duro que o tirano recibira desde os tempos da guerra civil. Stanley Payne documentou como desde entón o seu estado físico se foi agravando, con episodios de anxina e dificultades respiratorias cada vez máis frecuentes, que o obrigaban a cancelar ou a ausentarse precipitadamente de reunións, despachos e audiencias oficiais.

Juan Carlos de Borbón e Francisco Franco, nunha imaxe tomada en 1969 / Foto: Nederlands Nationaal Archief

A principios do verán de 1974, o ditador padeceu unha tromboflebite na perna dereita, ao parecer motivada pola súa inactividade durante as horas que pasaba sentado, case inmóbil, vendo partidos do campionato do mundo de fútbol –curiosamente, o último no que non participou a selección de España–. O 9 de xullo, o seu médico persoal, Vicente Gil, amigo e asesor desde 1937, recomendou o seu ingreso no hospital. E aínda que a medicación funcionou contra o trombo, provocoulle unha grave hemorraxia dixestiva que estivo a piques de matalo. O seu sacerdote particular, José María Bulart, chegou a darlle a extremaunción.

Ao parecer, Franco sumiuse entón nun profundo abatemento psíquico fronte ao que o sucesor de Carrero na presidencia do Goberno, Carlos Arias Navarro, reaccionou instándoo a asinar o decreto provisional de delegación de poderes en Juan Carlos de Borbón. A oposición do xenro do ditador, Cristóbal Martínez Bordíu, cardiólogo, provocaría un serio enfrontamento con Vicente Gil, que acabaría coa destitución deste como galeno de cabeceira do Xefe do Estado e a súa substitución por Vicente Pozuelo Escudero, un internista militante de Falanxe.

Reformas

Tras ser dado de alta e de pasar unhas semanas de descanso na súa residencia estival de Meiras, en Sada (A Coruña), onde recibiu ao daquela príncipe de España, Franco sofre unha nova hemorraxia dixestiva masiva en outubro de 1974, que obriga a novas transfusións e que, segundo Payne, fai que algúns dos seus ministros e outros altos cargos da ditadura comprendan que a situación empeza a ser irreversible e que a sucesión do ditador comezou xa. Entre eles estaría Manuel Fraga, que se enfrontou ao sector de Carrero Blanco –Fraga tamén aspiraba á presidencia do Goberno–, e quen vive a hospitalización do tirano desde o seu posto de embaixador en Londres. El e outros representantes dalgúns sectores do réxime estarían a advertir desde dentro de que este non sobreviviría á morte de Franco sen un mínimo de reformas, sequera cosméticas.

Franco, esa pantasma

Aquelas disputas mestúranse coas discusións médicas sobre os tratamentos de Franco, cuxa saúde se deteriora e obriga a novos ingresos. O seu novo médico, Vicente Pozuelo, relatou antes do seu falecemento en 1997 que o xenro do ditador comezou a intervir continuamente nas decisións do resto de facultativos, cuestionando os tratamentos que recomendaban os seus colegas, presionando para que emprendesen cirurxías máis invasivas e mesmo anulando decisións do resto de profesionais, provocando unha verdadeira pugna de poder entre os médicos civís e os que representaban á familia. Esa guerra discorría paralela ao enfrontamento político soterrado entre as distintas faccións da ditadura.

O sistema tamén empeza a dar mostras da súa incapacidade para, a pesar de todo o seu poder propagandístico e de censura, ocultar o evidente: o ditador está a morrer. Aínda que morrerá matando

Franco sofre máis complicacións en febreiro de 1975 e de novo en xullo dese ano. O sistema tamén empeza a dar mostras da súa incapacidade para, a pesar de todo o seu poder propagandístico e de censura, ocultar o evidente: o ditador está a morrer. Aínda así, morrerá matando: en setembro celébranse consellos de guerra que condenan á morte a José Luis Sánchez-Bravo, Xosé Humberto Baena, Ramón García Sanz, Ángel Otaegi Etxeberría e Jon Pardes Manot. A pesar da presión interna e externa, son executados o día 27 dese mesmo mes.

Apoio a Juan Carlos de Borbón como sucesor

Apenas dúas semanas despois, Franco sofre unha indisposición durante os actos do 12 de outubro. O 2 de novembro resulta afectado por unha nova hemorraxia dixestiva severa que obriga a intervilo nun quirófano improvisado na súa residencia do Palacio do Pardo. Ao día seguinte ingresa no hospital da Paz, de onde xa non sairá. Mentres tanto, Juan Carlos de Borbón, que xa exerce como xefe do Estado en funcións, negocia con Estados Unidos e con Marrocos a saída de España do Sáhara Occidental a cambio do apoio á súa posición como sucesor do ditador.

Sobre o corpo deste, os médicos seguen intervindo a petición de Martínez-Bordíu, a pesar de que, segundo Pozuelo, os seus colegas non deixan de advertirlle de que só está a provocar enormes sufrimentos ao paciente. Algúns historiadores, entre eles Preston e Javier Tusell, mencionan a hipótese de que o xenro do ditador pretendía facer coincidir a data do seu deceso coa do aniversario do de José Antonio Primo de Rivera, fundador de Falanxe, condenado á morte por conspiración e rebelión militar contra a República e fusilado o 20 de novembro de 1936 en Alacante.

O 18 de novembro de 1975, Franco entra en coma. Non é declarado morto ata as 4:20 da madrugada do 20 de novembro de 1975. Un teletipo de Europa Pres anúnciao escuetamente ás 4:58, cinco horas antes de que Arias Navarro o confirme en directo e en persoa por televisión. En 2019, Antonio Piga, o único dos seus embalsamadores que segue vivo, contou que ao equipo forense que tratou ao cadáver, e que chegou á Paz pasadas as once e media da noite do día 19, obrigárono a falsear a hora da morte. Repetiuno en varias ocasións desde entón.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail