O caso dos perfís morados

Na última semana observei que na plataforma TikTok, onde a xuventude pode que pase moito tempo (non o vou confirmar nin desmentir, que non quero traerlle a ninguén problemas), unha cantidade considerable de xente cambiou as súas fotos de perfil, engadindo un filtro morado ou facéndoas moradas na súa totalidade. Sendo a persoa curiosa e con afán de investigación que son, dispúxenme a averiguar a que se debía o fenómeno, sobre todo porque non vin que case ninguén falase diso. Así foi como descubrín o que está a pasar en Sudáfrica.

Segundo fontes como UNICEF, cada dúas horas ou dúas e media unha muller é asasinada por razóns relacionadas co seu xénero, é dicir, morte por feminicidio. O nivel de violencia é extremo, ata o punto de que unha organización de mulleres do país, Women for Change, preparou un acto de protesta masiva para este 21 de novembro, pensada para coincidir co cumio do G20, que terá lugar en Johannesburgo por primeira vez na historia e ao cal está convidada España (entre outros países da Unión Europea, África e Asia). Pretenden así chamar a atención sobre o que só se pode considerar unha emerxencia nacional.

Segundo a mensaxe da súa páxina web, Women For Change considera que non se poderá falar de progreso ou crecemento mentres a violencia contra as mulleres siga sendo tan habitual e estea tan normalizada. Así mesmo, esixen que a situación sexa declarada como desastre nacional.

A protesta consistirá nunha folga xeral e absoluta, durante a cal as mulleres e as persoas LGBTQ+ sudafricanas son chamadas a non traballar, xa sexa remuneradamente ou sen salario (por exemplo, traballo doméstico), a non gastar cartos (de forma que se retira a súa contribución á economía por un día), a vestir de loito en memoria das mulleres asasinadas pola violencia machista e a unirse ao xesto planeado para as 12 da mañá, deitándose no chan durante quince minutos.

Ademais, a organización pide unha demostración virtual. Piden ás mulleres e aos aliados que poñan as súas fotos de perfil moradas para demostrar solidariedade e apoio ao movemento e á protesta. Esta proposta, que reuné non só a cidadanía de Sudáfrica, senón a quen queira participar no resto do mundo, ten como obxectivo facer viral o movemento e facer coñecer a situación das mulleres sudafricanas. Queren poñer o foco, segundo a páxina web, na hipocrisía do goberno do seu país, que quere presentarse como unha economía estable e presente á vez que ignora os cadáveres das mulleres que a sosteñen.

Ao facer coincidir a protesta co cumio do G20, tentan que sexa imposible de ignorar a situación, tanto para o goberno sudafricano como para os líderes internacionais que teñen pensado reunirse en Johannesburgo para discutir o crecemento económico, o desenvolvemento global e o futuro das nacións, mentres as mulleres son asasinadas cada dúas horas ao seu redor.

Este tipo de movemento a grande escala, con chamada internacional, demostra ao meu ver unha gran capacidade de organización e moita valentía por parte das mulleres que o popularizaron. É moi difícil levar a cabo actos de protesta a este nivel sendo vítima dunha violencia tan masiva e constante coma a que sofren as mulleres e as persoas LGBTQ+ de Sudáfrica. Tampouco é doado facelo dunha maneira que chama a atención negativa cara ao goberno do seu país, pero a situación é tan precaria e perigosa que este é o recurso que queda.

Cambiar a foto de perfil en redes sociais pode parecer unha parvada, pero este tipo de activismo, o de Internet, é cada vez máis popular porque facilita que as noticias e os movementos se propaguen e chamen a atención das autoridades e doutras persoas que verdadeiramente poden axudar máis. É innegable, ao meu ver, que a atención constante por parte de activistas en redes sociais está sendo de axuda no caso de Gaza, ao motivar a xente a participar en protestas e presionar aos gobernos a tomar acción.

Se cambiar a foto de perfil pode mover sequera unha soa persoa a impedir que as mulleres sudafricanas sexan masacradas, paréceme non só un prezo máis que razoable, senón un xesto básico de humanidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail